Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

M. Lourenzo G.: 'son oportuno, non oportunista'

Manuel Lourenzo González é un señor con problemas. A pesar de gañar xa o García Barros con 'Arqueofaxia' e o Narrativas quentes con 'Infidelicidades', ségueno confundindo co autor de teatro Manuel Lourenzo. Alí onde vai, conferencias, charlas, encontros cos escritores..., ségueno presentando como se fose o melgacho, el, que é de Vilaboa do Morrazo. Este Lourenzo, Lourenzo II se xogase no Cádiz, acaba de gañar o Merlín 2003 con 'Irmán do vento', unha obra ambientada no Iraq da guerra de invasión.

- 10:09 17/06/2003
Tags:

'Irmán do vento' fala da guerra que ve un neno iraquí.
Si, utilicei un lugar xeográfico, social, político e militar para crear unha historia ficticia, inserida nese contexto da invasión do Iraq. 'irmán do vento' ten unha parte realista, ou polo menos verosímil, que é o ambiente, o lugar e a situación, e por outro lado a historia ficticia totalmente, que dá a visión da guerra dende o interior.

Fáiseme estraño imaxinarte tal como hoxe, que andas con caxato, explorando as ribeiras do Éufrate para riba e para abaixo.
Agora estou algo danado porque tiven un pequeno problema locomotriz sen maior importancia, e por iso ando con caxato. Pero ben, respecto da documentación, non é que non patease o Éufrate para riba ou para abaixo, é que nunca estiven no Iraq. Todas as informacións que teño son sempre por segundas ou terceiras fontes, a través de libros que vin, e sobre todo libros de viaxes, revistas con reportaxes. E logo a través da informació que nos chegaba diariamente pola prensa, mais o que se podía supoñer, xa que da prensa non hai só que ler o que di, senón tamén o que non está escrito. E niso da documentación si que me motivei e impliquei moito, informeime ao máximo detro das limitacións lóxicas... Non sei se está lograda a ambientación.

O xurado lector destacou que si.
Si, ben, iso xa cada persoa que lea o libro terá que decidir por si se... Fixen o posible. No sentido xeográfico, social, cultural, ou nos aspectos relixiosos e incluso de lingua fixen un pequeno esforzo esencial dentro do prazo breve que levou escribir a obra. O texto foi escrito moi sobre a marcha do desenvolvemento do conflicto, e non tiven moito tempo para erudicións excesivas.

Manuel Bragado, o director de Xerais, dicía na presentación dun dos premios que a literatura infantil non era un xénero menor. ¿Ata cando cres que haberá que facer esa aclaración?
Tradicionalmente, sexa tópico ou non, a literatura con maiúsculas é a literatura para adultos, ben acabada, ben elaborada, estilisticamente impecable... E existe outro xénero, a literatura infantil e xuvenil, destinada a un público con menos recursos intelectuais, aos que se lle destina unha literatura que en principio non require ese esforzo intelectual por parte do lector nin do autor, que estilisticamente é máis accesible. Unha obra para adultos, sexa do xénero que sexa, require un esforzo enormísimo, e o certo é que ás obras para nenos e mozos non se lles dedica esa cantidade de traballo. Pero unha obra boa, de calidade, para un público infantil e xuvenil require dominar unha serie de recursos que unha obra para adultos non necesita, porque estás tentando acceder a un público que non domina tanto a linguaxe nin uns recursos... Nin o hábito de ler, xa para empezar.

Pero cando alguén coma ti, afeito á literatura para adultos, pasa para os rapaces, parece que son necesarias as escusas.
Si, creo que iso obedece un pouco á rutina e á tradición. A primeira literatura é a de adultos... falando do ámbito convencional, claro, na actualidade, sen remontarnos á historia, que sería ben máis complexo. E a outra sería unha literatura secundaria ou secundarizada.

