Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÍTICA LINGÜÍSTICA

Romeu propón validar 'La Coruña' e Política Lingüística recoñece que non é legal

As palabras do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu arredor do topónimo da Coruña están erguendo unha auténtica treboada no país. O cargo político considera que hai que buscar fórmulas que permitan o uso oficial da fórmula galega e da castelán. Dende A Mesa consideran un escándalo que un membro do bipartito propoña publicamente esta solución e lembran que a única fórmula legal é A Coruña. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, tamén defende a forma autóctona pero prefire non valorar politicamente as palabras de Romeu.

- 14:21 19/10/2006
Tags:

Para Romeu, o conflito toponímico que se viviu na Coruña nos últimos anos e que acabou nos tribunais é "artificial". Para sorpresa de moitos, o conselleiro propuxo onte un "consenso" de todos os partidos para buscar fórmulas que non "molesten" a ninguén. Aínda que non o dixo explicitamente, o conselleiro coruñés considera que sería posible empregar de maneira oficial o nome da cidade en galego e castelán. Cando se refire a outras zonas do Estado, Méndez Romeu olla para o que acontece en Euscadi: Vitoria/Gasteiz, San Sebastián/Donosti, etc. Incluso hai xente do PSOE coruñés que defende, como solución drástica, a eliminación do artigo en todos os casos.

Dende A Mesa pola Normalización Lingüística foron moi claros: A Coruña é o único topónimo oficial da cidade. Calquera outra fórmula busca facerlle cambadelas á legalidade. Recordan que tanto a Lei de Normalización Lingüística (1983) como Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004) foron aprobados por unanimidade no Parlamento de Galiza. Por se isto fora pouco, os tribunais están fartos de darlle a razón aos defensores da forma galega. A Mesa considera "esperpéntico" que Política Lingüística dependa organicamente de Romeu, a quen acusan de terlle fobia o noso idioma.

Cómpre lembrar que Méndez Romeu foi durante 18 anos un dos concelleiros máis influentes nos gobernos municipais de Francisco Vázquez. Este profesor de Lingua Española foi un dos que abandeirou, canda o alcalde, a loita contra o topónimo galego. Cando en 2005 foi nomeado conselleiro de Presidencia, moitos viron a longa man de Paco Vázquez na decisión de Touriño. O rexedor que máis ten polemizado co nacionalismo colocaba a un dos seus homes no goberno de coalición, nun departamento que, por riba, tiña certa ascendencia sobre a Secretaría de Política Lingüística.

A preguntas de Vieiros, Marisol López sinalaba por medio do seu gabinete de prensa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística defende o topónimo galego como o único válido. Recoñecía que a lei hai que respetala e cumprila. Aínda así, López prefire non entrar a valorar punto por punto as palabras do conselleiro e limítase a dicir que o seu departamento traballa para facer cumprir a lei. Todo apunta a que hai unha importante división de criterios dentro dos socialistas.

Dende Política Lingüística tamén quixeron precisar que dependen funcionalmente da propia presidencia, que é quen ditaría en última instancia as directrices políticas e non o departamento de Romeu.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: