Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A emigración polas cartas dos emigrados (e II)

Por Raúl Soutelo
Seguindo o fío do número anterior póñense casos do tipo de informacións que fornecen os epistolarios dos emigrantes galegos da primeira metade do século XX. Raúl Soutelo, profesor no CPI de San Sadurniño, A Coruña, ofrécenos un avance do seu libro De América para a casa, que publica o Consello da Cultura Galega

- 00:17 02/05/2001
Tags:

As cartas dos emigrantes reflicten ás experiencias vividas de modo individual ou familiar por millóns de homes e mulleres que se converteron involuntariamente en obxecto de estudio cando deixaron os seus escenarios sociais de orixe para facer fortuna nas sociedades urbanas da periferia latinoamericana. As autobiografías orais, as fotografías e a correspondencia familiar ofrécennos unha perspectiva microsocial (individual e familiar) da importancia real que tiveron as cadeas migratorias conxugadas cos factores de expulsión e atracción, pero tamén sobre a complexa inserción sociolaboral e cultural no país de destino e sobre o importantísimo papel desempeñado polos emigrantes retornados na mobilización sociopolítica das sociedades de partida.

As cartas demostran que a emigración é unha opción que se decide no seo da familia, que o membro emigrado mantén unha estreita relación co grupo doméstico que toma a iniciativa de enviar novos membros co irmán ou tío xa instalado alén mar, alimentando as típicas cadeas tío-sobriño que aparecen nos negocios familiares dos grupos étnicos emigrados. As cartas de emigrantes están escritas en castelán e cheas de xiros e expresións propias da lingua materna (galego, catalán, eusquera...) na que pensa e fala a persoa que as escribe. Resulta doado intuír as consecuencias sociolingüísticas que se derivan desa diglosia imposta a un pobo forzado a abandonar a súa lingua materna perante unha oficina pública ou un simple papel que ten que escribirlle ós seus en castelán porque era a lingua na que o Estado español alfabetizaba á poboación.

É sorprendente a riqueza temática e a fonda pegada humana da documentación epistolar, que nos informa con especial detalle sobre as relacións internas e as estratexias reproductivas do grupo doméstico do emigrado (formas de vida, causas da emigración e inversión das remesas económicas), como demostra xa o libro de Elixio Villaverde sobre a emigración galega a México que vén de publicar Xerais.

Tense apuntado que a correspondencia idealiza a realidade sociolaboral do inmigrante para tranquilizar as súas familias, sobre todo se son pais anciáns coma os Sola, pero os epistolarios de que dispomos reflicten a crueza da viaxe e as dificultades que foi vencendo Manuel Requejo en Bos Aires ou os problemas de Cayetano Borrajo para integrarse laboralmente en México e na Habana. O primeiro non idealizaba a súa situación de recén chegado a Bos Aires e descúbrenos paseniñamente, as causas da súa partida e as mentalidades sociais imperantes na paisanaxe galega da época que case lexitimaban a fuxida do matrimonio forzado cunha noiva que ficara preñada, ou o progresivo desinterese dos emigrados pola marcha da explotación familiar cando se ían integrando laboralmente nas sociedades de destino e vendían os capitais que herdaran para consolidar as súas estratexias de vida no novo mundo.

Emigraban coa arela de voltar coa familia que ficou acó, traendo diñeiro dabondo para vivir mellor na explotación doméstica e na parroquia de orixe foi tamén o proxecto de vida dos homes que crearon os documentos persoais que estamos a recuperar. Son algunhas das innumerables historias dos milleiros de emigrantes anónimos que protagonizaron unha das grandes epopeias colectivas da Historia Contemporánea de Galicia, só que neste caso, o noso Pasado ten faciana e nome de seu.

Como Benjamín Lozano e seu irmán Manuel, os fillos máis novos dunha familia labrega de Belesar na parroquia de Barra de Miño no concello ourensán de Coles, marcharon á Arxentina na década de 1910, mentres seu irmán máis vello ficaba na casa petrucial porque era músico e sacaba un diñeiro extra con esa pluriactividade. Manuel estableceuse definitivamente cunha estancia, formou alá a súa familia e xa nunca voltou. Benjamín veu para casar e marchou de novo coa idea de reclamar a súa dona. Pero o tren da Historia esfarelou os seus proxectos de vida. A Primeira Grande Guerra facía moi arriscado o tráfico de pasaxeiros e foi el quen decidiu retornar. Partía e voltaba cos seus na estación de Barra de Miño, alí collían o tren da liña Monforte-Ourense-Vigo que se converteu na saída natural dos mozos de A Peroxa e Coles para "ir facer as Américas" cos seus parentes e veciños emigrados en Bos Aires ou na Habana. Coñecemos a súa historia a través da súa filla Esmeralda que nos deixou xenerosamente as cartas do pai e pronto verán a luz nun libro de homenaxe ó profesor Pose Antelo.

