Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DÉFICE DE INVESTIMENTO

Acusan o executivo de "deixar en segundo plano" as liñas ferroviarias convencionais

"As directrices políticas dirixidas cara ao ferrocarril están empeñadas en ampliar as liñas de alta velocidade, deixando nun segundo plano as liñas convencionais, xa que reciben unha mínima parte dos investimentos dos actuais orzamentos xerais do Estado, que nos conduce a unha situación que provocou unha serie de tráxicos accidentes ferroviarios nos últimos anos". A advertencia chega desde o Sindicato Federal Ferroviario da Confederación Xeral do Traballo, CXT.

- 12:45 22/08/2006
Tags:

"Este accidente ferroviario volve poñer a atención sobre o abandono da nosa rede convencional ferroviaria", lembran desde esta formación sindical, "independentemente das causas que puidesen acontecer neste tráxico accidente, é imprescindíbel denunciar a evidente falta de interese cara a todo o que non sexa construír novos corredores de alta velocidade".

Desde a Confederación Xeral de Traballo apuntan que en principio a liña onde se produciu o accidente suponse que conta cos maiores estándares de seguridade, "dobre vía electrificada, sistema ASFA, comunicación tren-terra, dispositivos electrónicos nas estacións e bloqueo automático. Con todo, aproveitan para recordar a falta de traballadores, causada polos expedientes de regulamento de emprego aplicados en Renfe e nas empresas ADIF e RENFE-Operadora, "eliminando personal de control e seguridade da circulación nas estacións, recurtando xente de mantemento de vehículos de material convencional e reducindo os encargados de revisións na infraestrutura ferroviaria". Todo isto, en opinión da CXT, contribúe a recurtar a seguridade ferroviaria nas liñas convencionais.

Ao fío, agardan que o informe técnico sirva para botar luz sobre o acontecido e esperan que "a investigación sexa transparente e non derive en actitudes vistas anteriormente nas que se imputa unha empresa a outra as causas do accidente, evitando responsabilidades". "Hai que lembrar continuamente que o ferrocarril é un servizo público e que como calquera outro hai que conservalo e mantelo en boas condicións, mellorando os sistemas de seguridade, infraestruturas e material rodante, á marxe de criterios mercantilistas que son diametralmente opostos á seguridade ferroviaria, xerando situacións de risco para traballadores e usuarios", afirman.


0/5 (0 votos)