Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A PRÓXIMA EDICIÓN DESENVOLVERASE NO 2009

A esixencia da cancelación da débeda externa marcou o peche do Foro Social Mundial

Unha nova edición do Foro Social Mundial rematou esta semana en Nairobi, Kenia. O Foro despediuse até o próximo 2009, data en que se organizará de novo nunha localidade aínda por decidir, logo de seis días de actividades, conferencias, manifestacións e encontros. As últimas xornadas do Foro deixaron a petición de condonación da débeda externa dos países subdesenvolvidos. Unha loita encabezada pola premio Nobel da Paz Wangari Maathai.

- 11:13 29/01/2007
Tags:

Os activistas en contra da débeda reclamaron na última xornada do FSM a cancelación do cento por cento das débedas xa que consideran que este lastre sobre o crecemento económico dos países é ilexítimo. A premio Nobel da Paz, Wangari Maathai sinalou que moitas destas débedas teñen a súa orixe nos acordos acadados con líderes ditatoriais e que na maior parte das veces "eses cartos nunca beneficiou a aqueles aos que ía dirixido".

Maathai cuestiónase "como é posíbel castigar os pobres cidadáns, que nunca foron consultados sobre os préstamos, usados a cotío para oprimilos, fortalecer o réxime e as elites e explotar recursos a expensas da saúde, o ambiente e benestar da xente?". A activista keniana advertiu que esas débedas non só foron mal concedidas, "senón que tamén so ilexítimas".

80.000 participantes
Esta edición do Foro Social Mundial foi unha das máis difíciles de organizar por mor da falta de infraestruturas na capital keniana, que até o momento non acollera un evento de tal magnitude. Malia a satisfacción xeral dos organizadores, a polémica non foi allea ao Foro, que recibiu críticas centradas en cuestións como o prezo excesivo das entradas para os kenianos, o patrocinio dunha compañía de telefonía móbil ou na falta de servizos de tradución e limpeza.

Aínda así, foron preto de 80.000 persoas as que participaron neste evento que procurou axudar os movementos sociais a alzarse contra os gobernos que perpetúan a pobreza e a corrupción en África.


Ligazóns

0/5 (0 votos)