Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O Roibén, colección de poesía publicada en Madrid

Por Xavier Frías Conde
Esta colección, que publica cadernos de poesía desde o ano 1998, vai xa polo número 15 e en breve chegará aos 20 números. Xavier Frías Conde, profesor de Lingüística no C.E.S. Don Bosco na Universidad Complutense de Madrid e director de O Roibén, comenta as novidades que apareceron a pasada primavera e avanza os proxectos previstos para o presente ano.

- 08:59 28/02/2002
Tags:

Durante o último Día das Letras, apresentáronse en Madrid catro novos volumes dos cadernos de poesía da colección O Roibén. Nesta ocasión, apresentáronse catro novos cadernos: A soidade dos números primos, a primeira obra de Covadonga D'lom, poeta alógrafa de orixe asturiana residente en Madrid. Trátase dun caderno cuxo fío temático é o amor, un amor que remata e cuxo recordo fica fechado e superado, con algúns versos dunha beleza inusitada. A autora, estudante de filoloxía na Universidade Complutense de Madrid, ten moitos trazos comúns coa xeración de mulleres poetas galegas dos noventa, tal que a sensualidade, a intimidade ou a percepción do mundo; porén, ela ten o seu estilo proprio, emotivo, sincero e até impactante.

A segunda obra é de Crisanto Veiguela, A vida sempre e sobretodo, unha recompilación dos poemas escritos nos anos noventa durante a estadía deste poeta en Madrid, onde toca todos os temas vitais que viveu daquela, como amores pasados, a vivencia da cidade, os momentos de soidade, lembranzas de amigos, etc. Este poeta pertence ao grupo de escritores eonaviegos (orixinario do Eo-Navia, no ultraoccidente de Asturias) e con este poemario fecha unha etapa vital e literaria. É a primeira vez que este autor publica a súa obra en volume individual.

Rafael Yáñez repite publicación con Lembranzas e olvidos dun estraño, interesante poemario cheo de sensibilidade. O autor desenvolve un percurso que comeza cos seus soños de xove e segue coas lembranzas de Elsa, a súa tía falecida, para rematar nos poemas de amor. Rafael Yáñez ten unha interesante andaina toda feita en Madrid dentro da poesía galega, malia a súa mocidade. Na súa poesía percébese a música, pois non en van el compón.

Carlos Solla deu Terra raras, terceira obra deste autor e segunda en O Roibén, unha obra que segue a liña anterior deste poeta pontevedrés, que gosta de xogar coa linguaxe até deformala ou transformala, procurando ritmos fónicos interesantísmos, creando palabras novas e amosando unha amplitude de léxico patrimonial galego como poucos autores actuais. O seu poemario é unha caste de viaxe iniciática através da palabra, mais o destino final depende, en boa medida, do leitor.

O propio Xavier Frías publicou Canto de Nedara , un poemario que contén poemas en galego e portugués, con tres partes ben definidas, sendo a segunda a que vai en portugués. A terceira recolle unha serie de cidades europeas, cun profundo sabor de nostalxia.

Para este ano 2002, haberá varias novas entregas de cadernos de O Roibén, agora xa definitivamente editados por Arte Tripharia, editora galega en Madrid que dirixe o músico e compositor Rudesindo Soutelo, entre as que cómpre citar Deshabitada e sen verdugo , de Verónica Martínez, finalista do Premio Letras de Cal do 2001, e O ouvido e o calado, nova entrega da poeta eonaviega Viqui Veiguela, que xa publicou anteriormente na colección. Igualmente, aparecerá pola primeira vez en galego unha antoloxía do poeta novecentista romeno Mihai Eminescu, traducida e antologada por Inma López Rocha. Para finalizar as novidades deste ano, Xavier Frías Conde dará ao prelo un novo poemario, esta vez integramente en portugués, Axarquia.

É un feito interesantísimo que moitos dos autores que publican na colección O Roibén son estudantes de Filoloxía Románica ou Hispánica da Universidade Complutense de Madrid, que entraron en contacto coa literatura galega mercé a cursaren na maioría dos casos esta materia. Trátase de Susana González, Luis Luna, Oscar Curieses e Covadonga D'lom. Todos eles son madrileños e non teñen vinculación algunha con Galiza.

Esta colección comezou no ano 1998 cun caderno colectivo, Carreiros,dedicado a tres poetas eonaviegos. A seguir veu Comercial, unha breve antoloxía do chamado Grupo Bilbao de poetas de expresión galega en Madrid, entre os que figuraban Vicente Araguas, Fermín Bouza ou Manuel Pereira. O terceiro caderno foi Todo morte, de Manuel Pereira, a segunda obra deste autor natural de A Estrada. A seguinte rolda, xa no ano 1999, foi Xábregho ópera prima de Carlos Solla e mais Xeitos de falar, a primeira antoloxía bilingüe galego-asturiana de poetas do Principado, onde colaboraron Berta Piñán, Humberto González e Alfonso Velázquez. Xa no ano 2000 publicáronse cinco volumes: Azul e terra, de Xavier Frías; Simbiose, libro con dúas partes, sendo as autoras Susana González, poeta alóglota, e Viqui Veiguela, eonaviega, de que xa falamos enriba; Hidroemas, libro escrito por Luis M. Luna e Óscar Curieses, ambos deles tamén poetas alógrafos, onde este caderno foi o primeiro dunha serie de cinco; Alquimia soñada, de Xosé Galán; e, finalmente, Onte chovía de Rafael Yáñez.

O Roibén pódese conseguir através do editor, Artetripharia.

Dirección: Xavier Frías Conde
Consello editorial: Vicente Araguas, Fermín Bouza Álvarez, Manuel Pereira, Ana Acuña
Colección de poesía O Roibén.
Madrid: Artetripharia.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: