Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Publicación Murguía

RSS de Publicación Murguía

A epopea esquecida do campesiñado galego

Sobre a cuestión campesiña na Galiza hai pouco escrito, e polo xeral cinguíndose á análise da estructura de clases, evolución da producción e as organizacións das que se dotaron os nosos labregos e labregas. Pouco, moi pouco, hai sobre as loitas rurais que durante máis de século e medio abrangueron a toda a xeografía galega. Agora ben, resulta difícil de entender que exista este esquecemento cando se trata da mobilización máis teimuda e con maior participación social que librou o povo galego na Idade Moderna. Mesmo loitas moi achegadas no tempo, como as de Mazaricos, Castrelo de Miño, Campobecerros, As Encrobas e Baldaio, ou a oposición á cota empresarial agraria e a política agraria da Unión Europea, son ignoradas normalmente ao falar da oposición á ditadura franquista e a transición democrática, cando foron un aguillón que remexeu a conciencia popular,... e non só do mundo rural, que daquela era moi maioritario.

- 13:44 26/12/2006
Tags:

Se procuramos documentos e análises sobre o tema, coñezo os seguintes. Velasco Souto pescuda en dous libros a axitación campesiña na primeira metade do século dezanove, neles agroma a inmensa cantidade de preitos e os motivos polos que xurdiron, e a fame que abrangue ese período histórico e a rebeldía. Pola súa banda J.A. Durán estuda a etapa que vai de 1875 a 1912 en "Agrarismo y Movilización campesina en el país gallego", así como nos catro libros de "crónicas". Podemos engadir "O cooperativismo católico no proceso de modernización da agricultura galega 1900-1943" de Alberte Martínez López. Temos ademais "Labregos no franquismo" de Anxo Collarte Pérez, centrado na provincia de Ourense, e ‘O Agrarismo’ de Miguel Cabo Villaverde.

Porén, de traballos nos que a mobilización sexa o eixo só coñezo o de Xerardo Díaz Fernández "Nebra, Historia dunha infamia"; un artigo no nº5 de ‘A Nosa Historia’ (A Nosa Terra) baixo o titulo de "Castrelo, Historia dun val afogado" de Xan Carballa; feitos illados que se recollen na "Historia de Galicia, Edade Contemporánea", de Barreiro Fernández; e un resumo cronolóxico de 1868 a 1874 de Moreno González en "O movemento obreiro en Galicia". Hai asemade artigos e notas illadas, mais que non permiten debuxar unha estampa completa da época e do papel do campesiñado. Motivo polo que existe a falsa idea de que a revolta foi algo illado e os labregos (e os galegos por extensión) xente dobregada. Opinión que ademais foi e aínda é xenerosamente regada polos meios de información e as clases hexemónicas.

Vexamos a realidade a través dalgúns feitos, de distintas épocas, que reflicten o estado de animo dos labregos e labregas, que eran daquela a clase maioritaria na Galiza.

Non podemos esquecer a situación do agro galego, que entrou en crise a principios do século XIX por mor do aumento da povoación e outros motivos (queda dos prezos, etc.), para entendérmonos o que sucedería posteriormente, e deste xeito poder valorar correctamente as reivindicacións e loitas campesiñas nas nosa nación.

Por exemplo, debemos saber que a fame marcou o país e as súas xentes. "O aviso de fame fíxose máis urxente en 1843 e 1847 cos consabidos motíns populares. En 1852 a fame xa non se anuncia, presentase de súpeto. As intermitentes choivas de agosto, setembro e outubro arruínan as colleitas deste ano e impiden sementar en 1853... Mentres a xente morría realmente de fame nas rúas e nos portais das casas de Santiago, mentres se improvisaban ranchos colectivos por conta do concello e da Xunta de Beneficencia na que tanta parte tivo a Igrexa, o Estado español seguía cobrando puntualmente os impostos e embargando os bens dos que no podían pagar… No mesmo senso (denunciando este feito) dirixíronse ao Congreso en 1855 os Concellos de Ourense, Carballiño, Celanova, Ribadavia, Bande, Verín, Xinzo, Viana, Valdeorras, Allariz e Poboa de Trives. No escrito recoñecen que a provincia está "extenuada" pola fame. Por iso din que non poden os campesiños paga-las contribucións…" (Barreiro Fernández, Historia de Galicia, Edade Contemporánea). A fame, ademais dos motíns que se prolongaron durante vinte días en Compostela, provocou unha enxurrada emigratoria, tanto en América Latina como n o resto do Estado.

En ‘Cantares Gallegos’ , publicado en 1863, Rosalía de Castro reflicte nalgúns poemas o trato amargo que reciben os galegos e galegas na emigración:
Foi a Castilla por pan
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida
peniñas por alimento.
Déronlle, en fin, canto amargo
ten vida no seu seo…
¡Castellanos, castellanos,
tendes o corazón de ferro!.

A partir de 1856 até 1880 hai unha recuperación, e de novo de 1880 até finais do século a crise torna da man da problemas co viño, cereais e a gandería. Polo tanto non é casual que a protesta rural vaia a máis a medida que avanza o século XIX, a maioría das veces en oposición as quintas do exercito e aos trabucos excesivos. Sobre o particular dinos Barreiro Fernández en Historia de Galicia (volume XV) o seguinte "O motín da Estrada duraría do 5 ao 18 de xullo de 1870. O día cinco 2.000 homes con sachos e paos arrestaron ao comisionado encarregado de facer os apremios por impago dos impostos. Ante a presenza das forzas de seguridade, practicamente as 50 parroquias que arrodean a vila puxéronse en pé de guerra. O temor domea á maior parte da povoación que fuxe ficando só pra defender a lei 4 gardas civís e 14 veciños ‘de gran significación social’. Tivo que vir o exercito pra retomar a vila".

Relata o mesmo autor en ‘Historia de Galicia, Edade Contemporánea’ sobre a loita agraria, "Máis grave será o motín de Maceda onde o 23 de marzo deste ano (1870) axúntanse 1.500 campesiños negándose a pagar o imposto de capitación. Cercan a vila e enfróntanse con 50 gardas civís e 150 soldados. Os enfrontamentos duran 3 días e un fato de paisanos faise forte na serra. Non chan quedan 4 mortos, 3 paisanos e 1 garda civil. Os feridos pasan de dúas ducias". Durante o sexenio (1868 a 1874) hai motíns e levantamentos en practicamente todos os concellos do país que, por exemplo, causan 4 mortos en Quiroga (1870), outros tantos en Palas de Rei (febreiro 1870), 13 mortos e 132 detidos en Sarria (novembro de 1870).

En xuño de 1894 hai enfrontamentos coa Garda Civil en Salcedo, que causan a morte de 3 labregos. Agora ben, aínda é máis dura a represión en abril de 1909 en Oseira, que deixa 9 mortos e 27 feridos por disparos da Garda Civil. A contestación social da lugar o 7 de maio a que a xente guinde pedras contra o pazo episcopal, o circulo obreiro católico, a residencia de maristas, etc.

Desta época é o ‘Catecismo do Labrego’ de Valentín Lamas Carbajal, que debuxa a situación do noso campesiñado (ano 1888).
¿que quere decir labrego?
Home acabadiño de traballos, caste de besta de carga na que tanguen a rabear os que gobernan, ser a quen fan cédula como as persoas pra tratalo como os cás, que leva faltriqueira no traxe por fantesia, boca na cara por bulra, que anda arrastro como as cobras, que fura na terra como as toupeiras, que traballa moito e come pouco, que a somellanza dos burros que levan viño e beben auga, precuran o trigo pra comer o millo, que andan langraneando por unha peseta sin poder nunca xuntala, e que ven a ser considerado polos seus semellantes como un ninguén que a todo chamar chámanlle Xan paisano.

Pola súa banda Manuel María Leiras Pulpeiro (1854-1912) fai a seguinte lectura da realidade e de como deben responder os labregos á xustiza no poema ¡Non o sei!.

Sin millo o cabozo,
E o leito sin lairas,
Sin cartos a hucha.
E a corte sin rés...
¿Que agardan os probes,
Que a fouce non abranguen,
E a súa, ben feita,
Non fan dunha vez!...

