Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ENTROU EN VIGOR EN 2005 E RECIBIU UNHA DISTINCIÓN EUROPEA

O futuro modelo de protección da costa xa está a funcionar con éxito en Asturias

A decisión de aumentar a cincocentos metros o espazo de protección da costa galega, naqueles municipios que aínda se rexen por normativas urbanísticas antigas está espertando un forte debate na sociedade galega. Incluso hai numerosos alcaldes e promotores que mostran a súa indignación co paso anunciado por Política Territorial. Porén, no veciño Principado de Asturias hai unha norma similar en vigor dende a primavera de 2005. O Plan do Litoral Asturiano (Pola) recibiu hai pouco unha distinción europea pola clara aposta sustentábel.

- 13:14 23/11/2006
Tags:

A nova normativa que quere poñer en marcha a Consellería de Política Territorial no segundo semestre de 2007 xa está a funcionar na veciña Asturias dende hai ano e medio. De feito, os medios de comunicación daquela comunidade xa aproveitaron o anuncio da Xunta para facer comparacións entre o estado da costa galega e o da asturiana. Un dos datos máis significativos é que mentres o concello lugués de Barreiros concedeu 3.000 licencias urbanísticas no último ano, o asturiano deNavia, que ten case o triple de habitantes, non chegou a un cento de permisos. O turístico municipio de Tapia de Casariego leva concedidas só sesenta licencias no que vai de ano. As cifras revelan a escandalosa carreira urbanística que se está a dar na costa galega nos últimos anos. Comarcas como o Barbanza, a Costa da Morte ou A Mariña están no punto de mira de poderosas inmobiliarias que están a mercar incontábeis parcelas na beiramar.

O plan asturiano gañou hai poucas semanas a sexta edición dos Premios Europeos do Planeamento Territorial e Urbanistico convocado polo Consello Europeo de Urbanismo. A diferencia do que está a acontecer en Galiza, a normativa non tivo a forte oposición que están a ter os plans da Xunta. Numerosos alcaldes e promotores xa deixaron ver a súa oposición radical aos cambios da norma.


Ligazóns

0/5 (0 votos)