Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MENTRES O ESTADO BLOQUEA A TRANSFERENCIA

Tráfico recada en Galiza 173 millóns e só inviste 26

Hai poucos meses que visitaba Galiza o ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, estando de plena actualidade a demanda de mellora de vías e o tirapuxa arredor da cesión de competencias como claves para a loita contra a sinistralidade no país. Daquela, evitou o ministro pronunciarse sobre esa petición e a concesión ao goberno galego quedou en apenas media ducia de radares. Sen contar ese recente incremento da capacidade sancionadora, xa no treito 2001-2005, a dirección xeral de Tráfico ingresara algo máis de 173 millóns de euros. En resposta ao BNG no Congreso, o executivo recoñece que pola contra só gastou en Galiza no mesmo período apenas 26 millóns. Dende logo, un negocio que é redondo para Madrid.

- 12:39 03/11/2006
Tags:

Das palabras do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, este xoves á saída do Consello da Xunta, extráese a convicción de que a negociación entre o goberno galego e o español para o traspaso das competencias en tráfico vai para longo. Desde a vicepresidencia da Xunta, subliñaran o carácter prioritario respecto a esa demanda en concreto, apremando ao executivo a dialogar sobre o asunto. Porén, o presidente Touriño di agora non ver urxencia na demanda, que enmarcou nos propios "ritmos" que o goberno galego vaia establecendo no despregue da Policía Galega, que no futuro asumiría esas competencias viarias.

Na resposta do goberno a Francisco Rodríguez, deputado do BNG no Congreso, inclúese o gasto da xefatura de Tráfico en Galiza no período 2001-2005, cantidade que ascendeu a 26.3 millóns de euros e que se gastou exclusivamente en adquisicións de material técnico e tecnolóxico. Nese período a Dirección Xeral de Tráfico ingresara aquí un total de 173.2 millóns de euros a través de taxas e sancións. De paso, o goberno Zapatero aproveita para subliñar unha vez máis a súa negativa á transferencia destas competencias a Galiza, argumentando que "a política de seguridade viaria debe ser única para todo o territorio estatal".


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: