Por Carme Adán
Membro da Aula Castelao de Filosofía
:: Resumo da tese de doutoramento que, con este título, presentou na Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María Xosé Agra.
Atopábame ante a porta que conduce á biblioteca mesma. Sen dúbida abrinna, pois instantáneamente xurdiu, como un anxo gardián, cortándome o paso cun revoar de roupaxes negros no canto de ás brancas, un cabaleiro magoado, prateado, amábel que en voz queda sintiu comunicarme, facéndome sinal de retroceder, que non se admite ás señoras na biblioteca máis que acompañadas dun fellow ou provistas dunha carta de recomendación
Virginia Woolf, Un cuarto propio
A mirada feminista está inmersa desde hai varias décadas nun proceso de búsqueda e construcción dun instrumental óptico que lle permita enfocar e ampliar as zonas máis opacas dos espacios tradicionais do saber. A teoría feminista tense definido como un facer ver -como unha teoría en sí mesma crítica- mais este xogo visual responde a un obxectivo de índole política de transformación e participación nos discursos sometidos ao zoom do xénero. Deste xeito, os ámbitos relacionados coa construcción do coñecemento non podían ser alleos ás preocupacións feministas. Así, se repasamos a historia do feminismo máis recente, atopamos que o tema do coñecemento, e en concreto da ciencia, é unha parte importante da axenda feminista.
Orabén, tamén é certo que esta indagación pasou por etapas moi distintas tanto no obxecto da preocupación como no grao. Con isto queremos dicir que a incursión da teoría feminista nos temas científicos desenvolveuse de vagar desde unha actitude de desprecio inicial cara o ámbito científico-tecnolóxico, pasando por etapas tanto de búsqueda da pegada feminina na ciencia a través dos estudios históricos como de denuncia dos trazos androcéntricos das teorías científicas, ata unha etapa máis recente que abrangue as dúas últimas décadas do século vinte, principalmente os anos noventa, onde esta teoría cuns azos renovados auna esforzos para elaborar unha crítica á ciencia patriarcal, unha reflexión desde a experiencia situada dos suxeitos femininos, e aposta pola participación das mulleres no ámbito científico-tecnolóxico.
Así, ubicándonos nesta última parte do programa feminista sobre a ciencia, poderiamos dicir que o resultado da intersección entre a epistemoloxía e a teoría feminista aparécesenos como un extraño híbrido denominado cun nome, non menos extraño, como é o de epistemoloxía feminista. Ante este campo de estudio nos situamos ao inicio da nosa investigación. Coidabamos que a análise e estructuración das propostas que se están elaborando no seo da teoría feminista sobre a ciencia é de seu un labor interesante.
O que achamos foi que máis que un ámbito perfectamente delimitado e sistemático o que se engloba baixo esta etiqueta é unha serie de aportacións e suxestións sobre temas e cuestións relacionados coa epistemoloxía en xeral, e coa filosofía da ciencia en concreto, desde a óptica da teoría feminista. Isto non é unha crítica negativa, senón todo o contrario, responde ao estado embrionario no que aínda permanece esta parcela dos denominados estudios de Ciencia e Xénero.
Xa que logo, valoramos que estas aportacións, que cada día crecen en número e calado, teñen un grande interese tanto para a propia teoría feminista como para os estudios tradicionais sobre a ciencia, nomeadamente, a filosofía da ciencia e a socioloxía do coñecemento científico. De feito, as correntes máis actuais destas disciplinas comparten coas autoras que foron obxecto do noso estudio un interese pola ciencia como unha actividade enchoupada de valores. Fronte ao ideal de neutralidade que marcou as concepcións clásicas sobre a ciencia, todas as autoras analizadas neste traballo parten dunha concepción da ciencia como unha práctica e introducen no seu campo de estudio temas como o papel dos valores na ciencia, a redefinición da noción de obxectividade, a reconfiguración do suxeito cognoscente ou a participación das mulleres no quefacer científico entre outros.
A raiz desta proliferación de puntos para o debate, optamos por seguir unha interpretación en clave política. Isto é, limos as propostas das epistemólogas feministas segundo os intereses da participación das mulleres. Noutras palabras, focalizamos as reflexións sobre os variados temas que nos ofrecen estas autoras de xeito encamiñado, en última instancia, a amosarnos a conveniencia da intervención. Polo tanto, a nosa perspectiva situada fixo que valoráramos principalmente esta dimensión.
Agora ben, esta aposta interpretativa á que nos estamos a referir condicionou en certa medida a estructura da nosa investigación, a cal se divide en dúas partes fundamentais. Os tres primeiros capítulos da nosa investigación forman un bloque expositivo que ten por obxectivo indagar e, ao mesmo tempo articular, as achegas máis destacadas no ámbito da epistemoloxía feminista. Esta primeira parte pretende mostrar o estado da cuestión sobre o coñecemento na teoría feminista seguindo os textos das autoras máis representativas desta parcela. A escolla das pensadoras responde ao intento por mostrar as diferentes posicións teóricas dentro deste campo de estudio. Como orde expositiva seguimos a célebre clasificación proposta por Sandra Harding a principios dos anos oitenta, a saber, empirismo feminista, teoría do punto de vista feminista e posmodernidade feminista.
Adícase un capítulo a cada unha das correntes. Consideramos que mediante os traballos de Helen Longino e Lynn H. Nelson quedan suficientemente explicitadas as teses centrais do empirismo feminista, non obstante, optamos por adicarlle un espacio interpretativo ao que se denomina epistemoloxía feminista naturalizada. Das aportacións da teoría do punto de vista feminista da cumprida conta a obra de Sandra Harding, mais achamos de interese para unha mellor comprensión da mesma deternos nas propostas de dúas pioneiras destacadas desta teoría, Nancy Hartsock e Evelyn Fox Keller.
Mantemos un terceiro apartado na clasificación, aínda que desconfiemos da posibilidade de poder falar en termos de posmodernidade feminista xa que avanzar propostas epistemolóxicas desde concepcións posmodernas resulta do máis problemático e, incluso, contradictorio. Asemade, dado que no deseño desta investigación se optou por unha revisión da achegas epistemolóxicas da tradición anglosaxona, non se recollen as propostas dos feminismos francés e italiano, especilamente sensíbeis ás teses posmodernas. Polo tanto, cremos conveniente referirnos ás propostas deste apartado como desenvolvementos epistemológicos desde posturas próximas aos enfoques posmodernos, como é o caso de Donna Haraway ou Susan Hekman. Deste modo, conviñemos en cambiar a terminoloxía e empregar a expresión de feminismos polimorfos para tentar reflectir as moitas facianas coas que debe arrouparse unha teoría que pretende dar conta dun mundo estructurado sobre o local/global.
Como podemos observar esta cadencia expositiva obrigounos a comezar polas teorizacións que desde o centro de teorías ben asentadas artellan as estratexias para incluír as marxes, é dicir, as mulleres. Obviamente estamos a falar do empirismo feminista aínda que cuestionada a súa posibilidade teórica por algunhas destacadas pensadoras como Sandra Harding ou Susan Hekman- nós defendemos a súa vixencia e interese no ámbito do feminismo e coidamos que empirismo e feminismo non teñen porque ser termos contradictorios en absoluto. De seguido, tivemos que desprazarnos as propias marxes, metáfora da situación dos oprimidos, para acometer o reto de transformar o centro. Isto é a teoría do punto de vista feminista. Sen embargo, na rede conceptual da tecnociencia, última estación do noso percorrido, a linguaxe dos centros e as marxes ecos na memoria dun pasado imperialista- deben obviarse a favor de novos roteiros, de novos espacios de interconexión que sexan imaxe de futuro que vincule como proxecto político asumir a ciencia e a tecnoloxía como parte do que somos, como responsabeis do coñecemento.
O segundo bloque desta investigación corresponde ao que podemos denominar consecuencias ou aportacións do debate epistemolóxico para a teoría feminista en xeral. Centramos as nosas reflexións principalmente en dous conceptos clásicos nos estudios feministas, o xénero e a experiencia das mulleres.
Tomamos por definición xeral do termo xénero a seguinte: o xénero é un conxunto de pautas heurísticas coa característica fundamental de iluminar unha determinada área de investigación. É un concepto útil para reivindicar un territorio definidor específico que afonda na insuficiencia dos corpos teóricos existentes para explicar a continua desigualdade entre mulleres e homes. A aplicación do xénero ten posibilitado -e posibilita- visualizar zonas opacas nos discuros tradicionais, de aí que entrañe un cambio de rumbo na investigación ou un desprazamento do enfoque. No referido ao campo do coñecemento científico a utilidade deste concepto vén marcada tamén pola súa capacidade para mostrar as omisións no coñecemento construído ata a actualidade, isto é, denunciando a ausencia da experiencia das mulleres. Asemade, o xénero ten servido para localizar a operatividade que as diferentes visións sobre os xéneros tiveron na elaboración de marcos teóricos. Polo tanto, podemos afirmar que a funcionalidade do xénero estriba en criticar os marcos teóricos desde os que se establece o coñecemento.
Sen embargo, a participación das mulleres necesita non só da reconsideración dos marcos teóricos á luz do xénero, senón que demanda a caracterización de novas significacións. De xeito que case de inmediato nos víramos diante da necesidade de establecer un elemento capaz de servir de catalizador para establecer novas experiencias e prácticas, que actúe a modo de ferramenta de resignificación no terreo epistémico. Logo, o emprego do termo xénero conleva a búsqueda doutra categoría que permita a intervención e a participación en materia científico e tecnolóxica. E dado que nós interpretamos a epistemoloxía feminista nos termos políticos da participación das mulleres, rastrexamos nas propostas destas autoras a noción desde a que estaban a construír os elementos clave da súa teoría para afrontar este reto. Non é tanto que tentaramos recuperar unha categoría, experiencia das mulleres, cunha longa e polémica traxectoria no feminismo, como que conscientemente revisaramos os textos traballados na primeira parte desta investigación co obxectivo de indagar desde que espacio de resignificación están a traballar as feministas analizadas. Polo tanto, a experiencia das mulleres vén de xogar unha baza fundamental nesta investigación. Permitiunos establecer unha ligazón entre o ámbito propiamente analizado, é dicir, as propostas epistemolóxicas, e a dimensión política da teoría feminista. Esta vinculación a consideramos cimentada gracias a noción de situación. De seguido, vaimos por partes para facer compresíbel esta afirmación.
Un percorrido pola epistemoloxía feminista
De comenzármonos por Helen Longino atopámonos fronte a proposta dun empirismo contextual que tematiza a participación feminima en forma de valores ou criterios feministas que corresponden ao intento de incidir no trasfondo de valores recibidos polas comunidades científicas para introducir uns novos valores deseñados xustamente desde a situación de ser mulleres. Longino pretende conseguir significacións interesantes e útiles do ser mulleres para poder aplicar na práctica da producción científica. Estas significacións son as propias da teoría feminista, xa que esta autora nos propón uns criterios que veñen a ser a cristalización das pescudas máis interesantes ata o momento sobre como elaborar coñecemento feminista ou, o que é o mesmo, coñecemento como feministas. Se lembramos estes son: adecuación empírica, heteroxeneidade ontolóxica, novidade, interacción mutua, aplicabilidade ás necesidades humanas e a descentralización do poder.
A andamiaxe destes criterios ou valores está constituída polas teorizacións sobre as contribucións das experiencias femininas ao coñecemento. Seméllanos que a proposta de Longino, aínda que non afonda con suficiente vagar na noción de experiencia das mulleres, ofrece unha vía de argumentación para investigacións posteriores moi interesante. En primeiro lugar, porque reduce o risco de caer no esencialismo que un coñecemento xinocéntrico implica. E en segundo lugar, porque entende a utilización da experiencia das mulleres como un recurso político para lograr a autoridade epistémica das mesmas ou, noutras palabras, a participación destas na producción social do coñecemento.
Por outra banda, Lynn Hankinson Nelson defende un tipo de empirismo social feminista de corte quineano definido, fundamentalmente, por unha teoría da evidencia marcada polo antiindividualismo e o holismo. O coñecemento é social porque a evidencia é comunitaria, isto é, os estándares de evidencia son construídos por comunidades e subcomunidades mediante o sentido común e as diferentes teorías que se deseñan para tal efecto. Achegándonos con máis detenimento ás subcomunidades e á crítica feminista, ten un sentido especial preguntarse polo significado da experiencia das mulleres pois podemos afirmar que as subcomunidades feministas pretenden artellar unha rede de novas teorías mediante a adición de novas dimensións, en concreto referidas ás mulleres. As subcomunidades feministas son unha forma de introducir modificacións nos patróns de evidencia das comunidades científicas para que novas experiencias sexan tidas en conta e modifiquen o proceso de atribución de significados. O obxectivo é que teorías e valores que non estiveron presentes na construcción de teorías científicas entren a formar parte da rede lingüística e práctica das diferentes comunidades onde se establece o coñecemento. Nelson parte dunha noción de experiencia intersubxectiva e non homoxénea, onde o individuo, ao ser parte dunha comunidade e dun determinado número de subcomunidades, participa na evolución do esquema conceptual que constitúe a experiencia nun producto situado, comunitario e intersubxectivo. A introducción do xénero como unha das variabeis da situación engade unha dimensión política á experiencia no sentido de crítica reavaliativa que permita novos trasfondos epistemolóxicos. O pensamento desta autora introduce unha dimensión crítica na construcción do coñecemento que obriga a repensar os marcos teóricos de partida na procura de novos estándares de evidencia para unha teorización coherente das experiencias das mulleres.
Por outra banda, Sandra Harding é unha das pensadoras máis prolíferas no tema da epistemoloxía feminista, simultanea a análise e clasificación desta co deseño dunha proposta propia. O seu pensamento parte das teses materialistas do punto de vista e vai introducindo elementos propios, algúns achegados ao empirismo, pero fundamentalmente elementos provenientes da filosofía e socioloxía poscolonial, que fructifican dun xeito notábel nas nocións de obxectividade forte e reflexividade sólida. Moi influenciada pola obra de Nancy Hartsock, presta especial atención nos seus primeiros escritos ao papel da actividade na configuración da experiencia das mulleres. Sen embargo, esta categoría non responde ás necesidades que lle plantexa o seu proxecto máis importante, este poderiámolo formular nos seguintes termos: ¿Pode a teoría feminista transformar os propios fundamentos do coñecemento científico? O feminismo pon en entredito o marco conceptual no que se desenvolve a epistemoloxía tradicional ao ser esta definida en función dunha presunción de neutralidade en valores, imparcialidade e desapaixoamento. Mentras a teoría do punto de vista feminista cuestiona este marco conceptual porque non só quere recoller as marxes, senón que as propias marxes son o topos desde o que construir unha nova visión do coñecemento. Para Harding a teoría do punto de vista confire ao suxeito cognoscente unha dimensión social que o sitúa nun marco valorativo do que podemos discutir a súa idoneidade ou non para o coñecemento científico.
Neste punto é onde a experiencia das mulleres se queda curta e esta autora recorre a asunción das vidas das mulleres como unha localización obxectiva sobre a que se pode asentar a formulación do punto de vista feminista. O feito de tomar como fundamento do coñecemento as vidas das mulleres implica unha toma de partido pola localización do coñecemento. Aquí radica uns dos puntos que convirte a Harding nunha autora rupturista na teoría do punto de vista, xa que non asenta o privilexio epistémico en ningunha atribución sustantiva da identidade senón que ser feminista, poscolonial ou antihomofóbico defínese por ocupar un espacio, unha posición na que se priman as condicións obxectivas da vida e a experiencia fica como unha guía subxectiva- para a investigación.
Cómpre indicar que o concepto de vidas das mulleres permite a Harding fundamentar a noción de obxectividade forte. A obxectividade forte ou a maximización da obxectividade debe ser entendida como un método capaz de detectar os valores e intereses que constitúen os proxectos científicos, as diferencias que existen entre valores e intereses que amplían ou restrinxen a imaxe da natureza e das relacións sociais e, por último, que sexa un método capaz de ter presente que os acordos aos que se chegue nos puntos anteriores deben variar entre diferentes observadores. O privilexio epistémico nesta autora mantense no referido ao primeiro punto, isto é, só opinando desde o lugar que non se detenta o poder pódense descubrir valores e intereses que permanecen agochados. Estamos diante dunha cuestión de participación democrática.
Como podemos observar esta autora rexeita o relativismo porque considera que hai localizacións obxectivamente privilexiadas para ser alicerce de coñecementos menos sesgados. As localizacións obxectivas as vidas dos oprimidos- son a base para defender que non hai un estándar único para o coñecemento senón que os estándares son diferentes porque os propósitos son diferentes. Harding emprega a noción de vida das mulleres para centrar a súa investigación na procura de formas de participación democrática no campo da construcción do coñecemento.
Donna Haraway, suxerinte pensadora e potenciadora do cyberfeminismo, recorre a unha linguaxe rica en metáforas e figuras retóricas para presentar un pensamento que lanza propostas de novos espacios e alternativas, co obxectivo de elaborar un proxecto político feminista de liberación que sexa capaz de apropiarse da tecnoloxía, da tecnociencia, no seu beneficio. A súa filosofía é unha estratexia política onde a detección dos problemas require da elaboración de figuras de ficción que funcionen a modo de instrumentos cartográficos. Eis a experiencias das mulleres e o cyborg. Estas son dúas ficcións políticas que funcionan como unha lente para ver a realidade desde o feminismo. De aí, unha das expresións máis famosa desta autora o cyborg é a nosa ontoloxía e outorganos a nosa política (1), xa que o cyborg é o compás que nos axuda a delimitar o espacio desde onde mirar e, asemade, esa mirada non inocente obriganos a decidir sobre os problemas que vemos, é dicir, obríganos á actuación política, logo, o coñecemento é fundamentalmente un acto de responsabilidade.
Tanto a experiencia das mulleres como o cyborg son dous artefactos semiótico-materiais producidos cunha finalidade política, a emancipación. Sen embargo, a experiencia das mulleres como lugar de resignificación, ou noutras palabras, como aparato de producción de novas significacións mediante a lóxica dunha mirada diferente presenta un serio atranco, o papel da sexualidade. Isto é, se ben a experiencia se constrúe todas as exp