Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
BEIZÓN PARA O PP CORUÑÉS

A dirección do PPdeG asume o documento que lle pedía aos seus alcaldes o atraso dos convenios antiincendios

"O PPdeG non ten nada que ocultar". Así o aseguraba este martes Afonso Rueda Valenzuela, secretario xeral do partido en Galiza, interpretando que o polémico documento enviado polos populares pedía apenas unha demora de cinco días antes de que os alcaldes decidisen que facer sobre os convenios contraincendios. Ao fío, os populares explican que os rexedores do seu partido "darán conta de todas as súas actuacións nunha comisión de investigación no Parlamento", malia que seguen rexeitando o modelo de comisión proposto por PSdeG e BNG na intención de que a investigación se restrinxa unicamente ao acontecido durante as dúas semanas de agosto da vaga de lumes.

- 15:01 12/09/2006
Tags:

O documento asinado polo PP coruñés e enviado o 22 de xuño pasado aos alcaldes populares, coordinaba a estratexia a aplicar fronte á rifa polos convenios antiincendios coa propia Federación Galega de Municipios e Provincias, presidida por Xosé Crespo, alcalde popular de Lalín, subliñándolles que a Fegamp acordara unha xuntanza coa consellaría de Medio Rural para o 27 de xuño e avisándolles que "ata entón, polo tanto, ningún Concello debería tomar ningunha decisión". Naquela altura, e malia que os populares manexaban un documento onde internamente recoñecían que nos convenios propostos pola consellaría "non existen grandes diferencias" respecto aos convenios de anteriores lexislaturas, Crespo trasladáballe publicamente ao conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, a súa preocupación polo que consideraba que era "un malestar existente entre moitos alcaldes pola falta de claridade informativa por parte do seu departamento respecto á posta en funcionamento das brigadas municipais de loita contra incendios para a campaña do verán".

Os populares din agora que o documento feito público este luns "di claramente que se debe recibir o convenio completo e hai que esperar á reunión da FEGAMP, do 27 de xuño, para asinar os convenios, o que supón que a dilación é de cinco días", malia que o texto non menciona que a "dilación" solicitada se restrinxa a ese período, e ademais recomenda estender o rigor burocrático o máis posíbel para "transmitirlle á opinión pública" que os concellos do PP "están dispostos como non podía ser menos a colaborar a tope" e crear a imaxe de que son as modificacións introducidas pola nova Xunta as que dificultan o proceso.

Xa que logo, o PPdeG evita debullar o documento, asume o seu envío e argumenta que "tendo en conta que o bipartito quere culpar aos alcaldes e a oposición do agosto negro, que supuxo que na primeira quincena do pasado mes Galiza sufrira a maior catástrofe medioambiental e social dende hai 16 anos, os populares galegos reclaman que o Parlamento aprobe unha comisión de investigación". Ao tempo, o secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, afirma que "a Xunta, o BNG e o PSdeG están dando cada día más razóns para que os populares galegos, os seus afiliados e os seus simpatizantes acudan a manifestación do vindeiro domingo, 17 de setembro".


Ligazóns

0/5 (0 votos)