Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICAS DENDE DONOSTI -2

A morte séntavos tan ben

"Un máis que interesante documental sobre o cemiterio parisino de Père-Lachaise devolve o sentidiño á sección oficial despois dun comezo decididamente esquecíbel". Segunda crónica de Martin Pawley desde o Festival de Cine de Donosti, na que corren sorte desigual os filmes de Víctor García León, Bobcat Goldthwait e Carlos Sorín.

- 21:28 02/10/2006
Tags:

Marcel Proust e Apollinaire. Chopin, Jim Morrison e Michel Petruciani. Simone Signoret e Yves Montand. Maria Callas. Georges Melies. Os restos de todas estas figuras lendarias repousan no cemiterio parisino de Père-Lachaise; a súa páxina web permite facer visitas virtuais e así pasar uns minutos moi entretidos consultando o estado de conservación das súas lousas. A directora nacida en Perú e nacionalizada holandesa Heddy Honigmann soubo ver nel o espazo idóneo para construír un filme magnífico malia as súas evidentes imperfeccións. Empecemos polo malo: hai, si, uns excesos enfáticos que limitan, sen chegar a eliminar, os valores do seu traballo. É absurdo, por exemplo, meter unhas imaxes innecesarias dunha rapaza escribindo coa man esquerda nun caderno mentres soa unha canción que di "Je t'écris de la main gauche" (na voz de Danielle Messia, tamén soterrada alí. Tampouco precisabamos ver en acción ao amañador de cadáveres, aplicando maquillaxe sobre un rostro por outra parte sospeitosamente louzano. A directora non foxe dun achegamento convencional aos personaxes en determinados momentos, pero de igual maneira debo dicir que o seu traballo, en conxunto, é enormemente estimulante. Porque a súa proposta non é tanto a de facer haxiografía dos defuntos, ilustres ou non, como a de examinar como seguen influíndo nos que acoden alí na súa lembranza; e valéndose de que os mortos non desaparecen do recordo daqueles que os quixeron ou admiraron, o seu filme "Forever" acaba sendo unha proposta inesperadamente vitalista, mesmo con ocasionais apuntamentos de humor, que se disfruta con agrado e emoción. As conversas que Heddy Honigmann mantén cos visitantes do cemiterio están cheas de verdade, e o espectador non pode deixar de sentir simpatía por esas mulleres cuxos familiares están perto dos restos de Jim Morrison, unha delas unha española represaliada polo franquismo que di non sentir ningún agradecemento pola terra que a viu nacer; ou polo coreano que expresa na súa lingua -imaxinamos que con moito sentimento- a súa admiración polo autor de "À la recherche du temps perdu'. De feito, "Forever" é como a famosa magdalena da novela feita cine: un fío do que tirar e tirar ideas durante días. Ademais, unha persoa do xurado (non lles direi cal) aplaudiu con explícito entusiasmo ao final da proxección, así que cabe pensar que aí hai madeira (e boa) coa que armar o palmarés.

Porén, "Vete de mí" é unha nova proba do desastre autocompracente que é o cinema español de hoxe, esta vez a cargo de Víctor García León, director de estirpe progre. Juan Diego encarna (por suposto algo pasado de rosca) a un actor que participa nunha rancia astracanada teatral pola que sente o mesmo desprezo que lle inspira o público que a vai ver; un bo día aparécelle na casa o fillo (papel que lle corresponde ao xa habitual en Donostia Juan Diego Botto), un caradura disposto a vivir dos pais mentres non poida facelo dos seus descendentes. A relación entre os dous dá pé a unha comedia cínica pero superficial, que en función da mala uva coa que se vexa pode parecernos "simpática" ou "patética". O mellor, a actriz Cristina Plazas.

"Sleeping dogs lie", de Bobcat Goldthwait, é o típico filme independente pequeno e inofensivo, só que cuberto cun disfrace escatolóxico. A protagonista é unha rapaza adorada polos seus pais e cunha vida moi satisfactoria, pero que garda un secretiño de xuventude: no seu día fíxolle unha felación a un cadelo. Convidada polo seu mozo a contar cousas íntimas, acaba por revelarllo e a partir dese intre todo se vén abaixo. A min non me fixo ningunha graza, pero recoñezo que a xente ao meu redor esperrechaba coa risa. Cando a vexan descubrirán que a película é bastante menos corrosiva e contundente do que podería parecer a primeira vista. Como para estar na sección oficial dun certame serio non é, pero xa saben que aquí a lóxica é sempre algo difusa.

Rematamos con "El camino de San Diego", o novo pastel cociñado por Carlos Sorín. O Diego do título é Maradona, tan admirado por Tati, un mozo humilde da provincia de Misiones, que mesmo se decide a levarlle en persoa unha tala que esculpiu. Polo camiño vai atopándose con diferentes persoas das que vai recibindo case tanto agarimo e axuda como a que lle proporcionaban o ano pasado a Anthony Hopkins na peli aquela da motocicleta Indian. Non cabía agardar moito máis de Carlos Sorín, pero creo que nesta fóiselle a man co zucre.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: