Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII ASEMBLEA NACIONAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Xosé Manuel Beiras agarda que se "restableza e respecte a pluralidade interna propia dunha fronte"

"Eu personalmente non me xogo nada, serei congruente coa miña traxectoria e coa concepción que teño do que é o nacionalismo", reflexionou o líder da candidatura do Encontro Irmandiño ás portas da Asemblea. "Pola contra, quen xoga, senón todo case todo, é o BNG", advertiu Xosé Manuel Beiras. Na súa opinión, é necesario que os nacionalistas defendan a importancia da "democracia participativa, do que significa o principio de soberanía popular, onde os cidadáns dispoñen de voz e voto".

- 15:20 02/12/2006
Tags:

Beiras dixo agardar que o BNG responda a algúns dos seus principais desafíos na actualidade, como son a necesidade de "restablecer e respeitar a pluralidade interna propia dunha frente e manter o rumbo no proxecto estratéxico de autodeterminación; practicar e suscitar na sociedade a práctica da democracia participativa". O antigo voceiro nacional do BNG tamén subliñou para Vieiros que a formación debe "ilusionar os cidadáns, e logo darlles satisfacción, coa acción política e de goberno, ás espectativas suscitadas niles". "Nunca defraudalos", afirmou.

En canto aos principios irrenunciábeis que defende a súa candidatura, debullou que son os mesmos "que o BNG formulou como seus desde a súa fundación, e que agora están en perigo de extinción". Ao respecto, referiuse "á fraternidade como democracia horizontal entre iguais; a democracia asemblearia como dereito de voz e dereito de voto directo dos militantes nas decisións claves para o desenvolvemento do proxecto político" e tamén salientou "o enfoque da acción institucional a prol do avance do proxecto estratéxico de emancipación social e nacional".

Sobre o impacto no proxecto político do BNG da entrada na Xunta, Beiras comentou que se debera invertir "a relación entre a acción institucional no marco constitucional autonómico e o proxecto soberanista emancipador que sobarda en horizonte e marco".


0/5 (0 votos)