O concello de Moscova non autorizará a celebración dunha marcha a prol dos dereitos dos homosexuais. O alcalde da capital rusa, Iuri Luxcov, afirmou que prohibirá a manifestación, "que non se pode chamar doutro xeito máis ca satánica", como xa fixera o ano pasado. Daquela, a escusa fora evitar que se producisen actos violentos. E así fora: as persoas que ignoraran a prohibición sufriron as agresións de grupos de ultradereita ou foron arrestadas pola policía.
Luxcov acusou os grupos organizadores da marcha de recibiren apoios de Occidente para difundir as súas ideas por Rusia. Tamén agradeceu o patriarca da igrexa ortodoxa rusa Alexi II por telo apoiado en prohibir a marcha gai do pasado mes de marzo. Malia isto, os organizadores pretenden manter a previsión da manifestación para o vindeiro mes de maio e anunciaron que apelarán ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos por unha prohibición que, ao seu entender, vulnera os seus dereitos fundamentais.