Por Marta Segarra
Co-directora do Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona
:: Título completo do artigo "O parcelamento da literatura: o caso da literatura francófona do Magreb" sobre as dificultades de delimitar algunhas escritas poscoloniais cos criterios nacionais.
Desde o século XIX, o campo da literatura parcelouse segundo as fronteiras nacionais que se estableceron a partir da lingua falada no territorio que se definía como nación, e que coincidía cun estado ou aspiraba a selo. Este parcelamento por nacións complícase no caso das literaturas poscoloniais, que adoitan evidenciar os problemas que conleva o establecemento de fronteiras entre as literaturas. Fixarémonos no caso da literatura francófona do Magreb, dado que ofrece cuestións moi interesantes desde o punto de vista lingüístico, político, relixioso, étnico e xenérico.
A zona coñecida desde os tempos antigos como o Magreb (que significa Occidente) agrupa hoxe tres países independentes, Alxeria, Marrocos e Túnez, que, sen embargo, manteñen fortes vencellos culturais e comparten unha historia similar. Non obstante, moitos estudiosos magrebís e franceses prefiren distinguir entre a literatura alxerina, a marroquí e a tunecina, sen as amalgamar no único conxunto da literatura magrebí, copiando, pois, o modelo nacional que seguen a maioría de literaturas europeas. Dita división mostra a debilidade dos seus fundamentos cando atinxe ós grandes autores que xa non viven no seu país de orixe senón, en moitos casos, en Francia; por outra parte, as difíciles circunstancias políticas que atravesaron os tres países nos últimos sesenta anos favoreceron os tránsitos, os exilios e as orixes dobres.
De optarmos por definir este campo literario como un conxunto e non subdividilo en tres partes, a mesma denominación literatura magrebí de expresión francesa, que constitúe a etiqueta máis comunmente usada, revélase cuestionable desde o punto de vista político. Por outro lado, parece o apelativo máis adecuado porque obvia o adxectivo francófona, que, como é ben sabido, non alude tan só a unha cuestión lingüística senón que ten unhas connotacións ideolóxicas inevitables: refírese á Francofonía como proxecto político e cultural de Francia, cara ó cal os tres países magrebís sentiron unha desconfianza moito maior que outras excolonias francesas como a maioría de países da África negra. Sen embargo, e dado que a adopción da lingua francesa non estivo exenta de dúbidas e incluso remordementos para os primeiros escritores magrebís, intentouse destacar a pertenenza desta literatura ó acervo cultural árabe e, máis en concreto, magrebí e alxeriano / marroquí / tunecino, mediante unha expresión ambigua como literatura alxeriana /
de expresión árabe mais de lingua francesa, en que o concepto expresión se refire ás imaxes, ó sistema de referencias, á tradición, etc., vehiculados por estas produccións literarias escritas en francés.
Jean Déjeux, un dos pioneiros na investigación deste campo literario, postula, neste mesmo sentido, pola denominación literatura de lingua francesa e de expresión magrebí, evitando a alusión ó árabe, que exclúe os escritores béberes ou pertencentes a outras comunidades, como por exemplo Jean Sénac ou Henri Kréa. Estes autores pertencían a familias de orixe europeo comunidade chamada pied-noir-, pero escolleron a nacionalidade alxeriana despois da independencia en 1962, posibilidade pola que optaron pouquísimos franceses, que na súa inmensa maioría se exiliaron á metrópole. Mesmo os autores de orixe secularmente magrebí mais de comunidades non musulmanas, como os irmáns Jean e Taos Amrouche bérberes cristiáns- ou o xudeu tunecino Albert Memmi, víronse excluídos en ocasións desta literatura, que, sen confesalo, redúcese entón a autores de orixe árabe e familia musulmana [nota 1]. Como sinala Duy Dugas, o dobre criterio que se utiliza implicitamente para incluír ou non un autor na literatura magrebí é o do bando político (só os escritores que escolleron o nacionalista na época das independencias merecerían formar parte dela) e o da relixión musulmana. Ós escritores da comunidade francesa (o caso de Albert Camus é o máis espectacular: o seu silencio durante a guerra de Alxeria valeulle a exclusión da literatura magrebí) e ós de confesión xudía ou cristiá sitúanse fóra das súas fronteiras.
Por iso, se cadra a denominación máis axeitada nos nosos días para este campo literario sexa a de literatura francófona do Magreb, onde o adxectivo francófona teña un significado estrictamente lingüístico (é dicir, escrita en francés) e do Magreb abranga non só todos os escritores nacidos e educados no Magreb, sexa cal sexa a súa orixe étnica e relixiosa (tal e como propón Dugas), senón tamén aqueles que, por exemplo, naceron no exilio francés ou occidental, escriben sobre este destino e sobre a súa identidade problemática, xebrada entre dúas culturas e dous espacios.
A evolución desta polémica nominal (cun alcance que, evidentemente, vai moito máis aló da non tan simple- cuestión das denominacións) materialízase nos títulos das antoloxías realizadas por un dos principais pioneiros, tanto no plano creador como no crítico, desta literatura. Albert Memmi elaborou en 1964 unha Antología de la literatura magrebí de expresión francesa, que se converteu en canónica e que na súa reedición corrixida de 1985 levou por título Escritores francófonos do Magreb: Antología. A fórmula expresión francesa substitúese polo adxectivo francófonos, pero o máis interesante é que a palabra literatura desaparece para falar de escritores individuais. Rizando o rizo, poderiamos chegar aínda a definir o corpus desta literatura baseándonos en obras concretas, para cualificalas de magrebís ou non: a triloxía nórdica (así chamada porque transcorre nun país escandinavo) de Mohammed Dib, afincado en Francia desde hai máis de corenta anos, ¿é unha obra magrebí, aínda que non aluda á realidade do Magreb, tan só porque o seu autor é alxeriano?; e as novelas de Nina Bouraoui, ¿divídense en magrebís e francesas segundo as súa temática? Un caso contrario é o de Les rêveries de la femme sauvage de Hélène Cixous, de familia xudía nacida en Alxeria mais que vive en Francia desde 1950; este relato, ¿non merece incluírse dentro da literatura magrebí, dado que ilustra de forma maxistral as cuestións de identidade na sociedade alxeriana colonizada?
Máis aló de cuestións nominais, a literatura ou literaturas magrebíes francófonas caracterízanse polo que poderiamos chamar a súa paradoxa funcional: o seu nacemento ou consolidación cadra coa época da loita pola independencia nos tres países, polo que a literatura magrebí adopta en seguida un elevado contido político; mais esta reivindiación de tipo nacionalista exprésase en francés, a lingua do colonizador. A relación dos autores coa súa lingua de escritura foi variando co tempo; nunha primeira reacción, pasaron da necesidade inicial de facerse oír polo colonizador en tempos do combate pola liberación nacional, ó rexeitamento da lingua francesa nos albores da independencia. Nesta época diminuiu o número de publicacións en francés e algúns intelectuais como Albert Memmi preconizaron a desaparición da literatura francófona magrebí. Sen embargo, a partir de finais dos anos 1960, esta volve con máis forza ca nunca, e a actitude dos escritores fronte ó francés muda: do rexeitamento pasan a un intento de re-apropiación da lingua do excolonizador, considerada como un botín de guerra (Kateb Yacine) ó que non se debe renunciar. Iso coincide tamén coa fin do gran respecto rozando ás veces a ultracorrección- que a maioría de autores francófonos sentían cara ó vehículo da súa escritura; é o momento da guerrilla lingüística (Mohammed Khaïr-Eddine), en que o francés representa, polo contrario, unha arma contra a hexemonía cultural de Occidente.
A loita política, polo tanto, efectúase a partir de entón desde dentro, non só polo uso do francés, senón tamén pola adopción dun xénero importado, sen tradición ningunha en literatura árabe clásica, pero que se converte no máis cultivado: a novela. En efecto, as primeiras mostras das letras francófonas do Magreb, procedentes da comunidade xudía e tamén da musulmana, a principios do século XX, inclúense na maioría dentro deste xénero literario, inédito ata o momento na zona. Iso débese, en parte, a un fenómeno de mimetismo, xa que estas primeiras obras deben moito ás novelas coloniais escritas por franceses da metrópole ou das colonias. Así mesmo, a novela é o marco máis adecuado para a descrición dunha realidade social e cultural, que constituía o obxectivo principal destes primeiros autores, quen querían actuar de mediadores entre a súa propia comunidade e a francesa co fin de chegar de acabar coa ignorancia e os prexuízos que marcaban as súas relacións. Por iso, as novelas foron cualificadas de etnográficas pola crítica, que tendeu a menosprecialas en tanto que son mostras dunha dependencia aínda demasiado grande con respecto á literatura nai, a francesa. Sen embargo, esta etiqueta paternalista e incluso pexorativa, aplicouse ás veces, demasiado á lixeira, a textos que demostran xa un alto grao de emancipación respecto aos modelos metropolitanos e, sobre todo, unha elevada cualidade literaria, como poden ser os de Ahmed Sefrioui ou, incluso, de Mouloud Feraoun.
Outros críticos sinalaron, ó contrario, que estas novelas que inclúen un alto grao de descrición artellan unha contra-mitoloxía necesaria para paliar a amnesia cultural provocada pola educación colonial, que deu lugar a varias xeracións que o ignoraban todo da súa propia cultura e raíces, especialmente en Alxeria, onde a aculturación foi maior xa que o ensino en árabe foi prohibido. Ademais, este etnografismo que obvia os aspectos políticos concretos o cal foi duramente criticado na época da loita nacionalista- evoluciona cara a un realismo que leva unha carga política moi explícita, como por exemplo a triloxía sobre Alxeria de Mohammed Dib. Este tipo de literatura comprometida segue sendo debedora, non obstante, dos modelos occidentais, especialmente da novela clásica do século XIX e tamén da novela rusa ou americana. Este panorama cambiará, tamén nos anos 1960, de exceptuarmos a gran primicia, en 1956, de Nedjma de Kateb Yacine, pioneiro na deconstrucción dos xéneros europeos. A carga política non afecta, a partir de entón, tan só ó contido das obras, senón que expresa mediante dita deconstrucción da forma, a estructura, o estilo e, en definitiva, as bases do xénero da novela, obxecto tamén da reapropiación que afecta á lingua francesa. A novela xa non se baseará maioritariamente, a partir de entón, na narración referencial, cronolóxica e transparente de acontecementos, senón que mesturará xéneros e estilos de forma moi rupturista e innovadora o cal coincide, sen embargo, cun movemento do mesmo tipo en Francia: as experimentacións formais dos anos 1970, en estreito contacto co estructuralismo, que ás veces (non sempre) se acompañan tamén dun obxectivo político de carácter revolucionario.
Outro trazo específico da literatura francófona magrebí (e, polo tanto, común ós tres países) é o calado autobiográfico que adoita ter a novela, non só en escritores menores ou primeirizos senón incluso nos seus monstros sagrados, como os chama Charles Bonn. A autobiografía tamén é un xénero sen precedentes na literatura autóctona, o cal é lóxico se consideramos que a escritura autobiográfica presupón unha concepción do individuo que a sociedade magrebí ou árabe en xeral está lonxe de compartir. Dita escritura nace en Occidente co triunfo do suxeito individual que representan a Ilustración e o Romantismo, movementos que non teñen paralelismo na historia da cultura e o pensamento árabes. Non obstante, novela e escritura do eu adoitan ir da man na literatura occidental, e iso ocorre tamén nas letras magrebís francófonas.
Esta nova importación explícase non só pola influencia da educación occidentalizada nos escritores francófonos do Magreb, en especial os que estudiaron na escola colonial, senón tamén porque a novela, e a literatura en xeral, adoita formular unha interrogación acerca da identidade individual e colectiva. As primeiras novelas ás que facemos referencia, acusadas de etnográficas, adoitan estar focalizadas desde a óptica dun individuo que, con frecuencia, exerce de narrador- que se sente dramaticamente afastado da súa comunidade de orixe, xa sexa por mor da súa formación occidental ou pola súa maior lucidez ó analizar os problemas da devandita comunidade. É dicir, son obras que propoñen un conflicto entre a identidade individual e colectiva. Á definición da primeira chégase a través da escritura autobiográfica (que consiste entón en lembrar a propia vida co fin de definirse a si mesmo, de construírse unha identidade, problemática polas tensións contradictorias que sente o individuo); a segunda, a identidade colectiva, acádase mediante a análise do entorno e a elaboración desa contra-mitoloxía á que me referín.
A presencia da escritura autobiográfica na literatura francófona do Magreb non diminúe co tempo, senón máis ben o contrario: actualmente, é moi importante nela, debido tanto ás circunstancias políticas (a nova guerra de Alxeria promove o testemuño autobiográfico, favorecido tamén por intereses editoriais), como a incorporación nesta literatura dunha nova xeración de escritores que escriben, xa non desde o Magreb, senón desde a emigración francesa. Trátase de xente nova que a crítica agrupou baixo a etiqueta de literatura beure, procedentes de familias magrebís inmigradas pero que naceron xa en Francia ou que se criaron alí. No seu caso, os problemas de identidade están provocados pola súa inserción problemática no país de acollida das súas familias, con frecuencia por motivos económicos (é unha literatura moi ligada á banlieue ou barrios obreiros, e xeralmente moi conflictivos, da periferia das grandes cidades francesas), así como pola falla de raíces, ó ignoralo case todo da cultura de orixe de seus país. Esta separación respecto ás das comunidades ou culturas que senten próximas mais non completamente súas fai que estes escritores manifesten moitas veces o sentimento de vivir entre dúas augas, nun non-lugar onde non cabe ningunha definición colectiva, senón tan só individual.
Do mesmo xeito, a temática da identidade, así como outras cuestións fundamentais como a da lingua que presentan de modo distinto nas obras escritas por mulleres magrebís. A incorporación das mulleres na escritura en francés -e tamén en árabe- produciuse de forma serodia no Magreb, salvo excepcións, xa a imaxe tradicional da muller conleva o seu silencio, material e simbólico. Tomar a palabra en público considérase contrario á discreción e o pudor que debían presidir a conducta de toda muller respectable; por todo iso e mais por ser máis difícil o acceso das mulleres á educación, estas non comezaron escribir de forma máis ou menos masiva ata os anos 1980. Ademais, podemos considerar que as súas obras comparten unha serie de características especiais que as distinguen das dos seus colegas masculinos. En primeiro lugar, a súa relación coa lingua é distinta: o rexeitamento do francés como lingua colonial non se produciu en tan alto grao entre as escritoras, xa que a alternativa do árabe non resultaba satisfactoria, posto que moitas o asimilaban ó poder patriarcal e relixioso que as oprimía. En cambio, as autoras -e, entre elas, Assia Djebar é a que máis e mellor o expresou- dan moita importancia á oralidade, xa sexa do árabe dialectal ou do bérber, posto que identifica coa lingua da nai, a través da cal se transmite unha cultura feminina exclusivamente oral.
Outro ámbito en xeral moi distinto nas obras escritas por mulleres e por homes é o do corpo e a sexualidade. As autoras convérteno nun dos pilares básicos da súa escritura: a denuncia da opresión e a humillación que sofre o corpo feminino na sociedade tradicional, así como a esixencia da liberación do propio corpo substitúen con frecuencia as reivindicacións políticas expresadas maioritariamente polos homes. Pero, como indica Assia Djebar, a liberación do corpo é se cadra a revolución máis urxente para as mulleres magrebís, o cal a converte nunha cuestión tamén política.
Este desexo de autonomía moral e física, sen embargo, provoca así mesmo conflictos de identidade entre as mulleres: ás veces, a devandita reivindicación considérase unha traición á identidade grupal. Non debemos esquecer que a resistencia ó colonizador e á loita pola independencia fixéronse moitas veces a partir dun retorno ós valores ancestrais da comunidade, tanto culturais e éticos como relixiosos (de aí vén, en parte, a relevancia que teñen actualmente os movementos islamistas, sobre todo en Alxeria e, en menor medida, Marrocos e Túnez). Ese retorno non favorece para nada os dereitos das mulleres; de os reclamaren, iso poderíase considerar unha traición á comunidade porque se identifica cunha occidentalización. Polo tanto, a separación respecto ó entorno é se cadra aínda máis aguda ou, en todo caso, vívese de forma distinta nos textos das mulleres, que, por exemplo, conta entre os seus temas preferidos o dilema entre a conservación da memoria colectiva -esencial para reelaborar unha nova identidade de grupo- e o esquecemento, que tamén pode ser necesario para construír unha nova identidade comunitaria que non prescinda das raíces mais que se basee na igualdade de dereitos entre homes e mulleres. Polo tanto, as experiencias persoais, a miúdo moi difíciles e tormentosas, que conducen a estas mulleres á asunción dunha identidade individual, lonxe de modelos tradicionais e represivos que se lles presentan, favorecen tamén a escritura autobiográfica e mesmo testemuñal, aínda máis estendida entre as escritoras ca entre os escritores.
Volvendo ó propósito inicial deste artigo, algúns autores e críticos chegaron a afirmar que, aínda que obviamente a literatura magrebí de expresión francesa está escrita en francés, exprésase non obstante en árabe. Díxose da obra de Tahar Ben Jelloun que gañou o moi francés premio Goncourt en 1987: é unha literatura árabe escrita en francés. Este comentario podería respostar ó desexo de excluír a literatura magrebí ou francófona en xeral do sacrosanto reducto das letras francesas. O meu parecer é, polo contrario, que a literatura francófona magrebí representa unha parte importante e innovadora do panorama literario actual en lingua francesa, sen menoscabar a presencia na maioría das súas produccións da cultura e a lingua árabe ou bérber, que se imbrican coa francesa, desdebuxando as fronteiras desta literatura nunha indefinición enriquecedora.
Nota
[1] Para clarificar as cousas, subliñemos unha evidencia: estas dúas palabras non son sinónimas. Árabe ten un sentido étnico e xeográfico, así como lingüístico, e no caso do Magreb falamos de tres países árabes, porque o árabe é unha lingua oficial e a maioría dos seus habitantes ten esta orixe aínda que o bérber é unha lingua propia de etnia máis antiga, do mesmo nome, que habita estas terras desde antes da invasión árabe. En cambio, musulmán implica unha adscripción relixiosa ó Islam.
Referencias bibliográficas
Bonn, Charles. Sobre la literatura francófona del Magreb: La situación de la literatura magrebí y su lectura. In Ana González Salvador, Rosa de Diego e Marta Segarra, Historia de la literatura francófona (Bélgica, Canadá y Magreb) . Madrid: Cátedra, 2002.
Dugas, Guy. La literature judéo-maghrébine dexpression française: Entre Djéha et Cagayous. París: LHarmattan, 1990.
Déjeux, Jean. Maghreb: Littératures de langue française. París: LArcantère, 1993.
Segarra, Marta. Mujeres magrebíes: La voz y la mirada en la literatura norteafricana. Barcelona: Icaria, 1999.
Trad. de