Non hai moito unha pintura de Hermen Anglada-Camarasa (Casino de París, 1900) alcanzaba na galería Christie's a cotización máis alta conseguida nunha poxa por unha obra de arte, en España. Foi vendida en 2,9 millóns de euros. Mes e medio despois CaixaForum de Barcelona abre unha exposición antolóxica de Hermen. Coincidencia? O que si é seguro é que unha cousa axudará ao éxito desta outra. Anglada-Camarasa foi un artista de éxito en vida e parece que o segue sendo un século despois. Pintor polifacético e peculiar. Por que nunca se integrou nas vangardas? O seu persoal traballo e universo fannos chiscadelas desde as abas de Montjuïc. Por Lito Caramés.
Nas paredes de CaixaForum pódense ver máis de 190 obras. As obras de Hermen están acompañadas de cadros dos seus mestres e guieiros e tamén de discípulos. Xa o título, El Món d'Anglada-Camarasa, dá boa idea do que o comisario, Francesc Fontbona, quixo presentar ao gran público deste artista que se moveu entre tres vértices: Barcelona, París e Mallorca. Así é, as salas da antiga fábrica Casaramona, obra do arquitecto modernista Puig i Cadafalch, queren presentar a vida e a obra de Hermen e dos que estiveron preto del, xa para mostrar respostas estéticas, xa para coñecer os vieiros que o mestre levaba feitos de tanto andar.
Hermen Anglada-Camarasa formou parte da caterva de artistas que a cabalo de dous séculos fixo preguntas e pescudou polas tripas parisienses. Preto do Sena vivía cando a pintura impresionista esmorecía e as vangardas fervían en xermolos, próximos a abeirar violentamente. Anglada tivo mestres cataláns e franceses e foi mestre dun elenco moi diverso. Mestre de pintores rusos de Latinoamérica. Tivo moito éxito en Rusia ou nos Estados Unidos. En Arxentina foi mestre, triunfador nas exposicións, en terras de tangos e gauchos. Tamén foi mestre de María Blanchard, a pintora cántabra que, logo despois, abrazou as propostas do cubismo, polas sendas que ía abrindo Juan Gris.
Percorrendo o espazo da mostra, os ollos quedan retidos por algunha tea, mentres a memoria procesa axiña a lembranza doutros artistas. Tal acontece diante d'A Morfinómana (1902), con feituras dun Picasso en rosa, ou con Muro Cerámico (1904), que nos leva a Escandinavia, a carón de Nolde ou do mesmo Munch. Se é Xitanas con cans (1904) o que miramos, é o vermello e a forza de Nonell o que acude aos miolos. Quere isto dicir que Anglada non é orixinal? Non tal. Hermen é artista do seu tempo e compañeiro e amigo destes creadores que alimentaron a bohemia e míseros estudos non lonxe da Place du Tertre, no París finisecular.
Anglada-Camarasa non se deixou levar por ningunha das vangardas que coetáneos e amigos creaban e militaban. Admirado por grandes artistas do seu tempo, por Kandinski, por exemplo, o mestre espiritual da arte anterior á Segunda Guerra Mundial, preferiu indagar estelas e atopar respostas entre o mar e os ventos das Baleares.
Hermen pasa por ser o gran simbolista da pintura catalá. Que ve a Sibila (1913)? Que a paraliza? Que porvir lle escurece a mirada, cando observa o espectador? Ou non é así? O verde que tinxe a anatomía do brazo esquerdo e do peito descuberto augura bos tempos? Contra a monocromía de anatomía e fondo, a riqueza cromática do manto de Manila. Con seguridade o simbolismo de Anglada gane o cume no gran lenzo Sonia de Klamery (1903). Nunha selva portentosa (o Edén?), a muller xurde marmórea na póla da grande árbore (a Árbore do Ben e do Mal?). Na paisaxe idílica, pavos reais; na fauna do vestido, pavos reais. No medio o ollar engaiolador da Eva-serpe, da Eva-felina. O simbolismo de Anglada, con ser próximo ao de Puvis de Chavannes e doutros artistas de comezos do século vinte, vai máis aló e vese engalanado por acenos de expresionismo e pola sutileza polícroma do naif.
A pintura de Anglada gusta de poucos planos. Un fondo escuro e de pouca cor, para que a figura ou figuras do primeiro plano gañen protagonismo, xa cos brancos das anatomías, xa coa policromía dos vestidos e, sobre todo, dos mantos de Manila. Co tempo os lenzos faranse máis grandes e as temáticas máis complexas. Un caso singular na súa obra represéntanos os cadros submarinos que fixo cara o final da súa vida e cando vivía na illa de Mallorca. Son cadros dos anos corenta e cincuenta, dunha riqueza cromática extraordinaria, case visionarios, como se quixese refuxiarse nun surrealismo propio, metafórico e literal.
A obra de Hermen sempre estivo preto da música. Dúas probas: Enrique Granados tocaba o piano nas inauguracións das exposicións de Anglada. En San Petersburgo, en 1912, V. Meyerhold montou unha pantomima titulada Os Namorados, con música de Debussy. A tal peza músico-teatral estaba baseada na obra de Hermen Os Namorados de Jaca, 1910. Isto último tamén mostra a internacionalidade do artista.
Moitas das obras que se expoñen en CaixaForum son propiedade de La Caixa, pois no ano 1988 esta entidade de aforro mercoulle boa parte da obra e das pertenzas do artista á súa familia. Pódese dicir por tanto que, nesta ocasión, xógase na casa.
Fronte á exposición de Hermen está a entrada á mostra da obra de Fragonard. Unha boa ocasión para acudir a CaixaForum e constatar, de balde, que a arte en pouco máis dun século tamén evolucionou unha barbaridade.
EXPOSICIÓN: EL MÓN D'ANGLADA-CAMARASA
CaixaForum
Marqués de Comillas, 6 (Montjuïc)
Entrada de balde
Até o 18 de marzo
Horario: de martes a domingo, de 10 a 20 h.
Visitas comentadas de balde: martes, ás 18 h; xoves, ás 17 h; e sábados, ás 11 h e ás 17 h.
Foto: Retallo de Sibila, 1913, Hermen Anglada-Camarasa