Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII ASEMBLEA NACIONAL

Nogueira e Rodríguez Feixó buscan apoios internos para mudar a política actual do BNG

A chamada Alternativa convocou a todos os militantes do BNG a unha Conferencia Nacional no Hotel Porta do Camiño o vindeiro sábado. Camilo Nogueira e Alberte Rodríguez Feixó compareceron ante os medios de comunicación en Compostela para anunciar que dita reunión pretende xuntar esforzos para mudar a política da actual dirección do BNG. A intención é presentar unha lista ao Consello Nacional que teña suficientes apoios para "reforzar a conciencia nacional" e "devolverlle o protagonismo que sempre tivo a militancia". Consideran que a frente debe abrirse á sociedade. A respecto do novo Estatuto, Nogueira dixo que a organización non pode apoialo se non se recolle a palabra nación no articulado.

- 18:25 05/10/2006
Tags:

O período preasembleario xa está en marcha no BNG. Hoxe, no hotel Virxe da Cerca, compareceron diante dos medios de comunicación cinco dos impulsores da chamada Alternativa: o ex-eurodeputado Camilo Nogueira; Alberte Rodríguez Feixó, membro do Consello Nacional; Manuela Fuentes, concelleira en Ferrol; Uxía Araúxo, militante de Galiza Nova; e Charo Fernández Velho, do BNG de Ordes. Nogueira foi o primeiro en tomar a palabra. Segundo asegurou, o proxecto está aberto á incorporación de máis xente. Recoñeceu que había fondas discrepancias coa actual executiva no que respecta á organización interna. Para Nogueira, é evidente que a militancia está quedando relegada nas decisións importantes. Como anécdota, a preguntas dos xornalistas, sinalou que non tiña nin idea da proposta de Estatuto que fixo Quintana ata que a formulou no Parlamento. En canto á Xunta afirmou que "estamos dacordo en que o BNG estea no goberno e aproveite a autonomía para a construcción nacional pero non que entrase de forma secundaria".

Pola súa banda, Rodríguez Feixó resaltou que Alternativa non era un "capricho" e que era urxente "recuperar o pluralismo interno, que sempre foi o cerne do BNG". Para o militante lucense, a participación da militancia "é mínima agora". Dende esta corrente subliñan que están dispostos a confluir con outras tendencias como pode ser a do Foro polo Proxecto Común, na que se sitúa Xosé Manuel Beiras. Descartan que haxa máis de dúas candidaturas á Asemblea Nacional: "Cremos que vai haber unha oficial e outra da Alternativa". Aínda así, opinan que hai moito malestar nas bases do BNG coas actuais políticas e non descartan que incluso haxa "fortes contradiccións" entre as forzas que apoian a día de hoxe a actual executiva e que terán "os seus máis e os seu menos para xuntarse". No que coinciden os dous políticos é que a próxima asemblea pode marcar un punto de inflexión na historia da formación política.

  • Anteriores: Camilo Nogueira volverá presentar unha candidatura alternativa a Quintana


0/5 (0 votos)