Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Semblanza de Lois Tobío

Lois Tobío naceu en Viveiro (Lugo) e licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Nese tempo se incorporou como fundador e membro activo do Seminario de Estudios Galegos, facéndose cargo da sección de estudios xurídicos, políticos e económicos.

- 13:05 13/03/2003
Tags:

Licenciouse con Premio extraordinario e a seguir desempeñou como profesor axudante de Dereito Administrativo. Completou os seus estudios de Ciencia Política en Berlín, en contacto coa obra de Hermann Séller, Gerhart e Niemeyer, que tanto influiron nel. Ao regreso desta estadía incorpórase como profesor de Historia do dereito na USC e en 1932 ingresa na carreira diplomática.

En 1933 é nomeado secretario de embaixada na legación de España en Bulgaria, onde o sorprenderá a guerra civil, mantendo a representación fiel ao goberno da República. En 1937 regresa a Madrid e en 1938 pasa a desempeñar o cargo de secretario xeral do Ministerio de Estado.

Foi un dos integrantes do equipo que redactou o anteproxecto de Estatuto de autonomía de Galicia de 1936.

O camiño do exilio lévao a New York, onde se atopará con Castelao; despois a La Habana (onde funda a Escuela Libre de La Habana); logo a México onde exercería de profesor nun instituto organizado por refuxiados españoles); daquí pasa a Uruguai, onde permanecerá ata regresar a España, en 1963, privado de regresar á carreira diplomática ata 1974.

El foi o ideólogo da creación do Consello de Galiza, o organismo que había recoller a legalidade republicana galega despois de 1936 e definido por el mesmo como “fideicomisario” da vontade autonómica popular galega e parte integrante da legalidade republicana extraterritorial.

Durante toda a súa vida desenvolveu un importantísimo labor cultural, en especial arredor da investigación da figura do Conde de Gondomar, D. Diego Sarmiento de Acuña, sobre quen publicou numerosas obras e traballos. Membro activo na diáspora, organizador do I Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956. Implicouse a fondo na edición dos dous primeiros volumes da Historia de Galiza que dirixía Otero Pedraio.

En 1984, recibiu o Pedrón de Ouro. En 2002, o Premio de Traducción Plácido Castro, pola súa traducción do Fausto, de Goethe. Recibiu tamén o premio da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires polas súas traduccións de poesía.

Cultivou tamén outros xéneros coma o xornalístico –comentarista de temas internacionais-, a traducción (traduciu a Teoría do Estado, de Hermann Heller, entre outras).

Lois Tobío era ante todo un galeguista universalista, un home de paz, culto e humanista, que sempre viviu comprometido coa súa Terra e coa idea da xustiza social, un antiimperialista convencido que militaba na “Galicia, célula de universalidade” que reivindicaba a Declaración de Principios do Partido Galeguista. “A humanidade é un organismo completo onde cada unha das nacións é unha célula de universalidade”, dicía.

Membro do Consello Asesor do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), era un cidadán do mundo que exercía de galego en todo tempo e ocasión, lendo a Montaigne ou a Rilke na súa propia lingua e traducindo ao noso, apreciando o alleo e valorando o propio na súa xusta medida.

Foise un exemplo de coherencia.

Un artigo de Xulio Ríos.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: