Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ALCALDE DO PPdeG EN BOQUEIXÓN

Adolfo Gacio: "Hai que cambiar e mellorar a política forestal"

Os conselleiros de Medio Rural e Presidencia acudiron este mércores a unha xuntanza con alcaldes das provincias da Coruña e de Lugo, dos concellos onde o lume afectou máis gravemente, e co obxectivo de debullar as iniciativas de reparación establecidas e concretar plans de acción. Aínda que preto de medio cento estaban convocados só 26 asistiron. Os rexedores do PPdeG, a metade dos presentes, leron un comunicado en protesta polas acusacións de falta de colaboración realizadas estes días polo contorno do BNG, esixiron desculpas e saíron da xuntanza. Falamos con Adolfo Gacio, alcalde de Boqueixón, e voceiro dos alcaldes populares.

- 12:17 30/08/2006
Tags:

Por que deixaron a reunión os alcaldes do PP?
Foi a primeira vez que se nos insultou aos alcaldes. Iso nunca pasara con Manuel Fraga, nin con alcaldes socialistas nin nacionalistas. E os alcaldes somos persoas elixidas directamente pola xente, polo pobo, e non podemos tolerar que se fagan ese tipo de declaracións.

De que se queixa en concreto o Concello de Boqueixón?
Nós levamos anos tendo brigada, cunha parte pagada pola Xunta, e este ano non nola deron, nin a nós nin a concello veciño de Vedra. E iso que estamos na Rede Natura e somos un concello forestal en gran medida. E malia iso nós colaboramos, gastamos moitos cartos en gasoil, traballamos para frear os lumes, ardeunos un tractor no monte no labor de extinción. Non podemos pasarlle agora o sombreiro aos veciños.

Vostede que opina da vaga de lumes destas semanas, foi diferente ou non?
Houbo moitos menos que outros anos, pero pola contra aumentou o número de hectáreas queimadas. Se o lume é grande e non se controla a tempo é cando se achega ás casas, porque en Galiza temos un número de núcleos de poboación moi grande. En Boqueixón por exemplo hai 102 núcleos e 19 parroquias, ademais das casas soas por aí adiante. Claro que se achegaron ás casas, pero porque foron grandes, e porque antes se chegaba a tempo e agora se tardou dúas horas ou máis.

O conselleiro di que o goberno non insultou a ninguén e que non se pode mesturar o que din partidos e de executivo...
Aí ten razón, pero el é membro do BNG e algo terá que dicir ao respecto. En Galiza ademais os alcaldes do PP somos ampla maioría, e non se pode tratar de xuntar esforzos baseándose en difamar e vilipendiar.

Asociacións forestais ou comunidades de montes falan de que é fundamental cambiar a política forestal. Vostede pensa logo que a extinción é a única clave?
Nós o que pensamos é que non pode acusarse a propietarios, nin a brigadas, nin aos alcaldes. O PP nunca acusou nin a estremistas do BNG nin a ningunha outra persoa, e agora falan de tramas, pero, onde están esas tramas? A policía di que non existen. Se agora se fala de "gran guerra" entón que foi o que aconteceu outros anos cando houbo milleiros de lumes máis? Reiventamos a historia para revisar as batallas de Trafalgar ou Cuspedriños? Isto non foi unha guerra, e o goberno debe aceptar que houbo erros. E o PP non quere eximirse da súa responsabilidade, porque tamén seremos responsábeis no que nos toca, pero esixímoslle ao goberno que faga crítica e eviten buscar chivos expiatorios.

O presidente do seu partido vén de ofrecer un pacto en política forestal, que opina vostede?
Claro que hai que ir ao recoñecemento de puntos de encontro entre todos. Non digo que non haxa que avanzar por aí. Pero todos os veráns imos seguir tendo incendios. Hóuboos por milleiros deica agora e non vai deixar de habelos. E os sistemas de extinción é fundamental que estean ben xestionados.

Entón vostede pensa que hai que mudar a estratexia forestal que aplicaron os gobernos anteriores?
Por suposto, a política forestal haberá que cambiala e mellorala. Pero incendios vai haber igual. No último ano déronse 170 mil permisos para facer queimas, gústanos o San Xoán. O outro día no mesmo Boqueixón vin dous señores facendo unha queima de rastrollos nunha eira, cousa que está totalmente prohibida, e houbo que ir aló dicirlles que apagaran. Os galegos somos un país ao que nos gusta queimar.


Ligazóns

0/5 (0 votos)