Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CARLOS REIGOSA NOVELA A HISTORIA DA MÁIS FAMOSA BANDOLEIRA

Pepa a Loba, entre a lenda e a realidade

Posibelmente é a primeira bandoleira de Europa que conta cunha novela histórica de seu. Recuperar a figura desta muller que se fixo famosa por máis de media Galiza do século XX adiante, construíndo unha ficción que botase un pulso "entre a lenda e a historia" foi o propósito de Carlos G. Reigosa (Pastoriza, 1948) á hora de abordar Pepa a Loba, unha novea que partiu dun guión de cine e que agora ve a luz nas librerías acompañada das ilustracións de Miguel Anxo Prado. Ao tempo, preséntase o ensaio Carlos G. Reigosa: Paixón por saber e arte de contar, no que o crítico literario tamén pastoricense pero afincado en Madrid Ángel Basanta nos achega á vida e á obra do autor de Crime en Compostela.

- 09:05 04/10/2006
Tags:

A "muller por antonomasia do bandoleirismo galego" é por primeira vez retratada nunha novela histórica, coa que Reigosa lle dá forma á lendahistoria que chegou aos nosos días logo de ano e medio de coñecemento popular dunha muller que se di que andou por Pontevedra pero que tamén era coñecida en Ourense, A Coruña e o norte de Lugo. Dise que Pepa a Loba era unha moza de menos de 20 anos que nacera en Couso (A Estrada), pero tamén unha muller de trinta anos que se ten visto polas zonas de Xermade e da serra do Xistral. Carlos Reigosa quixo probar a xuntar esas dúas mulleres nunha soa, unha hipótese que sempres rondara a súa imaxinación e que "só podía probar literariamente, non históricamente". De aí o punto de partida para abordar esta novela, que empezou sendo un guión de cine -cuxos dereitos estiveron en mans da produtora Sogecine, que non seguiu adiante co proxecto- e que hoxe é unha novela ilustrada por Miguel Anxo Prado na que o autor promete unha lectura intensa do que ao final define como "unha historia de amor".

Á hora de narrar as aventuras da bandoleira Reigosa di que se moveu a cabalo entre as novelas de Emilio Salgari e as Comedias Bárbaras de Valle-Inclán, que andaba lendo no momento de escribir a novela e que se sitúan no mesmo territorio e no mesmo espíritu de Pepa a Loba. Deixou tamén claro que se trata dunha ficción que se vai encontrando e desencontrando cos datos históricos que foi coñecendo, e no libro cita todas aquelas persoas que lle axudaron a facer o retrato de Pepa a Loba tanto na historia rexistrada nos papeis como nas persoas que conservan a lenda.

Na presentación do libro ante os xornalistas Reigosa estivo arroupado por Manuel Bragado, director de Xerais, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares -que é de Xermade, zona na que Reigosa recolleu moitos testemuños- e a profesora de literatura Dolores Vilavedra, que aproveitou a ocasión para recensionar a figura do escritor a través de Carlos G. Reigosa. Paixón por saber e arte de contar. Trátase dun volume incluído na colección Estudos Literarios de Xerais no que Ángel Basanta, crítico literario nacido tamén en Pastoriza pero afincado en Madrid faille un repaso á vida e á obra dun escritor que coñece moi ben.


4,67/5 (3 votos)