Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XACEMENTOS AFECTADOS

Patrimonio arqueolóxico en perigo polo lume

O contorno do concello pontevedrés de Campo Lameiro acolle nos seus montes unha das máis vizosas concentracións de gravados rupestres atopadas en Europa. Tal riqueza arqueolóxica, aínda sendo declarada monumento histórico-artístico hai máis de trinta anos, está aínda pendente de converterse no que será o futuro Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro. Algúns dos petroglifos da zona foron afectados pola recente vaga de incendios.

- 09:19 15/08/2006
Tags:

Técnicos da consellaría de Cultura avalían xa sobre o terreo a situación desta herdanza arqueolóxica, e aseguran que a área concreta que formará parte do futuro parque ao aire libre, que acadará até 22 hectáreas de superficie, e á beira do que se construirá o centro de interpretación destinado á investigación e aos turistas, non se produciron danos importantes.

Porén, fóra desa zona si se detectaron danos en áreas moi ricas que inicialmente non formaban parte dese proxecto. No contorno dun cortalumes, un petroglifo escavado en 1981, cuberto posteriormente e aberto outra vez hai só dous anos, viuse afectado polo lume, e desde Cultura informan que está agora mesmo protexido por unha lona. Tamén destaca outro exemplo, no lugar de Tourón, no concello de Pontecaldelas, onde a un significativo petroglifo lle pasou o lume por riba.

Logo de vérense afectados polo lume, a ameaza da erosión multiplícase sobre estas obras gravadas nas pedras, sensíbeis tamén a calquera outro impacto, caso do paso de persoas ou vehículos. Nese sentido, o temor é maior fronte aos grandes vehículos pesados trasladados polo exército. Desde Cultura afirman estar traballando xa na avaliación completa da situación, e avanzan a vontade de cara ao futuro, coordinar un plano coa consellaría de Medio Rural, para que os dispositivos de extinción estremen as precaucións nestas zonas.


0/5 (0 votos)