Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TRABALLOS DA ASOCIACIÓN PARA A RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA

Recuperan os corpos de asasinados polo franquismo en foxas comúns das Pontes e Portomarín

Pistoleiros da Falanxe foron o 22 de agosto de 1936 á vivenda do concello das Pontes onde vivía o matrimonio formado por Manuel Ramos e Juana Ferreiro. Esa noite asasináronos a eles e a dous dos seus fillos. O foxo onde botaron os seus corpos é un dos obxectivos do traballo de exhumación que esta semana levará a cabo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica. Ao fío, desde o colectivo destacan a colaboración dun xubilado xaponés, que logo de coñecer a través da prensa de seu país as iniciativas do colectivo, se trasladou até Galiza para colaborar nas tarefas de recuperación da memoria.

- 07:02 23/08/2006
Tags:

Na porta da casa, os pistoleiros asasinaron aquel 22 de agosto de 1936 a Manuel e a seu fillo maior. A continuación fixeron saír á muller e outro dos fillos, leváronos ao camposanto cos cadáveres, fixéronlles cavar un foxo e logo de asasinalos a eles tamén, botáronos a todos aló. Outro dos fillos, coa axuda dun parente fiscal, conseguiu en pleno franquismo iniciar un proceso xudicial contra os 18 individuos implicados na morte de seus pais e irmáns. Logo de que moitos veciños declarasen contra eles, un crego incluído, foron absoltos cunha sentenza que afirma que os falanxistas "estaban en acto de servizo". Segundo a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, "este caso define perfectamente o modelo de Estado e as características da represión franquista".

O arqueólogo Javier Ortiz dirixe estes días os traballos de exhumación nestes foxos, e logo do traballo nas Pontes, o equipo do colectivo irá deica a localidade luguesa de San Mamede do Río, aldea do concello de Portomarín, onde buscarán os restos de Antonio Rivas, asasinado o 27 de agosto de 1936. O traballo seguirá en Lago de Carucedo, no Bierzo, onde o obxectivo será recuperar o corpo de Servando González Macías, asasinado o 2 de outubro de 1936.

Colaboración e voluntarios
Alén do grupo de arqueólogos e forenses voluntarios que traballan en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, desde o colectivo louvan o caso de Toru Orokawa, cidadán xaponés de 65 anos que hai ano e medio leu nun diario nipón o relato do traballo realizado pola asociación e este ano, e recén xubilado do seu traballo como profesor de inglés, decidiu viaxar a Galiza para colaborar nas tarefas de recuperación da memoria.

Orokawa apareceu hai poucos días no Bierzo, e achegouse até o Concello de Ponferrada co obxectivo de contactar coa Asociación. Agora, pasará dous meses colaborando co colectivo. Desde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica lembran que non é a primeira vez que desde diversos países chegan voluntarios interesados en cooperar con eles, destacando o verán de 2002, cando contaron coa axuda dunha ducia de persoas chegadas de nove países diferentes, e salientan que Toru Orokawa é o que de máis lonxe chegou a interesarse polo seu labor.

  • Anteriores:
    • O Barco da Memoria acada as 13 mil visitas no ecuador da súa travesía
    • Flor Baena: "Pido que se limpe o nome do meu irmán, non quero cartos"
    • Esquerda Unida volve pedir que se retire a simboloxía fascista
    • A Comisión pola Memoria da Coruña pídelle ao Concello que condene o golpe
    • Galiza lembra as vítimas da represión franquista con máis intensidade ca nunca
    • O Congreso declara oficialmente o 2006 como Ano da Memoria Histórica
  • "Ti eres lume vivo, acesa chama,/roita irreversíbel de futuro;/potente trebón que berra e crama,/home do pobo, asoballado e puro!". Velaquí un anaco dos versos adicados polo recentemente finado Manuel María ao galeguista Alexandre Bóveda. Hai xa 68 anos que o exército sublevado fusilou a Bóveda na Caeira, en Poio. Na memoria do deputado ourensán e do resto de vítimas republicanas da Guerra Civil celebramos o "Día da Galiza Mártir".
    • "Bóveda na Galiza do 2004", artigo de Justo Beramendi para Tempos Novos
    • Bóveda, a figura incómoda do nacionalismo: chat co historiador Ramón Villares.
    • Taramancos non esquece a Bóveda: transcrición dunha emisión do programa radiofónico arxentino 'Con vós', dirixido á comunidade galega.
    • Biografía de Alexandre Bóveda, manifesto, mp3 coa súa voz orixinal cantando coa Sociedade Polifónica de Pontevedra e conclusións do Congreso "A Galiza de Bóveda"
    • A guerra civil en Galiza: ligazóns na rede
    • Homenaxe en Galiza Espallada
    • Alexandre Bóveda como presente, artigo de Manuel Mera na web da CIG
    • Anterior: Amnistía insiste en poñerlle fin ao "silencio e a inxustiza de case 70 anos"


    0/5 (0 votos)