Contas os teus libros por premios, ou case.
Non diría tanto. Máis ca por premio, por finalistas, aínda que iso non se saiba case nunca. Porque gañei algúns premios, pero máis ca gañar primeiros premios, fun finalista en moitos certames, o que para min é máis importante. Gañar premios é importantem non o vou negar, pero quedar finalista en moitos outros premios dos que non se chega a saber, para a miña autoestima e para o impulso que necesito para seguir escribindo, pois é moi importante. Os premios locen e saen nos xornais, e se están dotados economicamente moito mellor, pero o feito de estar sempre ou case sempre nun nivel de finalista, aínda que non trascenda para min persoalmente ten un significado maior.

Ou sexa, que tes o caixón ateigadiño...
Si, é certo. Creo que entre as cousas do caixón hainas que ben podían ser publicables. Aínda que ás veces o autor non sabe xulgar ben a súa obra, e cousas que me parecían publicables non o son e viceversa, cousas que a min non me parecían publicables e que leu alguén si se publicaron e gustaron. Así que ao final nunca se sabe ben.

Volvendo a 'Irmán do vento', fixeches ao recoller o premio unha distinción entre oportuno e oportunista...
Si, é un matiz que quero deixar claro porque creo que é fácil atribuirlle a este tipo de obra, tan implicada no momento actual, un carácter oportunista, e pode parecer que trata de aproveitarse desa preocupación social que espertou a guerra. E penso que 'Irmán do vento' non é oportunista por principio, porque de ser oportunista seríano tres cuartas partes das obras de certa literatura. Polo menos do que chamamos literatura de compromiso. E creo que non o son, que son obras oportunas. E aínda que fose oportunista tería un sentido positivo tamén, que é o de darlle unha visión creativa, orixinal, e persoal dende o punto de vista literario a ese tema que tanto nos moveu e que tanto barullo social creou.

Había tempo que non se escoitaba falar de literatura de compromiso.
Sobre o termo 'literatura de compromiso' hai moito debate, moita discusión, entre escritores, críticos estudiosos. ¿Existe ou non existe?, ¿é boa ou non é boa?, ¿é posible? Hai un corpus teórico arredor dese concepto, e non creo que pague a pena entrar moito... Creo que si existe literatura de compromiso, pero aínda máis ca de literatura de compromiso falaría de actitude de compromiso.

¿Actitude?
A literatura é unha creación cultural. Ten unha mecánica de fondo que podes chegar a dominar como un actor que se mete a aprender técnicas de representación. A nivel de oficio podes chegar a dominar a literatura e a conseguir uns niveis artísticos aceptables. A partir de aí pódese facer literatura de compromiso, de evasión, do que se queira, e eu nese sentido considérome moi baerto. Son un autor todoterreo e tanto podo escribir unha obra case crónica xornalística (que non o é), como libros de ciencia ficción, ou de literatura policial ou erótica ou de humor. E podo chegar a facelo con maior ou menor acerto, que iso é cousa á parte. Ora, o da actitude de compromiso ao que me refiro é outra cousa. E hai obras nas que me esixen máis implicación, máis reflexo do que é a miña ideoloxía, a miña actitude ante a vida, e hai outras obras que me esixen moito menos e onde son moito máis aséptico.

E esa literatura de compromiso para rapaces, ¿non podería ser obxecto dunha directiva da Consellería?
Sobre o decreto da Consellería que prohibe certo tipo de manifestacións nas aulas non vou engadir nada ao que xa se dixo. Cóntome entre a gran masa de profesorado que se opón a ese decreto. As aulas non son unicamente un centro de transmisión de coñecementos estipulados pola lei e enlatados, senón que é outro tipo de cousa, é un centro de experiencias onde os rapaces pasan unha gran parte da súa vida. Os centros son un reflexo da sociedade e os conflictos que están presentes nela: a violencia familiar, a violencia na rúa, as drogas, o consumismo... Ese tipo de recursos do poder para tentar controlar o incontrolable parécenme, cando menos, risibles. E dende logo non éticos, nin operables, e creo que nin legais.

Vaia coa rapazada de hoxe... Non poden ver carteis de nunca máis, nin debuxos de sinchán...
Ui, aí cómpre unha reflexión fonda para contestar. Falar da televisión para min supón explicar todo o que para min é a televisión, e non o vou explicar, porque levaría moito tempo. Pero son cousas ben distintas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: