Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Desmontando o patriarcado nos escenarios, nas artes...

Dende a Nora da Casa de Bonecas de Ibsen, os personaxes de Chejov, as mulleres na traxedia grega e a sociedade represiva que tratou Lorca até a crueza de Sarah Kane, a violencia patriarcal é un tema que se ten posto sobre as táboas dende os comezos do teatro. É necesario visibilizar a realidade que permanece silenciada, e ao longo de toda Galiza teremos boas mostras: Defensa de Dama estará no Porriño e en Vilalba, Entre nós, en Ortigueira, Rotas, en Sanxenxo, ou A tixola polo mango, en Vilanova. E en Bergondo teñen unha proposta de arte plástica colectiva, que busca a interactividade do público.

- 08:00 25/11/2006
Tags:

Defensa de dama, da compañía Balea Branca, estará o venres ás nove na Casa da Cultura de Boiro, e o sábado no Auditorio Municipal Carmen Estévez, de Vilalba. Esta obra foi escrita por Joaquín Hinojosa e Isabel Carmona, despois dunha investigación a fondo, entrevistando a varias mulleres. María vive co seu pai –Germán-,que está xa para morrer, cando volve aparecer na súa vida Ulises, o seu home, quen pasou tres anos no cárcere despois dunha brutal malleira pola que ela tivo que ser ingresada e da que aínda padece as consecuencias. Diríxea Dami Contreras e interprétana Pepe Barreira, Begoña Herbella e o propio Dami Contreras.

Ademais, o Pazo Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo acolle este sábado outra obra que leva esta semana en xira: Rotas, de Pífano Teatro: Mela Casal e Gloria Ferreiro póñenlle voz ás mulleres que foron maltratadas mediante unha serie de monólogos. Diríxeas Xavier Picallo, e o texto foi escrito por Rosa Castro. O máis interesante é a posibilidade de que o público participe: ao remate da representación iníciase unha mesa redonda coa participación de Patricia López Arnoso (avogada especialista en violencia de xénero) e a psicóloga Pilar González García.

Ademais, aínda que non falan explicitamente de violencia física, A tixola polo mango (muller, non é para tanto), un monólogo no que Luma Gómez encarna unha muller moi farta do papel que a vida lle ten asignado, dirixida por Lola Correa, e Entre nós, de Expresións Producións, unha serie de sketchs sobre a situación das mulleres, estarán na Casa da Cultura do Esteiro, en Vilanova de Arousa, e no Teatro da beneficencia de Ortigueira, respectivamente, este sábado.

E non podemos deixar de lado as representacións d'A casa de Bernarda Alba, unha das mellores obras teatrais de Lorca, nas que as protagonistas son exclusivamente mulleres, e as trabas da tradición e da sociedade patriarcal, guían un fío argumental cargado de símbolos lorquianos (a cor verde, o bastón, os abanos, o cabalo...). Entrecajas Producciones estará con esta obra no Teatro Jofre ferrolán e no Centro Caixanova de Vigo.

Un mural feito por moitas mans
En Bergondo, mentres, baixo o lema "O dereito de vivir sen violencia e en liberdade", terá lugar este sábado unha actividade titulada "Por un Bergondo sen violencia de Xénero", que consistirá na realización dun mural de barro e na que participarán as mulleres integrantes da Asociación de Artesanos/nas de Bergondo, e a asociación "Elas". Nesta actividade búscase a interacción co público, que cadaquén colla o seu anaco de barro, moldee e cree.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: