ostresdoeixo

Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PIDEN EXPLICACIÓNS POLOS FONDOS PARA O PROXECTO 'VAI DE GALA'

O BNG lugués acusa a Cacharro de "trato de favor por decreto" a concellos do PP

"Estas subvencións por decreto parecen ter como único obxectivo promocionar e beneficiar á empresa de espectáculos que organiza os concertos e a determinados Concellos da provincia, todos eles gobernados polo PP", quéixase Xosé Antón Bao, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Lugo. As críticas van contra as subvencións de 25 mil euros, outorgadas por decreto, aos concertos baixo o lema '...Vai de Gala'. Denuncian ademais que as irregularidades non acaban aí, xa que segundo acusan, na gala celebrada en Barreiros a pasada semana, e presentada por Maria do Carmo Mella, aproveitouse para facer unha promoción inmobiliaria privada.

- 06:50 19/10/2006
Tags:

"Estamos polo tanto diante dun claro caso de desbalde de cartos públicos da Deputación e tamén dun caso de trato de favor por decreto: trato de favor á empresa contratada para organizar estes eventos, trato de favor a derterminados concellos escollidos para acoller estes concertos, e incluso, coma no caso de Barreiros vai de gala, trato de favor tamén a unha promotora-inmobiliaria que aproveitou o evento organizado polo Concello e a Deputación para facer publicidade das súas promocións". Así o explicou este mércores o deputado nacionalista Antón Veiga, para quen resulta "sospeitosa" a relación "concello-deputación-promotora", advertindo que se están usando fondos públicos para promocionar un negocio privado.

Os representantes do BNG na Deputación piden que se lles dea explicacións no pleno da institución sobre a empresa ou empresas coas que se realizan estas galas e os criterios que se seguiron para a contratación dos eventos. De paso, esixirán as certificacións presentadas polos Concellos polos gastos das galas. "É significativo que Cacharro siga negándolle achegas económicas ao parque de bombeiros da Mariña Oriental e Central, ubicado en Barreiros, e pola contra gaste os cartos en eventos musicais de dubidosa calidade".

Ao fío da queixa lembran que a Deputación non ten "ningunha programación nin planificación dirixida ao conxunto dos concellos da provincia onde encaixen estes espectáculos" e láianse de que deica agora "o reparto discrecional" destas axudas supuxo xa un gasto de 125 mil euros que "poderían ter servido para elaborar esa programación cultural solicitada polo BNG e da que se benficiaría o conxunto de concellos da provincia".


0/5 (0 votos)