Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PARA DINAMIZAR O QUE FOI TERRITORIO INDEPENDENTE

O PSOE pide no Congreso que se recoñeza a "singularidade" do Couto Mixto

O deputado socialista no Congreso Alberte Fidalgo presentou este mércores unha proposición non de lei para que o recoñecemento da singularidade do Couto Mixto, en Ourense, como "enclave histórico-cultural". O texto explica as características deste territorio "singular" asentado na fronteira con Portugal no que até o Tratado de Lisboa de 1868 cada veciño escollía libremente a nacionalidade española ou portuguesa segundo lle conviñera. Os habitantes do Couto Mixto tamén estabal libres de pagar impostos e de ir ao servizo militar, polo que non foron poucos os casos de xente que casou para alí con tal de conseguir os beneficios de vivir nun territorio "independente".

- 17:20 07/09/2006
Tags:

Na pasada década a historia do Couto Mixto comezou a ser coñecida e reivindicada por distintas institucións, personalidades e veciños. Así, no 2002 constituíuse legalmente a Asociación de amigos do Couto Mixto, de carácter cultural, que se apoia nos estudos do historiador da zona Luís Manuel García Mañá, e en documentación gardada pola propia asociación.

Pero a iniciativa socialista quere ir máis alá e tratar de paliar a decadencia do Couto Mixto -composto polas aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, pertencentes aos concellos de Calvos de Randín e Baltar-, implicando as distintas institucións para a dinamización estratéxica da zona. O PSOE planea impulsar unha serie de actuacións para as que, din, precíase o soporte do recoñecemento desa singularidade político-administrativa de carácter histórico, sen efectos xurídicos na actualidade. Segundo a proposta presentada por Alberte Fidalgo, esta medida serviría como "motivación" para que a Xunta e o Estado concertasen estas actuacións en áreas como cultura, agricultura, desenvolvemento rural e programas comunitarios transfronteirizos.

Blogueiros das dúas beiras reivindican a independencia do Couto
A conto do impulso político e mediático provocado por esta iniciativa, varios blogueiros de Galiza e Portugal xa se pronunciaron sobre o tema, indo máis alá do recoñecemento á "singularidade" e reclamando directamente a independencia do Couto Mixto. No blog portugués Renas e Veados apostan por un micro-estado ao estilo de Mónaco ou San Marino, que sería moi beneficioso dende o punto de vista turístico e económico. En Nemeth secundan a moción e pregúntanse polas oportunidades que tería o idioma galego de chegar á ONU ou a Eurovisión da man do Couto Mixto.

Tamén recomendan o libro que sobre o Couto Mixto publicou recentemente García Mañá con fotografías de Xurxo Lobato, moitas das cales se poden ver na súa galería.


0/5 (0 votos)