Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Á BEIRA DO PRÓXIMO PLAN DE CONTINXENCIAS

Unanimidade no Parlamento para esixir un buque anticontaminación

A inexistencia dun buque anticontaminación cando van cumprirse catro anos do afundimento do Prestige é exemplo significativo dos traballos pendentes e un dos argumentos cos que a Plataforma Nunca Máis convoca unha mobilización para o próximo domingo. Os tres grupos parlamentarios galegos coincidiron este mércores no apoio a unha iniciativa dos nacionalistas instando á Xunta a que presione diante do goberno español e da Unión Europea para que un buque anticontaminación teña base en Galiza. Por outra parte, ás portas do aniversario do Prestige xúntase en Compostela a plataforma europea Ampera, creada para afondar na prevención dos desastres no mar.

- 18:26 08/11/2006
Tags:

Con apenas 60 km de mar "e un risco potencial moito menor ao de Galiza", Bélxica conta desde hai tempo cun buque anticontaminación do que carece Galiza, con máis dun milleiro de kilómetros de costa por protexer. Lembrábao no Parlamento este mércores Bieito Lobeira, deputado do BNG, explicando que a media de mercantes que pasan polo corredor de Fisterra é de máis de corenta mil, arredor de 120 cada día, e que máis da cuarta parte levan mercadorías perigosas. Á beira, a propia existencia de refinerías de petróleo e depósitos de hidrocarburos a pé das cidades da Coruña e Vilagarcía.

"Após catro anos do sinistro do petroleiro, neste país non existen as condicións mínimas perante unha emerxencia marítima, malia que durante este tempo se levaron a cabo melloras", indicou Lobeira, subliñando que eses avances se conseguiron grazas á presión social especialmente exercida pola Plataforma Nunca Máis. "Galiza é con diferenza o lugar do mundo no que se produciron máis episodios de marés negras durante os últimos 40 anos, e non é de recibo que non contemos cun buque anticontaminación", laiouse o deputado nacionalista.

Os representantes de BNG e PsdeG coincidiron en destacar o próximo Plan Territorial de Continxencias, que na opinión de Lobeira mudará "o proxecto inútil que puxera en marcha o goberno do PP". Ao tempo, Lobeira recordou que o plan estatal de salvamento inclúe a adxudicación dun buque anticontaminación, para o que de momento non se decidiu base, polo que a iniciativa aprobada este mércores tamén cos votos dos deputados do PPdeG, quere servir para turrar polo destino dese barco nun porto galego.

Avances "que non existían"
"Hoxe Galiza conta con medios e dispositivos que non existían cando o afundimento do buque", salientou Xosé Manuel Lage Tuñas, deputado do PsdeG, "o goberno socialista estatal aprobou un plan estatal de salvamento e loita contra a contaminación que suporá un investimento de máis de 1.000 millóns de euros entre o 2006 e o 2009". Lage Tuñas quixo destacar tamén a próxima aprobación en Galiza do Plan de Continxencias, "vella demanda histórica que ata o de agora era un dos déficits cos que contaba o noso país e que estabelecerá o protocolo de actuación e a cadea de mando prevista para o caso de que se poida producir un accidente como o do Prestige".

Plataforma Ampera
Este debate parlamentario coincidiu co inicio da xuntanza en Santiago da plataforma Ampera, posta en marcha en abril de 2005 para investigar na prevención dos accidentes marítimos, dos cales un 80% son provocados por un erro humano, e tamén para o desenvolvemento de sistemas de emerxencia rápidos que "axuden a limitar os danos a curto e a longo prazo e recuperar as condicións naturais das zonas afectadas".

O proxecto está liderado polo ministerio de Educación e Ciencia e integra tamén á consellaría de Innovación e Industria, coa meta de ser punto de encontro entre os políticos que se encargan da toma de decisións e os científicos adicados a iniciativas e áreas relacionadas cos desafíos da contaminación mariña. "Co novo Plan Galego de I+D+I 2006-2010 darémoslle soporte a estas iniciativas a través dos Programas de Recursos Mariños e Tecnoloxías Ambientais, onde a maior parte dos fondos están destinados a tecnoloxías limpas", explicou ao respecto o director xeral de I+D+i, Salustiano Mato.


Ligazóns

0/5 (0 votos)