A miúdo se vén falando da necesidade de coidar o monte como base fundamental para a prevención dos incendios forestais. Expresións como "os incendios fréanse no inverno" fan referencia a esa tarefa de atención ás masas forestais. Malia iso, na vaga de lumes que prendeu nos montes este verán, Cristina Verde, da Asociación Forestal de Galicia, advirte que este verán non só están ardendo coma outras veces montes descoidados, senón zonas arboradas especialmente coidadas, áreas con madeira de calidade, podas regulares e estritos tratamentos de silvicultura. Segundo explica, a situación é claro exemplo da intencionalidade dos lumes.
"A vaga actual non ten moitos puntos en común coas doutros anos", explica Cristina Verde, avisando que a maioría de membros da asociación alertan estes días que "nunca viran nada semellante: vese certa organización, os lumes semellan prendidos dunha maneira moi ben artellada".
A voceira da Asociación Forestal de Galicia lembra unha conferencia escoitada hai tempo do profesor Ámerico Carballo, da Universidade do Porto, onde reparaba en que "se algo tivera de bo a vaga sufrida daquela por Portugal foi que o país comezou a falar en serio da floresta". Dese xeito, agarda que á fin, o acontecido este ano sirva para "a desgraza non sexa en balde". "Se algo parece que se avanza estes días é no feito de que a sociedade semella darse conta da importancia do monte", afirma, "e hai que insistir en que o problema non é só forestal, senón de toda a sociedade".
Láiase de que as características dos lumes están facendo que todos os medios deban ser destinados á protección das vivendas, "de xeito que non se está investindo na defensa do monte, senón na defensa dos núcleos urbanos, gasolineiras e empresas que se instalaron no monte". Na súa opinión, iso, unido "ao caos na ordenación do territorio" dificulta que os medios poidan ser empregados na atención aos montes.
Con todo, Cristina Verde chama "contra o alarmismo" e recrimina que ás veces "parece que vivimos en Beirut, no canto de en Galiza", de xeito que "aínda que a vaga de lumes é extraordinaria hai que enfrontala con calma, non facer confrontación política disto e amosar madureza social, porque este é un problema de todos".