Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CASE CATRO ANOS DESPOIS

A fiscalía recoñece agora que "non hai probas" contra Egunkaria

"Non consta que o xornal, ou en suma os procesados, apoiaran a acción da ETA". Así o estabelecía este xoves o fiscal, ao tempo que pedía sobresemento do chamado caso Egunkaria. Con doce anos de historia, o diario Egunkaria, nado por iniciativa cidadá e o único en lingua vasca, fora pechado a comezos de 2003 polo xuíz Del Olmo, acusando os seus responsábeis de colaborar coa ETA. Con todo, a fiscalía evitou pedir que se levante o peche do diario, que foi intervido en plena actualidade internacional de excesos coa excusa antiterrorista. A acción veu sendo cualificada desde aquela e por múltiples colectivos como un "ataque á liberdade de expresión".

- 11:47 15/12/2006
Tags:

O propio fiscal encargado do caso, Miguel Ángel Carballo, pedira a comezos de 2006 que se mantivera o proceso dos sete imputados. Porén, agora recoñece que non existen datos que vencellen este diario vasco co grupo terrorista. Así e todo, o xuízo podería chegar a celebrarse debido a que a Asociación de Vítimas do Terrorismo e o colectivo Dignidad y Justicia, anunciaron a súa intención de seguir teimando na causa como acusación particular.

Non era a primeira vez que se tentara unha acción xudicial contra este diario, que xa estivera no obxectivo dalgúns maxistrados debido por exemplo á súa decisión de publicar entrevistas con membros da ETA, tacitamente vetadas no resto da prensa. O peche do diario en febreiro de 2003, argumentando moi débiles presuntas relacións coa ETA, foi denunciado por moitas asociacións profesionais e cidadás, indicando que a acción implicaba un ataque á liberdade de expresión e ao dereito á información. Diferentes concentracións en protesta polo peche e a prol da liberación dos encausados tiveron lugar desde aquela.

Durante toda a traxectoria do Euskaldunon Egunkaria, dez anos, "non se atopa nin unha soa noticia, editorial ou artugo que demostre que os seus responsábeis participaron nun desdobramento político social, ou do desexo de aglutinar poboación arredor da ETA", recoñece o documento presentado polo fiscal. No proceso, tratouse de vencellar o diario coa banda, a través de procedementos tan febles como o feito de que existise constancia de que membros da ETA seguíano con interese.

  • Máis en Deia e Berria, este último nado despois da desaparición de Egunkaria
  • Información sobre o proceso en Gara


4/5 (1 votos)