Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEBATE SOBRE O ESTADO DA NACIÓN

Luz verde para unha nova política forestal e freo ao Estatuto

O novo Estatuto para Galiza terá que seguir agardando. A pesar de que nas dúas xornadas de sesións se falou longo e tendido da súa necesidade, o avance nas posicións foi nulo. PSdeG e BNG optaron por non presentar ningunha proposta á espera de que o PPdeG movese ficha e dixese claramente cal era o seu modelo. Pola súa parte, os conservadores retrucaban que o bipartito non presentaba proposta pola dificultade que tiñan para consensuala. A pesar das profundas diferencias, a unidade funcionou para aprobar unha reordenación da política de extinción de montes e fortalecer o dispositivo de persecución dos incendiarios.

- 08:09 05/10/2006
Tags:

O debate parlamentario pechouse con 82 propostas aprobadas por unanimidade (41 do goberno e otras tantas da oposición). A máis importante, sen dúbida, é a reformulación das políticas forestais. A grave crise de agosto e as fortes polémicas das últimas semanas semellaban poñer difícil un acordo. A única proposta sobre o Estatuto presentouna o PP, que falaba vagamente dunha reforma da actual carta que respectara o marco constitucinal. O deputado nacionalista Carlos Aymerich retrucou que a proposta era un mero "brinde ao sol" carente de contido e por eso os dous grupos progresistas a rexeitaban. O debate desta semana deixou claro que as negociacións para un novo Estatuto van marcar a axenda política do país nos vindeiros meses.

Á espera do Estatuto

O PSdeG e o BNG acordaron 48 propostas de resolución para o Debate sobre o Estado da Nación. Ningunha delas se refire ao novo Estatuto. Segundo comentaba hoxe pola mañá o deputado nacionalista Carlos Aymerich, o bipartito prefire agardar a que Feijoo "diga o que quer facer". Para as dúas formacións que sosteñen o goberno, a decisión de presentar conxuntamente todas as súas propostas ao pleno é unha mostra da capacidade que hai para chegar a entendemento.

Aymerich destacou o pulo dado polo BNG para que se lle pida a Madrid o cumprimento dos prazos do Tren de Alta Velocidade (TAV), que se garanta o Plan de Normalización Lingüístico ou para darlle azos ao Banco de Terras. Tamén acordaron un proxecto de lei de emerxencias e un profundo cambio no sistema de extinción de incendios. Mentres tanto, o PPdeG sorprendeu cunha batería composta por máis de medio milleiro de propostas. Entre elas destaca a desaparición do Imposto de Sucesión e Doazón e un Pacto Forestal. En canto ao Estatuto os de Feijoo reiteran a vontade de acadar un consenso na "reforma consttitucional do Estatuto de Autonomía". O Debate sobre o Estado da Nación ábrese de novo pola tarde.


Ligazóns

0/5 (0 votos)