Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO TOURIÑO "ENGADE UN PLUS DE VALOR AO CONCEPTO DE CIDADANÍA"

O goberno elabora un guieiro cos dereitos dos galegos nas súas relacións coa Xunta

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presentou este sábado a Carta de Dereitos Cidadáns de Galiza, "un instrumento que recollerá de forma clara o conxunto de dereitos que asisten" a todos os galegos nas súas relacións coa Xunta. Segundo o xefe do executivo galego, trátase dun documento que vai más alá do "catálogo de pronunciamentos cargado de boa intencións", para converterse nun "mandato para a Administración". Touriño sinalou tamén que a carta engade "un plus de valor" ao concepto de cidadanía, o que a sitúa como "referente" da actuación da Xunta.

- 14:15 10/02/2007
Tags:

O novo documento presentouse na mañá do sábado diante de máis de corenta asociacións e organización sociais galegas. Segundo Emilio Pérez Touriño, a carta nace co obxectivo de achegar un "pulo maior para a regulación, garantía e cumprimento" dos dereitos dos galegos. "Trátase dun compendio dos principios que han de orientar a acción do Goberno en materia de dereitos". O documento recollerá, "de forma clara e concisa" a lista de dereitos que os cidadáns poden esixir á Xunta, o que obrigará a administración a "implicarse e comprometerse no seu impulso e no seu exercicio".

Protagonismo do diálogo
O diálogo será "o valor esencial do que se nutra este Goberno" salientou Touriño, que ve na carta "un punto de encontro entre as inquedanzas de mellora da cidadanía e da propia administración". Así, a "escoita activa" será unha das claves do proceso, o que propiciará a participación de todas as asociacións como elemento fundamental "dunha nova forma de gobernar".

A carta tamén contempla a creación dun Observatorio dos dereitos cidadáns, co obxectivo de que o Valedor do Pobo poida avaliar cada ano o grado de desenvolvemento dos dereitos recollidos nela.


0/5 (0 votos)