Publicaremos en breve, os epistolarios das familias González Añel e González Nóvoa, que se compoñen dun total de 156 cartas ben diferenciadas en catro fondos: noventa e nove dirixidas por Germán González Añel dende Montevideo ós seus pais Camilo González Vázquez e Isabel Añel e ós seus irmáns Lucita e Serafín dende o 7 de xaneiro de 1950 ata o 4 de xaneiro de 1965; vinte e unha que reciben Arturo González Vázquez e Felisa Nóvoa Ferreira de S. Salvador de Bubal (Carballedo, Lugo) dos seus fillos Arturo González Novoa emigrado en Sâo Paulo (do 8 de maio de 1955 ata o 2 de outubro de 1963), Consuelo González Novoa e seu marido Darío Glez. Rey dende Caracas (23 de agosto de 1954 ata o 16 de xullo de 1965) e Flora González Novoa tamén dende Caracas (9 de xuño de 1956 ata o 2 de setembro de 1959); catro recibidas por Benito González de seu fillo Manuel González emigrado a Bos Aires (en 6-9-1916 e 24-3-1924), da súa veciña Herminia Rey (Bos Aires, sen data) e da súa prima Carme Puga (Bos Aires, 7-1-1929); e trinta e unha recibidas por Serafín González Añel emigrado en Inglaterra, de parentes, amigos e do Banco de Coruña en Monforte de Lemos.

O primeiro é cecais, o de maior interese tanto pola cantidade das cartas como pola homoxeneidade do emisor e destinatarios das mesmas: Germán González escríbelles ós seus pais e irmáns dende o 7 de xaneiro de 1950 ata o 4 de xaneiro de 1965. As cartas chegaron á casa petrucial na que vivíu Serafín González ata que emigrou a Inglaterra a fins dos anos sesenta. Voltou e donoullas a Mª Luz Jorge Fente vendo o interés desta rapaza no tema. Os personaxes que aparecen neste epistolario son o propio Germán González Añel, emigrado en Montevideo coa súa dona e fillas e remitente do epistolario; seus pais Isabel Añel e Camilo González Vázquez que vivían en S. Mamede de Carballedo (Lugo); súa irmá maior Lucita e seu irmán Serafín que ficaron coidando á nai na casa petrucial ata que esta finou e aquel emigrou tamén a Inglaterra logo de moito dubidar na elección do destino (Soutelo, 2000).

As fotografías e as lembranzas dos familiares dos emisores das cartas son dende logo, o complemento ideal para contextualizar debidamente esa documentación epistolar e estudala en perspectiva comparada coa literatura sociolóxica sobre a correspondencia remitida polos italianos, polacos, portugueses e vascos emigrandos no novo mundo. Ese é o desafío no que andamos megullados agora, estudiando baixo a dirección do profesor Núñez Seixas da Universidade de Santiago de Compostela, os epistolarios que describimos de seguido: as setenta cartas enviadas por Caetano Borrajo dende México e Cuba ó seu pai Francisco Borrajo (Amoeiro, Ourense) entre 1908 e 1950, complementadas polas informacións orais e as fotografías que nos facilitou a súa afillada Amalia Diéguez; as dezanove cartas enviadas por Manuel Requejo dende Bos Aires ó seu irmán Perfecto (Amoeiro, Ourense), entre 1923 e 1947, xunto coas fotografías e lembranzas cedidas pola irmá da esposa de Manuel, e por outro veciño que tamén emigrou ó Plata; as cento dez cartas remitidas polos irmáns Naveiras dende Montevideo e Bos Aires a súa irmá María e ós seus sobriños de Ferreira (San Sadurniño, A Coruña), entre 1919 e 1965. Este magnífico epistolario é a maior colección de cartas que coñecemos polo de agora, pero tamén a máis prometedora en canto ó seu contido, porque describe un exemplo de acción filantrópica dos emigrantes como financiadores de centos de escolas e obras públicas nas súas parroquias de orixe.

O noso proxecto remata coa transcripción de memorias de vida de tres mulleres emigradas, ou fillas de emigrantes coetáneos dos epistolarios referidos. Son tres historias preciosas de "xentes sen Historia", ilustradas coas respectivas fotografías familiares: Gumersinda Álvarez de Chantada (Lugo) que marchou co seu marido a Cuba, voltou nos anos corenta e traballaron de caseiros para sacar a súa familia adiante; Ángeles Quesada, filla dun asturiano emigrado en Cuba, casada cun retornado de Brasil e emigrada ela mesma a Francia e Suiza nos anos sesenta; e Pilar Gallego de Coles (Ourense), filla dun retornado de Arxentina que foi perseguido polas súas ideas republicanas e anticlericais durante a guerra civil.

Trátase pois, de facer unha historia con rostro humano da emigración. De achegarnos ás vivencias e experiencias deses homes sen paz, ilusionados ó comezo co Eldorado americano, decepcionados logo pola realidade da vida do inmigrante alén da mar, pero que expresan nas súas cartas a mesma determinación que Wladek, o labrego polonés da obra clásica de Thomas e Znaniecki, que sintetizaba así o seu proxecto migratorio: alén do océano, gañarei abondo para montar unha panadería de meu. Daquela voltarei; e senón o gaño, non volto.

Raúl Soutelo
De América para a casa. Correspondencia familiar de emigrantes galegos en Uruguai, Brasil e Venzuela: 1916-1968.
Santiago de Compostela: Arquivo da Emigración Galega, Consello da Cultura Galega, 2000.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: