Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
AXENDA DE LECER

Hip hop, graffitis, teatro e concertos para a ponte do 12

Entramos na primeira ponte do outono, alivio para os que aínda non acaben de afacerse ás rutinas outonizas e descanso perfecto para os festeiros do San Froilán que aínda non volveron pola casa... Non só a Garda Civil está de festa: rock en Ordes, hip hop en Burela, rol en Compostela, últimas faíscas do San Froilán en Lugo, Rúa dos Contos en Carballo, e mil xeitos alternativos de celebrar a festividade do Pilar.

- 16:36 11/10/2006
Tags:

Para empezar, o mércores abre a ponte con forza: festival Des-Ordes, concertazos a través de toda Galiza e moito máis. O primeiro celébrase por primeira vez, e é unha iniciativa privada que conta cun cartel tan ambicioso como o que segue: o punk rock dos madrileños Boikot, e os galegos Zënzar (Cerceda), Kastomä (rock dende Ordes), Konflikto (punk-rock da Coruña) e os tamén coruñeses Haiku . Este mércores, a carón do campo e fútbol de Vista Alegre, e Ordes, o recinto abrirá as súas portas ás oito, para que a festa comece ás dez. A entrada custa 15 €, aínda que se pode conseguir anticipada por 12 nas tendas Tipo da Coruña e Compostela e nos locais ordenses Sala Nunca Máis e Cervecería Delito (Mesón do Vento), organizadores do evento.

Outro festival para non perder (xa no sábado): o Butron de Burela, outra concentración de hiphopeiros. Cultura urbana e electrónica no Parque Rosalía de Castro dende as catro da tarde: graffiti, skate, baloncesto, capoeira e dillei (Mediogramo). E no Pavillón Instituto de Ensino secundario Monte Castelo, concerto ás dez: os coruñeses Menthalo (Velvet), os dilleis residentes do burelán Hipnose, Alberto Leivas e Chemel Ruíz, o barcelonés Alec Sun, DOKM4N (Gaby Freeman e Javi Murdok), dende Mallorca, e Higinio dende Asturias.

Música: de Mozart ao power pop
E a Nasa, como xa adiantamos, acolle outro cartel impresionante para esa noite: rock compostelán en estado puro cos Samesugas, The Homens (curtidos todos no barrio do Castiñeiriño) e Iribarnes, tamén composteláns. O concerto comeza ás dez, e a entrada custa 10 €, 8 anticipada na Reixa, organizadora dos "Concertos Espaciais", dos que este será o primeiro, e 5 para a tripulación. A Nave de Servizos Artísticos do barrio compostelán de San Lourenzo non para esta fin de semana, porque aínda estarán o venres INK e El Puto Coke e o sábado preséntase en Compostela o grupo hip hop pontevedrés Delahoja ás nove. O grupo xa ha pasar o mércores pola Fábrica de Chocolate viguesa (estarán alí a partir das dez e media por 3 €, xunto a L'Sebe).

Precisamente a Fábrica vai ser outra das salas de concertos que fervan nesta ponte: o xoves han estar Underwater Tea Party e Portrait (a partir das dez por 5 €), o venres, Melusa e Glass Onion (ás dez e media polo mesmo prezo), e o sábado, chega o High Dimension Festival, con Supa Scoopa, Glow e Moho (ás dez e media, por 6 €). Para non parar... Seguimos en Vigo. O mércores, Última sakudida e No Turning back na Iguana, por cinco euros, ás doce e media da noite. Kongo e Korean Dogfood no Ensanche, o venres, fase final do festival Musicalia! na Sala A!: Asuntos Pendientes, Balbordo e Why go, e jazz en feminino no Verbum, con Carmen Rey e Ángeles Do Río ao piano. Tamén han estar o sábado.

Máis, jazz no Val Miñor: o auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar acolle a Anacaona Latin Jazz Quartet o mércores ás dez e media. E a Banda Municipal de Tui celebra nada menos que 125 anos de existencia, con dous concertos no Teatro Municipal da vila o mércores e xoves: o primeiro, ás nove e media da noite, contará coa Banda de Música Xuvenil de Chapela e da Banda de Música de Santiago de Compostela, e o do día 12, unha hora máis cedo, coa Banda Sinfónica da Asociación Músico-Cultural "La Lira" de Pozuelo e a Banda de Música Popular de Tui. As entradas custan un euro. O domingo ha estar a Banda Municipal de Tui no Teatro Principal de Compostela, ao mediodía.

Chegamos a Pontevedra: Meu estará este venres na Sala Karma, antes de marchar, o sábado, ao Rock Club de Ourense. En Cambados, Proyecto Pelda no Pub Enxebre o mércores, e na sala Ache de Marín, os Harakiris o xoves. O domingo, no Aturuxo de Bueu, chegan Melusa acompañados por Glassonion, ás nove e media, por 6 €.

Na Sala DZine, en San Sadurniño, este mércores haberá un concerto tributo a Tina Turner, titulado Goldeneye, como o último filme de James Bond ao que a diva lle puco banda sonora. Xa o venres estará alí Zumbido, "caña rural", punk rock dende Cerceda. E no Teatro Principal de Ourense, concertazo o mércores: Burgas Beat, El Pararrayos e Mitocondrias. O concerto é ás nove, e a entrada custa 5 €.

O sábado estarán en Ferrol Retobato e máis La Patraña. A partir das dez e media poderemos escoitalos no Chimarrao, por 2 € de entrada. E e Lugo, despedimos San Froilán até o ano que vén co ritmo imparábel de Lamatumbá e os Festicultores, o mércores: no Patio do Seminario ás doce e media e despois de charanga por todo o recinto histórico, dirémoslle até logo ao polbo e ás barracas deica o ano que vén. ese mesmo día estarán Nena Daconte ás oito na praza de Santa María e Ojos de Brujo ás dez na Praza Nova de Ramón Ferreiro. E aínda hai máis: broche de ouro no Día do Pilar con Barricada. Os rockeiros de Pamplona pecharán as festas ás dez e media no patio do Seminario. Antes, o senegalés Ismaël Lô estará ás oito na Praza de Santa María.

Xa na Coruña, a Mardi Gras acolle este xoves ás dez á banda metal coruñesa Deimos A.C, a Pülsar o venres ás dez e media, e a Underwater Tea Party e Melusa o sábado ás dez (os dous anteriores son de balde, e neste a entrada custa 6 €). O venres estará Karel García no Jazz Vides, ás once, por cinco euros. Unha das voces máis frescas da nova trova cubana. Máis música étnica: Tátara Trío no Grove este venres e Concha Buika no García Barbón de Vigo o sábado.

E para os amantes do clásico, terceiro concerto do ciclo de Lied en Compostela: ao piano, Roger Vignoles, e a voz, a do baixo Robert Holl. As Cancións e danzas da morte de Mussorgski son o prato forte dunha velada que tamén inclúe temas de Schumann e Schubert. Será o venres ás nove no Teatro Principal, por 6 €. Na mesma Compostela poderemos gozar dunha simpática versión da ópera Bastián e Bastiana, de Mozart, este domingo: Bengala Producións adaptou esta obra, escrita por un xenio que entón so contaba con doce anos, a un galiñeiro. Como están a ler: soprano e tenor calzarán as súas patas e porán as súas ás e cristas de pitiña desesperada por amor e de polo fachendoso. Estarán no Teatro Principal o domingo ás oito, por un prezo único de 5 €. Máis ópera o mércores en Pontevedra: Norma, de Bellini, estará na Sede da Fundación Caixa Galicia ás sete.

Xa o sábado, na Casa da Cultura Pintor Lloréns en Sada, gozaremos da arpa de Manuel Vilas, un virtuoso mozo compostelán, acompañado pola voz de Charo Pita nun programa chamado Miniaturas medievais. Será a partir das nove. E en Ferrol, a Sociedade Filharmónica ferrolá dá un concerto xunto coa Camerata pro-arte e Anne McMillan este mércores no Jofre.

Teatro: cabarés no Vigo da República, últimos Galicreques do ano e Greta Garbo no TAL
O Teatro Arte Livre en Vigo estrea nova produción na véspera do festivo: Ollares de perfil- O mito de Greta Garbo abre oficialmente a tempada de verán do TAL. Nela interveñen Roberto Cordovani, o actor Valenciano Ricardo López Ivars, do Carme Teatre, a actriz viguesa Humy Donado e o cubano Leonel García Laborde. Os prezos serán de 13 e 10 euros, anticipadas, de 15 e 12 no despacho de billetes. Ademais da estrea, o mércores ás dez, haberá funcións xoves, venres e sábado á mesma hora, e domingo ás oito.

E continúan aínda os Galicreques por Galiza: en Lugo pechan o San Froilán na Praza de Campo Castelo El burro ibérico de Taraneya ás seis do mércores, e os arxentinos El Abrojito o xoves ás doce e media, con Trapitos y señales.

Quen aínda non asistise á estrea de Imperial. Café cantante en Santiago de Compostela aínda está a tempo: hai funcións mércores e xoves ás nove no Principal. o prezo, 3, 5 ou 7 € segundo localidade, para mergullármonos no Vigo dos derradeiros días da República. Esta superprodución de Teatro do Noroeste teno todo para engaiolarnos: un elenco de primeira, números musicais, e un texto que xa foi editado e libro cedé por Espiral Maior. E se así e todo non damos feito, aínda están o sábado no Pazo da Cultura de Carballo, comezando cunha xira por Galiza da que poderemos gozar durante uns meses. En Compostela estarán, tamén Gataro coa súa Suite Bufa. Haberá sesións na Sala Yago o venres ás oito e media, sábado ás dez e media e domingo ás sete, por 9 € ou 6 para estudantado e persoas xubiladas. E o venres, no Jofre ferrolán, estarán Titzina Teatre con Entrañas, ás oito e media. ao día seguinte estarán no IES As Barxas, de Moaña, ás once, e o domingo ás nov no Pazo da Cultura de Carballo. E no Teatro Principal da Estrada, Defensa de dama será representado por Balea Branca no marco do Día Internacional contra a violencia de xénero, o xoves ás oito.

Dando unha voltiña pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, agora que coñecemos os hábitos do seu público, esta fi de semana longa temos de todo e para todos os públicos: infantil (ou non), co'A historia dunha semente, de Caramuxo, pechado tamén o San Froilán o día 12 na Praza de Campo Castelo; revisións de Shakespeare co MacBeth de Sarabela no Teatro Principal da Estrada o venres, ou de Molière, c'O avaro de Teatro Galileo na casa da cultura de Burela o venres ás nove e media; textos máis modernos, como Os homes só contan até tres, de Antón Lopo, dramatizado pola Factoría, no Novo Salón Teatro de Lalín, o venres ás nove e media, ou o monólogo Ondas, de Novedous, na casa da cultura de Esteiro (Vilanova de Arousa) o sábado. Ese mesmo día estará no Auditorio Municipal de Vigo Teatro do Andamio con Que che conten un conto, e Patas arriba con Islas no Teatro Principal de Ourense. E non ha faltar lugar para a danza: Experimenta Danza estará no auditorio municipal de Cangas con Meltemi e Druída Danza con 20 anos non é nada no Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba, as dúas o sábado. Xa o domingo, Patricia Vázquez e Nuria Sanz interpretan a dúas señoras da limpeza como Sapristi: So, sobre estará na Casa da Cultura Pintor Lloréns de Sada. E no Centro Cívico de Arteixo, Teatro do Atlántico estarrecera ao público co recital Memoria do 36.

E o Auditorio Municipal de Ourense acollerá a función gratuíta d'Os pecados do lobo este mércores ás oito e media. O venres estará Salomé, de Óscar Wilde, con actores como Millán Salcedo, Mª Adánez, Elisa Matilla, Chema León... A función é ás oito e media, e a entrada custa 13 € no anfiteatro e 15 no patio de butacas. O día anterior estará no Centro Social Caixanova de Pontevedra Máis clásicos na Coruña: Teatro do Andamio versiona A casa de Bernarda Alba, de Lorca, no seu novo espectáculo, que estará no seu local de mércores a venres, ás oito e media. Ademais, o Fŕoum acolle Un momento marabilloso, do Belga Teatre L'E.V.N.I., o xoves ás cinco e media. E no local sociocultural de San Xiao, en Narón, Ditea interpreta o domingo ás sete da tarde Melocotóns en xarope, de Miguel Mihura.

Cinema: de Wilder a Huston
Nesta longa fin de semana tamén hai plan para os cinéfilos: o ciclo sobre París da Fundación Caixa Galicia trae a comedia de Billy Wilder Irma a dóce a Compostela, o mércores ás oito e cuarto. Ao día seguinte, este emsmo filme inaugura o ciclo en Ourense, ás oito, precedido por unha conferencia do cineasta e fundador do Cineclube de Compostela, Ramiro Ledo: Billy Wilder: dous paos á esquerda e un á dereita.

O mércores, en Ámbito Cultural (A Coruña) será proxectado ás cinco o filme Dublineses, de John Huston, e a seguir, contarase coa presenza de Manuel Rivas, quen dará unha charla sobre a súa relación con este texto de Joyce. Comezan así os mércores literarios, nos que achegármonos a diferentes textos dende a súa relación con outras disciplinas.

E na mesma Coruña, O Fórum Metropolitano continúa co cinema oriental na Sala Marilyn Monroe: esta semana veremos Election, de Johnny To, de xoves a sábado ás oito e cuarto (o venres tamén ás once menos cuarto, e o sábado ás cinco e cuarto). E na Sala Fernando Rey continúa o ciclo "Pérolas dunha década", con Osama, de Siddiq Barmak. E o Cineclub Pontevedra proxecta Heat o mércores ás oito e ás dez e cuarto do mércores, na Facultade de Ciencias Sociais do Campus da Xunqueira.

Devoción... e fantasía
De Virxes e elfos: ademais das festas do Pilar, que en aldeas como Outeiro e Rial (Os Ánxeles, Brión) se viven con moita intensidade, rezando na igrexa do Tremo, comendo polbo, carne ao caldeiro e roscas (e, como non, bailando ao ritmo de Suavecito ou París de Noia), ou das festas de Leiro, que han encher toda a ponte, hai outros eventos durante esta ponte moi especiais: Compostela acolle os I Xornadas de Rol e Estratexia Ludus Stellae. Piratas, vampiros, elfos e outros personaxes da mitoloxía medieval ou do terror gótico poboarán a Chocolataría o venres e sábado, grazas á Asociación Cultural Casco Vello Libredón. Wargames, mascarada, universo de Tolkien, ciencia ficción e moito máis para aqueles que se queiran adentrar neste mundo.

Máis cousas: graffiti colectivo na rúa Rosalía de Castro de Carballo, e mil actividades máis na actividade que vai encher o Día do Pilar de sorpresas na localidade bergantiñá: malabares, circo, o contacontos Oswaldo, Ricardito de Barreiro co seu último espectáculo, Ardentías, Charlie's Angels Sex e Os 7 magníficos +1. O venres continúa o riso con Yoni Mediogramo e o seu show politoxicómico, Peter Punk, e Paco Fernández entre outros. E non nos esquecemos da gastronomía... Aínda se poden aproveitar os últimos días da XLIII Festa do Marisco do Grove: camarón, zamburiña, rodaballo, ameixas...


0/5 (0 votos)