Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Citania, revista de artes, letras e espectáculos

Por Inma López Silva
A revista Citania ofrece un espacio interartístico que reúne desde a pintura ata a literatura (arquitectos, músicos, escultores e outros artistas). Inma López Silva, crítica teatral e responsable da corrección lingüística da revista, debulla os contidos do último número publicado. Anúnciase para os vindeiros meses a aparición do núm. 4.

- 07:19 21/03/2002
Tags:

Citania. Artes, Letras, Espectáculos é unha revista de pensamento crítico e artístico que naceu no ano 1998. Os seus directores, Euloxio R. Ruibal e María Antonia Pérez, incansábeis promotores e activistas culturais en Santiago de Compostela desde os anos 70, asumiron con Citania a realización dun ambicioso proxecto que servise coma foro de diálogo e intercambio académico cun obxectivo ben claro: establecer un diálogo interartístico e interdiciplinar que, como indica o título, vencelle as artes gráficas, a literatura e o mundo do espectáculo nas súas diversas vertentes. Con tres números publicados non só parece que ese proxecto se consolida, senón que tamén se conseguiu asentar esa vontade dialéctica na que tanto os estudiosos coma os curiosos poidan atopar material de reflexión, información e análise.Vén de saír a terceira entrega da revista, número que reseñaremos co fin de que sirva coma exemplo da estructura e proxecto xeral de Citania.

Unha primeira parte de cada volume está dedicada a "Artigos", estudios de carácter diverso e lonxitude considerábel realizados por expertos na materia a tratar. Así, Germán Gullón, con "Os polos positivos e negativos da modernidade: A Bauhaus (1919-1933)", realiza un interesante estudio sobre o significado da Bauhaus en relación cunha serie de tópicos e, sobre todo, en relación coa herdanza actual deste movemento arquitectónico. Pola súa banda, José Luis Fernández fai un repaso das diferentes versións e edicións de obras de Bach, realizando recomendacións e críticas sobre as mesmas no artigo "A obra de Johann Sebastian Bach, capital na cultura europea". Manuel Olveira, nun interesantísimo estudio ("Educación audiovisual e bio-brico-tecnoloxía") que nos pon ao corrente das tendencias artísticas máis últimas, reivindica un espacio -necesario- para a análise e crítica da arte cibernética e tecnolóxica, coma futuro da expresión artística máis innovadora.

Unha segunda sección da revista está titulada coma "Notas" e nela recóllense artigos de carácter máis breve cós anteriores nos que, máis có académico, predomina o ton ensaístico. Neste caso, un autor "descoñecido" que asina baixo o pseudónimo de Pascual López elabora un irónico texto no que se reflexiona sobre as diferencias entre as estatuas (monumentos) propias dos séculos XVIII e XIX e os "bonecos" posmodernos que hoxe por hoxe empregan os concellos para conmemorar persoeiros ilustres e / ou populares. O interesante de "De estatuas e bonecos" é que o autor establece unha lúcida relación entre os cambios de mentalidade operados nas sociedades modernas e os mecanismos de inmortalización e lembranza empregados de maneira insitucional a través da promoción de tendencias artísticas.

Outra das seccións que non podería faltar nun proxecto coma o de Citania é a creación, sexa literaria, sexa artística. De certo, o coidado e escolla das ilustracións e cubertas é unha importante cuestión para o Consello Editorial da revista á hora de decidir as súas liñas estéticas, ao tempo que en números anteriores se publicaron cómics, guións cinematográficos e mesmo partituras musicais, en clara aposta pola atención a calquera tipo de expresión artística. Nesta ocasión a escolla para a sección "Creación" é estrictamente literaria: uns "Aforismos", de Ricardo Martínez Conde e unha breve peza teatral asinada polo prestixioso dramaturgo Raúl Dans e titulada "Do outro lado". Mais quizais do máis interesante deste número de Citania sexa a colaboración de Arturo Casas quen, nesta sección de creación, dá conta dun Incontro Internazional di Poesia celebrado en Bologna en xuño de 2000. A crónica ponnos ao tanto do importante (e novísimo) ferver poético na cidade italiana, e selecciona, a modo de antoloxía, textos dos autores máis significativos presentados nese encontro, ao que acudiu o propio autor, tamén poeta e membro do Consello de Redacción da revista.

Unha cuarta sección de Citania titúlase "Crónicas". Nela, como o seu nome indica, téntase dar conta dos acontecementos fundamentais referentes a algunha das áreas de conexión artística coa revista. Así, neste número hai un artigo de Patricia Fra sobre o "I Congreso Internacional de Literatura Comparada: Cine e Literatura", unha crónica dun seminario sobre Buñuel titulada "Unha semana con Luis Buñuel", de Ángel Luís Hueso (ambos, recoñecidos estudiosos do cine na Universidade de Santiago de Compostela), e unha interesante descrición da exposición "El teatro de los pintores en la Europa de las vanguardias" do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía titulada "A procura dunha 'Arte para a vida'", por Sury Sánchez Montero.

Non podía faltar en Citania, tampouco, unha sección na que se reseñasen aqueles libros de interese: "Libros". Neste caso Teresa Vilariño fala do Diccionario de términos literarios de Ana Mª Platas Tasende; Xosé Antonio López Silva reseña o libro de homenaxe a Xesús Alonso Montero Cinguidos por unha arela común, e Cristina Blanco analiza o Informe de Literatura. Quen asina este artigo, contribúe tamén a este número cunha análise da edición crítica de Café con gotas elaborada polo grupo de investigación Valle Inclán da Universidade de Santiago de Compostela.

Coma última sección da revista está a que quizais é unha das seccións máis interesantes: "Conversa". Trátase dun lugar no que se transcribe un coloquio entre varios especialistas sobre unha cuestión determinada. Neste caso empregouse o debate establecido entre Mario Camus, José Manuel González Herrán, Ángel Luís Hueso e Patricia Fra no contexto do I Congreso Internacional de Literatura Comparada: Cine e Literatura celebrado en Vigo. O interese dunha sección deste tipo radica, de certo, en que resume en si as características do proxecto Citania: unha vontade dialóxica, aberta á crítica e, ante todo, comparatista e interdisciplinar.

Para colaboracións, informacións e subscricións escribe a: Algalia de Abaixo, 39 - 15704 Santiago de Compostela - Galicia.

Dirs. Euloxio Ruibal & Mª Antonia Pérez
Citania. Artes. Letras. Espectáculos.
Núm. 3, 2000.
Santiago de Compostela: Euloxio Rodríguez Ruibal Editor.
ISSN 1139-3092


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: