Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CRÓNICA DO XOGO DE ROL 'IRMANDIÑOS: A REVOLTA'

A historia detense en Monterrei

O mal tempo non puido cos xogadores de 'Irmandiños: A revolta' que se reuniron entre o 22 e o 24 de setembro no Castelo de Monterrei. A loita final entre ambas faccións tivo lugar en campo aberto, xunto á armería do Castelo. Unha loita desigual en número, na que os homes de Fonseca e de Zúñiga, reducidos a 60 despois de varias desercións, enfrontáronse aos 150 que sumaban os Irmandiños e os mercenarios de Pimentel, traidores á causa nobiliaria no último momento. O resultado: un final que compraceu a ambos bandos. Os Irmandiños non tomaron o Castelo de Monterrei, malia a superioridade numérica e á axuda dos de Pimentel, grazas á defensa a ultranza dos heroes de Fonseca e Zúñiga. Despois de dúas horas de loita baixo a intensa chuvia decidiuse deixar a toma do castelo para unha vindeira edición. Cada un contará a historia según lle foi, eu só podo falar como soldado do Exército do Arcebispo de Fonseca. Unha crónica de Conchi Méndez.

- 08:37 27/09/2006
Tags:

Chegada e adestramento
Pouco despois do mediodía do venres as tropas nobiliarias e os Irmandiños chegabamos en bus ao pé do Castelo de Monterrei, fortaleza do vizconde Diego López de Zúñiga, desde diferentes puntos de Galiza. Desta vez a equipaxe principal eran as espadas de gomaescuma feitas polos futuros guerreiros.

No momento da chegada os xogadores do bando irmadiño foron levados a un campamento oculto a máis de dous quilómetros do Castelo de Monterrei. Os 'malfeitores' coas nosas espadas ás costas agardamos polos uniformes no patio de armas do Castelo, onde se repartiron as vestimentas e os escudos propios de cada bando: Exército de Fonseca, Exército de Zúñiga e mercenarios de Pimentel.

Tras acomodar as nosas pertenzas na do castelo no que pasariamos as dúas noites, acudimos ao campo de adestramento, onde os xefes de armas de cada un dos exércitos escolleron, tras unha serie de probas físicas, aos comandantes de compañía. Os de Fonseca fixemos cinco comandos de nove soldados, incluído o comandante, os de Pimentel contaban con 39 homes e os de Zúñiga, o grupo menos numeroso contaba 29 soldados. Como curiosidade dicir que o bando de Fonseca era o que contaba con maior número de mulleres-entre elas eu-, case a metade da tropa, mentres que os mercenarios só contaban nas súas filas con dez mozas e os de Zúñiga eran un exército formado só por homes.

Para descansar do esforzo e animar ás súas tropas o arcebispo de Fonseca e Zúñiga ofrecen unha xusta aos seus exércitos, na que se xogará, sen ir máis lonxe, a propiedade do castelo, a victoria caerá desta vez do lado do Fonseca e o o vizconde Diego entrégalle a súa fortaleza ao arcebispo.

Esa mesma noite os Irmadiños, acompañados polos sons das gaitas, achegaranse ás portas do Castelo, para solicitar a rendición do exército nobiliario. Desde as murallas da fortaleza o bando 'malfeitor', acompañado polos seus líderes e xefes de armas responde á petición dos Irmandiños con berros de : "Morte aos irmandiños!" e " Viva a causa nobiliaria!", ademais dos consabidos vítores a Fonseca, Zúñiga e Pimentel. Para o día seguinte as tropas nobiliarias haberiamos de erguernos cedo, os Irmandiños non quedarían desta vez ás portas. De volta ao castelo agardábanos unha 'típica' cea soldadesca de churrasco e viño de Monterrei, e de postre gaitas, baile e un chisco de licor café. Ao día seguinte primeiro punto a defender sería a atalaia do Castelo.

Primeira incursión irmandiña
O sábado tras o almorzo os xefes de armas asignaron obxectivos: os de Zúñiga haberían de defender a atalaia, e as tropas de Fonseca e Pimentel, estas últimas levaban días sen recibir o seu soldo, diferentes puntos do castelo. Unha encrucillada de camiños baixo a fortaleza, a fonte, o arco e as diversas portas de entrada do castelo eran os puntos que habería que ter vixiados ante posíbeis incursións irmandiñas.

Mentres o comando de Fonseca, ao que eu pertencía dirixido, polo comandante Milé, gardaba unha das portas do castelo, na atalaia tiña lugar o duro enfrontamento entre 50 Irmandiños e os 29 homes de Zúñiga, que perderon a posición, tras un segundo envite no que morreu o seu señor, o vizconde de Monterrei. Esa mesma noite era aclamado como novo Vizconde de Monterrei, na igrexa do Castelo o fillo de don Diego, que quedaría baixo a protección do Arcebispo de Fonseca. Os de Fonseca perdemos tamén a posición da fonte, mais grazas unha boa táctica defensiva romana, a da tartaruga, conseguimos gardar as portas do castelo. A loita rematou cedo esa tarde, a actitude dalgúns xogadores exaltados fixeron preciso un receso para acalmar os ánimos e reorganizar a táctica de loita.

O combate final
Durante a mañá xa se respiraba a tensión no aire e circulaban comentarios de que os de Pimentel ían traizoar ao exército nobiliario. Non ben estabamos a rematar o almorzo cando os mercenarios asasinaron a Pimentel e fuxiron canda o exército irmandiño, un destes mercenarios -xunto a catro irmandiños- secuestraría ao arcebispo Fonseca durante a batalla.

Eran as dúas da tarde cando os Irmandiños comandados por Alonso de Lanzós fixeron entrada no campo da armería xunto aos de Pimentel, onde estaba acordado que tería lugar a batalla campal entre os exércitos nobiliario e irmandiño, e onde agardabamos o exército nobiliario en formación.

Escuadróns de quince soldados nobiliarios fronte a escuadróns de quince irmadiños e mercenarios de Pimentel, loitas singulares en liñas de cinco guerreiros vixiadas polos xefes de armas e polos cuadrilleiros para que todo acontecera baixo as regras dispostas.

Os mortos en combate irían canda a morte, vestida de negro e situada a un lado do campo, para que lles pintara a cara de vermello, os vivos irían ao outro lado do campo, esperando ao reagrupamento para continúar a loita. Tras a rifada loita baixo a chuvia, na que o campo da armería rematou tan enchoupado que non permitía continuar o combate, os xefes de armas e os cuadrilleiros decidiron aprazar a toma do castelo. Recoñecíase a superioridade na loita do exército nobiliario, mais o feito de non poder concluir a batalla obrigou adiar a loita pola fortaleza para a vindeira edición.Un ano non é nada, despois de esperar máis de 500...


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: