Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A ACTUALIDADE DO TEXTO ANDALUZ RELANZA O DEBATE GALEGO

Cara ao Estatuto: Escusas, sendas constitucionais, ambicións e prazos

"Acabáronselle as escusas ao PPdeG", avaliou o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, sobre o significado que o acordo PSOE-PP sobre o Estatuto andaluz tería para o proceso de reforma estatutaria en Galiza, pedíndolle aos populares que "estean á altura das circunstancias e permita tamén que Galiza avance nesa dirección". Desde o PPdeG, Alberte Núñez Feijoo consideraba o acontecido no Congreso como unha volta "á senda da Constitución", indicaba que Galiza "ten identidade e hai que buscar unha fórmula propia e non importada", pero dicía agardar que "ao presidente lle valla a definición validada" en Andalucía. Ao fío, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, opinou que Galiza "non pode conformarse" coa fórmula andaluza e pediu "non quedar nin un milímetro por baixo do modelo catalán".

- 07:00 26/10/2006
Tags:

"A visión inmobilista e a actitude retardataria do PPdeG queda ao espido", indicou Emilio Pérez Touriño. O presidente da Xunta valorou o pacto conseguido no Congreso para Andalucía, que definiu como "un exercicio apropiado á realidade andaluza", pero advertiu que "Galiza debe atopar o seu propio marco". En referencia á actitude do PP fronte ao proceso, subliñou que "chegou a hora da verdade", e pediulle aos populares galegos que estean "á altura das circunstancias" e permitan que "Galiza avance nesa dirección". "Agardo que esteamos diante do punto final do inmobilismo do PPdeG e da posición retardataria de Feijóo en particular", comentou.

Quintana di que Galiza debe ser máis ambiciosa
"Galiza ten que decidir se segue na primeira división á beira de Cataluña e Euscadi ou se pola contra vai resituarse co resto". Así o advertía Anxo Quintana, vicepresidente da Xunta e voceiro nacional do BNG, para quen o acontecido co Estatuto andaluz amosa que os procesos de reforma a nivel estatal deixarán dous grandes grupos, e que Galiza debe optar pola definición de nación. Doutra banda, Quintana reflexionou que o proceso andaluz amosaría tamén a necesidade de que os partidos rachen coas estratexias condicionadas desde as direccións en Madrid dos partidos, que distorsionarían o proceso.

Feijoo ve un xiro constitucional
Alén do debate sobre a definición a introducir no preámbulo, desde o PPdeG, Alberte Núñez Feijoo quixo destacar este mércores que "máis que nunca, a clave da reforma do Estatuto de Autonomía de Galiza é o financiamento", e insistiu en que a prioridade do debate é consensuar a posición ao respecto dun modelo de financiamento "que garanta que Galiza converxa coa media española". De todos os xeitos, o PPdeG analiza que o acordo realizado por PSOE e PP sobre o Estatuto andaluz supón "a volta do PSOE á senda constitucional" e "o camiño que deberan ter todas as reformas".


0/5 (0 votos)