Subliñando un despregue de medios que segundo o presidente do Estado "tén poucos precedentes", José Luís Rodríguez Zapatero salientou que os efectivos de extinción chegan xa ás 7 mil persoas, con 700 vehículos e preto de 60 aeronaves e prometeu que non se escatimarán os medios necesarios, e avanzou que unha unidade especial do exército vai colaborar en tarefas de extinción. De paso que gabou o traballo de coordinación e dos equipos apagalumes, agradeceu tamén a colaboración cidadá e lembrou que catorce presuntos incendiarios foron detidos no que vai de mes de agosto.
Zapatero rexeitou facer valoracións sobre a intencionalidade detectada na ampla maioría dos lumes, e pediu deixar traballar ás forzas de seguridade, asegurando que "no seu momento" se informará polo miúdo das detencións xa realizadas e indicando que "segue a investigarse para descubrir aos autores destes feitos incualificábeis". Ao respecto engadiu que a fiscalía "vai actuar coa máxima firmeza e contundencia contra eles".
O presidente do goberno estatal, que visitou dúas bases aéreas de loitas contra os incendios e fixo un percorrido en helicóptero nas zonas de evolución dos lumes na provincia de Pontevedra, debullou os medios até agora despregados e anunciou que dera orde ao exército para que unha unidade de enxeñeiros de elite das forzas armadas que dispón de maquinaria pesada, actúe combinada co dispositivo de extinción para asegurar o apagado final dos incendios controlados.
A unidade en cuestión componse de oito seccións, composta cada unha delas por 25 persoas e 5 vehículos, e durante os dous próximos días sumaranse aos 1.200 efectivos xa despregados. "O obxectivo primordial, dada a singularidade dos lumes que se están a rexistrar, é garantir a seguridade das persoas e a seguridade dos seus bens", precisou Zapatero. A continuación, indicou que a metade dos medios aéreos cos que conta o ministerio de Medio Ambiente para a loita contra o lume están xa traballando en Galiza. Doutra beira, revelou que máis dun cento de axentes especializados da Policía e da Garda Civil, investigan xa as pegadas atrás dos incendiarios.
Na mesma rolda de prensa, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, agradeceu "a entrega, a coraxe e o sacrificio" das brigadas que forman parte do operativo de extinción e insistiu en que o goberno galego está cumprindo o obxectivo de "salvagardar as vidas humanas e as facendas dos cidadáns, co dispositivo máis importante que nunca puido ter Galicia para enfrontar un desafío sen precedentes".