As protestas campesiñas continuarían moito máis organizadas a partir da promulgación en 1906 da Lei de sindicatos agrícolas, e sobre todo da aparición en 1907 do Comité Antiforista de Teis, que se fixa como metas: a abolición dos foros e a loita contra o caciquismo. Esta etapa, con maior abertura, deu pulo á grandes concentracións e actos reivindicativos,... porén continuou á represión do governo, as inxustizas seculares e os motíns.

En 1907 nace Solidariedade Galega, onde salienta Vázquez Mella, e están ligados a ela tamén Lugrís Freire. Ese mesmo ano xurde Unión Campesiña, e en 1910 fundase en Madrid Acción Galega, que ten como figura sobranceira a Basilio Álvarez, que se mantería viva até a chegada da ditadura de Primo de Rivera, daquela xa desapareceran as dúas anteriores. O abade de Beiro é un axitador nato, radical nas súas posturas a respeito de como conseguir rematar co caciquismo. Segundo J.A. Duran a primeira asociación labrega é a ‘Sociedade de Obreros Agricultures de Goián’ que xurde en 1905.

O momento social e o estado de animo campesiño, e a figura do abade de Beiro, está nidiamente reflectida no poema de Ramón Cabanillas adicado a Basilio Álvarez que remata do seguinte xeito:

¡Ou trunfar ou morrer! ¡E, non se diga
Que non soupemos cancela-la obriga!
Que firmaron co-a Patria os Precursores!

Entre 1908 e 1919 fixéronse sete asembleias agrarias. As tres primeiras (1908, 1910 e 1911) realizáronse en Monforte, cun gran protagonismo de Solidariedade Galega, aínda que o Directorio de Teis seguiu sendo o referente na loita antiforal. As dúas seguintes fixéronse en Ribadavia (1912 e 1913); nelas a figura destacábel foi Basilio Álvarez. O movemento agrario atópase neste intre nun momento álxido e están representadas 150 sociedades agrarias en 1912 e outras tantas en 1913. A seguinte Asembleia será en Redondela (1915) e contou con menos concorrencia. A última fíxose en A Coruña e estivo marcada pola radicalización abolicionista; e os enfrontamentos entre dereita e esquerda impediron que rematara.

Durante este período a loita antiforal terá unha gran puxanza, e conta co respaldo de organizacións de emigrantes galegos, como o Centro Galego da Habana e a Federación de Sociedade Galegas de Bos Aires (daquela chamadas culturais e agrarias) e numerosos xornais agrarios.

Mais, centrémonos na mobilización que é o eixo deste artigo. Nun primeiro intre os actos contra os foros son esencialmente urbans, o primeiro que terá un caracter rural será o de Tomiño, o 20 de xuño de 1909, que se realiza co gallo de fundar a asociación agraria local. Neste mitin hai dúas novidades, Chinto Crespo fai o discurso en galego e diríxese aos presentes unha muller: Carme Álvarez. Para termos unha ideia da convocatoria destes mitins, sabemos que ao feito en Redondela o 12 de setembro de 1909 acudiron 1.500 persoas e outro en abril do seguinte ano en Oia ao que asistiron 3.000 persoas.

Desta etapa, aínda que non polo tema foral, son os graves acontecementos de 1916 en Nebra, Porto do Son, que causaron tres mortos e 40 feridos, por mor dos disparos dos 32 garda civís enviados polo Governador. O motivo da protesta labrega: o imposto especial do concello para eliminar o déficit do orzamento municipal.

No ano 1922 en Sobredo, no concello de Tui, outros tres labregos morren e 10 son feridos pola Garda Civil, que ten tres feridos nas súas filas, cando os campesiños néganse a pagar as rendas dos foros. O de Sobredo é o único motín, e os seus mártires populares, que aínda hoxe se lembra anualmente mediante un acto diante do monumento. Sobre estes feitos dixo Basilio Álvarez, ese cregos naqueles tempos rebelde e axitador, que xa tiña un exercito regular "Xa temos bandeira: os mortos. Xa temos soldados: os campesiños. Xa temos patria: Galiza".

Este ambiente de axitación foi recollido por Ramón Cabanillas

¡Irmáns! ¡Irmáns gallegos!
¡Dende o Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrilar!
Que vexa a vila podre,
coveira da canalla,
á Aldea que traballa
disposta a loitar.

