Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTRATEXIAS BIPARTITAS PARA A SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

Innovación ou Presidencia, de quen é o plan TIC da Xunta?

Antes de que remate o ano, a Xunta presentará o Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información e o Plan Galego de I+D+i, elaborados pola Consellaría de Innovación, a entidade con competencias directas nestas áreas, e sobre os que xa se coñecen algunhas liñas. Porén, este luns constituíase formalmente a nova Fundación para a Sociedade do Coñecemento, promovida directamente pola Presidencia da Xunta, e con obxectivos semellantes. Malia iso, Innovación non participou neste proxecto e é Economía a consellaría integrada no padroado da institución. O extenso abano de propósitos da entidade inclúe por exemplo o estímulo da internacionalización das empresas neste sector. Paradoxalmente, na mesma xornada en que se presentaba a Fundación, a Dirección Xeral de I+D+i daba a coñecer pola súa vez a Oficina de Programas Internacionais de I+D.

- 13:35 13/12/2006
Tags:

Non hai moitos días que unha representación do sector empresarial galego era convocado a un foro de estudo sobre o borrador do Plan Estratéxico Galego para a Sociedade da Información, PEGSI. Iniciativas como a creación dun parque empresarial para empresas que traballen no sector TIC, son exemplo das propostas deseñadas polo documento. Xa que logo, o Plan ten entre os seus eixos o despregue de políticas que estimulen o desenvolvemento da sociedade da información en Galiza, e moi especialmente, mirando polo protagonismo do sector empresarial, cara ao obxectivo de que esta área se destaque como creadora de emprego e impulsora de crecemento económico.

De parecidos obxectivos falou este luns o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a presentación da Fundación para a Sociedade do Coñecemento. Touriño referiuse a esta entidade como elemento "imprescindíbel" para o avance de Galiza "na incorporación á sociedade do coñecemento, á innovación e o desenvolvemento tecnolóxico", xenéricos obxectivos que ben podería asinar a propia Consellaría de Innovación, ou máis especificamente a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información. E porén, este departamento da Xunta non foi convidado a participar no proxecto.

No sentido en que o propio PEGSI contempla a necesidade de colaboración entre as diversas áreas do goberno galego, e subliña en cada área os departamentos concretos que deberán coordinarse, sería evidente que unha institución como a agora creada debería buscar o seu lugar no conxunto das súas estratexias e nas do próximo Plan Galego de I+D+i. E se a lóxica recomenda que no futuro esta entidade se coordine cos departamentos vencellados do goberno galego, especialmente con Innovación, de momento non se deron pasos nese sentido, xa que a institución foi promovida en exclusiva desde a área de goberno xestionada polo PsdeG, sen contar co departamento xestionado polo conselleiro do BNG. Exemplo é que na mesma xornada na que se presentaba a Fundación e se falaba da necesidade do estímulo da internacionalización das empresas no sector TIC, a Dirección Xeral de I+D+i presentaba á súa vez a Oficina de Programas Internacionais de I+D.

Cara á coordinación do sector público e privado
O presidente galego destacou o apoio que a institución pretende para o desenvolvemento da I+D+i e a sociedade da información, "é onde se define a competitividade presente e futura das sociedades" e defendeu a súa creación como ferramenta clave na loita pola converxencia do país "coas rexións, comunidades e países máis avanzados de Europa e do mundo". Ademais, e de xeito concreto, indicou que servirá na procura de fórmulas de xestión e financiamento, coordinando ao público e ao privado, para garantir a sustentabilidade do proxecto da Cidade da Cultura. Salientou Emilio Pérez Touriño a implicación no proxecto de protagonistas clave do sector empresarial do país, caso das caixas galegas, o Banco Pastor, PSA-Citroën, Manuel Jove, Core, Finsa ou Inditex, nun padroado onde aparecen tamén como institucións fundadoras as tres universidades galegas.


0/5 (0 votos)