Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A INICIATIVA ESTÁ PROMOVIDA POLA ASOCIACIÓN FUCO BUXÁN E SUBSCRITA POLO PRESIDENTE DA XUNTA

Solicitan a Medalla ao Mérito no Traballo para Díaz Pardo

A Asociación Cultural Fuco Buxán está a promover a concesión da Medalla ao Mérito no Traballo para un dos seus máis insignes socios, o polifacético artista e empresario Isaac Díaz Pardo. A solicitude remitida ao ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, recolle a lista de logros e recoñecementos acadados polo intelectual ao longo da súa vida. A misiva está subscrita polas máximas autoridades das institucións públicas galegas, encabezadas polo presidente Touriño. De Díaz Pardo di que "é exemplo vivo de amor a Galiza e protagonista activo da vida cultural, social, política e industrial galega dos últimos 75 anos".

- 18:50 18/01/2007
Tags:

Asemade, recórdase no texto que o vindeiro 2 de marzo, en Ferrol, "a sociedade galega renderá unha merecida homenaxe" a Isaac Díaz Pardo. Na cita estarán presentes representantes das máis altas institucións de Galiza, tanto políticas, como culturais, sociais, económicas e institucionais.

Tamén, durante os meses de febreiro e marzo, haberá unha magna exposición antolóxica da súa vida e obra, así como varias conferencias e mesas redondas coa participación de expertos na súa figura, que finalizarán co acto público do día 2 de marzo, no Teatro Jofre. "Preténdese a través destes Actos, agradecer a Isaac Díaz Pardo a súa xenerosidade e entrega de toda unha vida ao servizo das causas máis nobres de Galiza", sinala a carta.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: