Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
XII ASEMBLEA NACIONAL DO BLOQUE NACIONALISTA GALEGO

Fermín Paz fala dun BNG con necesidade de ampliar a súa "capacidade de mobilización"

"O principal reto que ten o BNG é facer do nacionalismo a forza hexémonica en Galiza", sinala Fermín Paz, primeiro da lista do Movemento pola Base, como punto de partida para a reflexión sobre os desafíos que enfronta o BNG. "Chegarmos a isto, precisa dun afortalamento organizativo do BNG, devolvéndolle o papel protagónico ás asembleas e á propia militancia", subliña, "e dun discurso político coherente que afirme os dereitos políticos da nación galega e posúa uns contidos eminentemente sociais e transformadores".

- 15:20 02/12/2006
Tags:

Fermín Paz Lamigueiro fala así de "recuperar a identidade do BNG" e destaca "o importante labor institucional que hoxe desenvolve o BNG" malia avisar de que "é necesario complementalo cun maior esforzo no traballo social, en sintonía coas organizacións e movementos sociais actuantes no noso país para facelo real é críbel".

O cabeza de lista do Movemento pola Base, salienta ademais para Vieiros os principios irrenunciábeis que defende a súa candidatura: "O BNG debe ser o instrumento político para a autodeterminación nacional e a emancipación social". Partindo disto, o Movemento pola Base entende que o BNG "debe manter a súa estrutura frontista e o seu carácter asembleario". Así mesmo, consideran que "cómpre que se melloren as formas de participación da militancia nos debates e nas tomas de decisión da organización".

Desde a corrente que lidera, explican que o traballo político do BNG e a súa "implicación social durante máis de dúas décadas", foron "determinantes" para a derrota electoral do PP en Galiza. Reflexionan que isto foi o que posibilitou un goberno de coalición co PSOE, "que debería ser un goberno de auténtico cambio para o noso país" e insisten en que o Bloque ten que ser "necesariamente o garante para que isto sexa así", ademais desde unha perspectiva "orientada a poñer en valor os nosos trazos identitarios como nación que somos".

Ao respecto, Fermín Paz comenta que pasado case ano e medio, "o balanzo da nosa entrada na Xunta é manifestamente mellórabel". "Malia as contradicións inherentes a un goberno de coalición, o BNG debería ser quen de desenvolver parcelas importantes do seu programa político, máis alá de realizar unha xestión como a que leva adiante na Xunta, que se pode cualificar en xeral de discreta", avalía sobre a traxectoria recente dos nacionalistas no executivo. E así que destaca a importancia de que as liñas mestras da acción de goberno dos nacionalistas na Xunta "se deseñen desde o propio BNG e os seus organismos, de xeito que se poida ir facendo un seguimento e unha avaliación do traballo realizado e se poidan ir corrixindo e modificando determinados aspectos do noso labor na Xunta que non sexan satisfactorios para a organización".

"Imos procurar que se dea un debate sincero e a fondo sobre as cuestións que nos preocupan como organización e que entendemos que son preocupación compartida por boa parte da militancia do BNG", indica Fermín Paz. Ao respecto das emendas ás teses a debate, explica que teñen como obxecto "tanto o reforzamento do papel da militancia da organización, facendo un BNG máis democrático e participativo, como o desenvolvemento dun perfil político propio do BNG, como organización nidiamente nacionalista e transformadora no social".


0/5 (0 votos)