Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
COMEZAN AS XORNADAS GALEGO-LUSÓFONAS

Expertos en software libre reúnense no Porriño

O xoves inaugúranse no Porriño as xornadas galego-lusófonas de Software Libre. Ata o domingo, reuniranse no centro cultural cívico da localidade expertos de Galiza, Portugal e Brasil para dar a coñecer o software libre e as súas aplicacións e debater sobre o seu futuro. No acto inaugural participaron o alcalde do Porriño, Raúl Francés, e representantes da Xunta de Galicia, AGNIX, a Oficina Técnica de Migração do Brasil, e un socio de Neti Tecnologia. O rexedor porriñés salientou que as xornadas serán de proveito tanto para expertos en informática como para novatos, mentres que o presidente de AGNIX, Manuel Hermo, destacou que se pode aprender da experiencia dos brasileiros, que xa levan anos implantando o software libre na súa administración.

- 15:51 30/11/2006
Tags:

Ao longo do día haberá obradoiros de instalación da distribución GNIX, do paquete OpenOffice.org e de varias aplicacións multimedia, que continuarán o venres á mañá. Ás cinco da tarde reunirase a mesa de expertos para ultimar detalles das xornadas. A xuntanza repetirase á mañá seguinte.
O venres á tarde celebraranse dúas mesas redondas, unha sobre o significado de software libre, ás cinco, e outra ás sete sobre a súa implantación no eido educativo. O sábado será o de máis actividade, xa que haberá catro mesas: pola mañá, unha sobre o software libre nas empresas e na administración pública e outra sobre políticas públicas. Á tarde debaterase sobre lingua e novas tecnoloxías, e despois sobre redes sociais e cultura libre. As xornadas clausuraranse o domingo, despois da elaboración dun documento coas conclusións que se lle presentará a Innovación e Industria.

Xa están inscritas máis de 120 persoas, pero aínda quedan prazas libres tanto para os obradoiros como para as mesas redondas. De todos os xeitos, os que non poidan ir ata o Porriño, poderán seguir as actividades na rede a través da web de Mancomún, para as persoas que non poidan achegarse ata a localidade pontevedresa. As xornadas están organizadas polo Concello do Porriño e a AGNIX, co patrocinio do Cesga, o Xacobeo, a Consellería de Innovación e Industria e Mancomún e a colaboración de Blogaliza, Chuza e Galpón.


Ligazóns

0/5 (0 votos)