Antes de ser escravos,
¡irmáns, irmáns gallegos!
que corra a sangre a regos
dende a montaña ó mar.

A longa noite de pedra esmagou en sangue a protesta, a cultura do país, a democracia, porén non por eso morreu a loita agraria. Lembremos por exemplo o conflito de Castrelo de Miño, por mor do encoro. Menos coñecida é a protesta de Mazaricos no ano 1963, durante a dura ditadura franquista. Os labregos ameazaron con fouces aos enxeñeiros que facían a demarcación dos montes para repoboación forestal, e que até ese intre eran usados para manter o gando. Intervén a Garda Civil deixando no chan un campesiño morto e varios feridos.

Os anteriores son acontecementos que amosan a importancia da resistencia e mobilización que a Galiza rural desenvolveu para guindar cos atrancos que lle impedían progresar, que empobrecían ao labrego e o forzaban á emigración. Hoxe das loitas agrarias sabemos algo da pelexa pola eliminación dos foros, da oposición ao cobro dos trabucos e ás levas militares. Das figuras destacadas vénsenos á memoria Basilio Álvarez e Chinto Crespo, e pouco máis. Semella que a preocupación por outros temas houbera escurecido o papel da maioría social. Mesmo, por exemplo, da impresión que cando se fala ou analiza a cuestión lingüística e cultural os principais protagonistas pasaran a un segundo plano, deixando todo o escenario a aquelas figuras intelectuais que fixeron desto causa da súa reivindicación e defensa en libros e xornais. Como se esta reivindicación pouco ou ren tivera que ver coa sociedade na que se dá, e intelectuais e cultura non foran expresión do sentir popular senón un grupo illado, xurdido do laboratorio. Porén toda esta etapa reflíctese ateigada de motíns, rebelións, manifestacións e protestas labregas e algunhas de operarios. Estes últimos xurdían como forza social, destacando en sucesos como a insurrección en Ferrol de 1872 e a folga xeral de A Coruña de 1901, ou os congresos Galaico-portugueses de 1902 e 1903 en Porto, Viana do Castelo e Braga.

As nosas xentes das aldeas non só baixaron algunhas veces a cabeza, como algúns teorizan e predican, senón que ademais foron durante séculos semente e centro do descontente, da protesta. É verdade que a crúa represión desvertebrou a rebeldía, deixando detidos, feridos, mesmo mortos, e sobre todo empurrando á emigración. Porén a protesta continuou unha e outra vez, teimosa, baril, amosando unha sociedade viva con anceios de transformación. A última expresión desta epopea foron as mobilizacións contra a cota empresarial e as limitacións á produción de leite na década dos sesenta e setenta do século pasado. Despois a emigración, o envellecemento, a despovoación, deixarían o rural sen xente moza, e a protesta iria devecendo e mudando de xeitos.

É unha magoa que haxa tan pouco escrito sobre estes feitos, sobre a dignidade dos nosos labregos. Afondar nesta parte da nosa historia e divulgala é importante para termos unha visión correcta e completa de Galiza e das nosas xentes, mesmo para entendérmonos o rexurdimento cultural e nacionalista do século XIX. Personaxes egrexios como Rosalía, Curros, Pondal, Leiras Pulpeiro, Lousada Diéguez, Lamas Carbajal, Murguía, Faraldo e tantos outros non xurdiron da nada, son consecuencia e nalgúns casos a expresión máis avanzada da revolta labrega e do agromar da clase obreira. ¡¡¡As protestas campesiñas do século XIX e XX son unha epopea colectiva, que non se pode ignorar!!!, que deu pulo ao sentimento nacional e aos contidos populares, dos que hoxe o nacionalismo galego é herdeiro.

Sirva este artigo, asemade, de homenaxe aos labregos de Seoane de Allariz, na Terra da Mafua; e de Samamede e Covas de Berredo, na Terra dos Garabullos, no concello da Bola. Terras dos meus antergos. Deste último concello saíu o meu avó para Cuba a cortar caña a principios do século XX coa finalidade de mercar as terras que traballara a súa familia dende facía séculos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: