Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
INSTA Á COMISIÓN EUROPEA A FLEXIBILIZAR O FONDO DE SOLIDARIEDADE

O Europarlamento vota a prol de axudas para Galiza pola vaga de lumes

Por ampla maioría, o Parlamento Europeo votou en favor das iniciativas presentadas por varias formacións e que lle pedían á Comisión Europea que bote man do Fondo de Solidariedade para concederlle axudas a Galiza despois da vaga de lumes deste mes de agosto. O documento consensuado por todos os grupos sinala ademais que en Galiza queimouse preto da metade da superficie forestal que ardeu en toda a Unión Europea no que vai de ano. Á beira, recoñece a pouca atención que a Unión Europea lle vén dedicando ao problema dos lumes, expón recomendacións para o desenvolvemento de políticas de prevención e chama ao intercambio de experiencias neste eido.

- 12:46 07/09/2006
Tags:

A resolución da Eurocámara sinala a elevada actividade incendiaria en diversos Estados do sur da UE e refírese especificamente a Galiza, indicando que arderon no que vai de ano "88.473 hectáreas, causando catro mortes, ferindo 514 persoas, matando animais e provocando un considerábel dano ecolóxico, incluíndo dezasete Lugares de Importancia Comunitaria, incluídos na Rede Natura 2000 e outras áreas de significativa interese ecolóxica".

O documento tamén agoira que o ciclo climático actual, caracterizado polas longas sexas e elevadas temperaturas vai axudar a que en toda a UE aumenten os lumes forestais e recoñece a necesidade de reforzar a capacidade da UE e os seus mecanismos de protección civil para responder a desastres naturais que moitas veces lle afectan a varios Estados á vez. Ao tempo, admite que as políticas europeas cara ao desenvolvemento rural non atenderon ao problema e mesmo botaron fóra dos programas as axudas que había para manter cortalumes ao tempo que subliña que se ben se está preparando lexislación específica sobre a prevención de asolagamentos, despois dos sufridos por varios países do centro de Europa nos últimos anos, non está en proxecto ningunha iniciativa similar respecto das ameazas de seca e dos lumes.

Cartos e recomendacións
O Parlamento Europeo expresa así a súa "solidariedade cos parentes de quen perdeu a vida e cos veciños das áreas afectadas, en particular en Galiza" e dálle as grazas aos profesionais e voluntarios que participaron nos labores de extinción. Tamén agradece a colaboración de diversos estados da UE diante de catástrofes cunhas "dimensións" que foron máis aló do habitual. Así, o texto consensuado recomenda a introdución de "políticas adecuadas de conservación e uso da terra, incluídos a agricultura e as prácticas forestais sustentábeis".

Nese sentido, a institución ínstalle á Comisión Europea á "mobilización do Fondo Europeo de Solidariedade, sendo aplicado con flexibilidade" para facilitar o seu uso nas catástrofes acontecidas. Ademais, láianse da indiferencia amosada polo Consello Europeo diante da proposta xa existente para a creación dunha forza europea de protección civil.

O documento pide ademais que se mobilicen recursos xa existentes para o apoio das investigacións científicas sobre a prevención de desastres e as súas consecuencias, e propón que de xeito específico se cree un programa de intercambio de experiencias na aplicación de novas tecnoloxías para o control e o seguemento de incendios forestais. Recoñece ademais que o regulamento marco establecido no seu momento para a prevención non cumpriu os seus obxectivos e pide que o equipo de investigación de incendios, ademais de xuntar datos cuantitativos, afonde en riscos socioeconómicos e avalíe o impacto dos lumes. A chamada a presentar propostas concretas para o aproveitamento enerxético da biomasa, o mantemento e apoio ao emprego nas áreas rurais, o incremento das superficies forestais, o impulso de campañas de concienciación social sobre o valor do monte e o reforzo dos equipos de investigación e das sancións a incendiarios son outras das recomendacións incluídas.

Cara a novas políticas forestais: O debate entre os grupos
O eurodeputado galego do Partido Popular Europeo Daniel Varela, falou en nome do seu grupo para pedir que a UE mobilice o Fondo de Solidariedade para axudar a reparar os danos da que cualificou como "a peor catástrofe ambiental de Galiza". Varela tamén se interesou por saber se a Comisión Europea considera que o goberno español puido activar de xeito máis eficaz a solicitude de cooperación no ámbito europeo durante esta crise. No mesmo sentido, o tamén popular Gerardo Galeote solicitou que se informe do "día exacto no que se pediu que se activase o mecanismo de protección civil" e Francisco Millán, tamén do PP, criticou a "ineficacia" da Xunta.

Por parte do Partido Socialista Europeo, a galega Rosa Miguélez destacou a intencionalidade da maioría dos incendios e sinalou o abandono do monte como clave do problema, sinalando ademais o elevado dispositivo de extinción despregado durante esas dúas semanas de agosto. Máis aló foi o tamén galego Antolín Sánchez Presedo, quen pediu que a Comisión promova unha directiva europea contra incendios e deseñe unha unidade europea de protección civil.

O deputado vasco Josu Ortuondo, o representante de Galeuscat que achegara a proposta do BNG ao fío desta resolución, referiuse á multiplicidade de causas dos lumes, desde as recualificacións urbanísticas até a renuncia á plantación de especies autóctonas como causa do problema, e insistiu nos problemas estruturais de fondo. Tamén desde Galeuscat, o eurodeputado catalán Ignasi Guardáns interviu para advertir que a UE vén errando ao tratar o problema dos incendios como casos illados, no canto de afondar nunha visión global do problema. Guardans opinou que a UE ten pendente o desafío dunha verdadeira política forestal e espuxo que o caso de Galiza é exemplo de que a prevención non foi prioridade deica agora.


Ligazóns

0/5 (0 votos)