Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O FEÍSMO, UN FENÓMENO CASE AUTÓCTONO

A rede súmase á loita contra o caos urbanístico que asolaga o país

O feísmo, esa enfermidade endémica do urbanismo galego, ten tamén un reflexo na rede por medio de blogs, foros, galerías fotográficas e mesmo algún vídeo. Un interesante punto de partida para nos mergullar no fenómeno é O feísmo en Galicia, un traballo en que se tenta dar coas claves dun mal con moitas caras. Na web inclúense algunhas ligazóns, imaxes e mesmo un foro en que se pode contribuír achegando imaxes, aínda que, polo de agora, non houbo colaboracións, aparte das do propio autor. O feísmo tamén é tema de inspiración para fotógrafos como Xaquín Rosales ou Xurxo Lobato, pois non é, por desgraza, difícil saír á rúa e atopar algún exemplo deste ecléctico estilo autóctono. Os blogs tamén tratan o asunto. Por citar só un par de mostras, achamos un breve post no de Ana B. Bande e dous sobre Malpica e Betanzos no da Abuse Magazine.

- 09:14 27/11/2006
Tags:

Se procuramos na rede social de almacenaxe de fotos Flickr a palabra 'feísmo' atopamos 53 fotos, nas que Galiza gaña con contundencia, o que nos dá unha idea de que o fenómeno é verdadeiramente propio do noso país. No portal audiovisual YouTube só atopamos unha breve pero interesante peza de Control Z sobre este asunto, na que se nos van desvelando aos poucos os peores detalles dunhas cantas edificacións espalladas pola nosa xeografía.

A proliferación destas construcións tamén serviu para que xurdisen certames fotográficos na rede. As dúas edicións do concurso de fotografía anecdótica galega de Aduaneiros sem Fronteiras conteñen moitos exemplos de feísmo arquitectónico. Máis especificamente, a Asociación Cultural X Choiva Ázeda convocou a primeira edición do certame Feísmo Urbanístico no Concello das Pontes, que está aberto ata o 15 de decembro e está dotado cun premio de 300 euros para a imaxe gañadora máis dous accésits de 100. Tamén hai medios de comunicación están a facer un chamamento aos seus lectores para que lles envíen fotos-denuncia sobre este asunto, como é o caso de La Voz de Galicia.

    Anteriores:
  • O goberno defende as garantías a curto prazo para o desenvolvemento urbanístico
  • O futuro modelo de protección da costa xa está a funcionar con éxito en Asturias


0/5 (0 votos)