Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O exilio galego na Venezuela

O exilio galego republicano na Venezuela... unha história aínda por contar. Dende os polifacético Comandante Sotomayor, pasando por Xosé Velo, até o primeiro detido do golpe contra Rómulo Gallegos, Alberto Fernández Mezquita. Histórias... non história que aínda vive no esquecemento.

- 12:01 26/11/2003
Tags:

Afirma Eduardo Galeano: “Non hai história muda. Por moito que a queimen, por moito que a rompan, por moito que a mintan, a história humana négase a calar a boca. O tempo que foi sigue a latexar, vivo, dentro do tempo que é, inda que o tempo que é non o queira ou non o saiba. O dereito a recordar non figura entre os dereitos humanos consagrados polas Nacións Unidas, pero é máis importánte que nunca reivindicalo e poñelo en práctica: non para repetir o pasado, senón para evitar que se repita; non para que os vivos sexamos ventrilocuos dos mortos, senón para que sexamos capaces de falar con voces non condeadas ao eco perpétuo da estúpidez e a desgraza”.

Falemos de exilio

Na história de Galiza o exilio é unha categoria histórica. Non só no século XX, senón noutros anteriores. Os vaivéns políticos fixeron que moitos galegos e galegas sairan do país por un período máis ou menos longo, debido ás súas ideas.

Militares, intelectuais, relixiosos, políticos, sindicalistas, líderes obreiros, mestres, etc. Experimentaran o exilio xa antes da sublevación contra a democrácia en 1936.

Cando falamos de exilio falamos do exilio exterior, é dicir, a saída forzosa do país por razóns distintas, na súa meirande parte políticas. Mais non debemos esquecer, que tamén se produxo un exilio interior, moito máis difícil de cuantificar e cualificar, froito da autorepresión e da autocensura que moitos galegos e galegas demócratas tiveron que aturar na longa noite de pedra que representou a ditadura franquista.

Galiza, con loita e moito sangue foi das primeiras en caer ante a gadoupa feixista. As vagas do exilio republicano galego foron: os primeiros refuxiados do 1936 que fuxiron através da fronteira de Portugal ou do mar cara o lado republicano, e o exilio que na década do 40 foi fuxindo amodo através de Portugal ou da Franza cara América.

Venezuela : O exilio galego

Lonxe da ampla apertura mexicana aos exiliados republicanos, Venezuela limitou inicialmente o ensaio, por recelos ideolóxicos e relixiosos, aos nacionalistas bascos, por ser profundamente católicos. A causa da República española non pudo abrirse a toda Venezuela coma causa democrática. A nova Constitución Nacional venezuelana de xullo de 1936 dicia no seu artígo 32, 2º, inciso 6º:”...se consideran contrarias á independéncia, ao xeito político e á paz social da Nazón, as doutrinas comunista e anarquista; e os que as proclamen, propaguen ou practiquen serán considerados coma traidores á Pátria e castigados conforme ás leis”.

Aqueles que chegaban exiliados, ademáis de republicanos eran considerados tanto por mexicanos coma por venezuelanos simplesmentes: españois, sendo os bascos os únicos que entraban cunha identificación nazonal distinta.

Os galegos deixan de ser españois no exilio cando fundan, antes que os cataláns, o 9 de febreiro de 1945 o republicano Lar Gallego. Á inauguración aisitiu Rómulo Gallegos quen recordou os seus dias de exilio na Galiza e que depois, na súa toma de posesión coma presidente en 1948, terá un lugar reservado para os seus amigos republicanos. Así, as bandeiras galega, venezuelana e republicana serán as únicas que estarán presentes neste Lar, que a diferenza do Centro Gallego e a Casa Galicia terá un único sentimento repúblicano.

Parte importante e presidente deste Lar foi Xosé Velo Mosquera, se cadra a figura máis relevante do exilio galego republicano neste país. Velo Mosquera tiña no Lar a academia Castelao e fora un dos impulsores da fusión dos tres centros galegos. Hoxe, na Irmandade Galega o colexio Castelao, do cal foi diretor Celso Emilio Ferreirio, é herdeiro da académia de Velo. Velo receberia na súa casa ao tamén exiliado serodio Xosé Sesto que vivirá en Caracas até a súa morte en 1998 e hoxe o seu fillo, Farruco Sesto Novás, é viceministro de cultura da Revolución Bolivariana. Fundará Velo o DRIL (Directorio Revolucionário Ibérico de Liberación) xunto aos galegos Soutomaior, Alberto Fernández Mezquita, e o xornalista Julio Formoso co portugués Galvão. O DRIL levará a cabo o primeiro secuestro de carácter político dunha nave en altamar, cando secuestran o “Santa Maria” coa intención de sublevar ás colónias africanas e chamar a atención do mundo verbo as sanguinárias ditaduras de Franco e Salazar.

Jânio Quadros, presidente do Brasil, asilaría aos secuestradores, morrendo Velo en São Paulo e Soutomaior volveria a Venezuela realizando un labor político intenso en Cambodia, Laos e na China.

En 1945 a Junta Patriótica Revolucionaria presidida por Rómulo Betancourt, recoñece á República española coma única lexítima para ter representación diplomática na Venezuela.

O lucense exiliado Jesús Vázquez Gayoso, doutor en Dereito pola universidade de Madrid e A Havana foi nomeado cónsul da República ante as autoridades venezuelanas.

Entre os exiliados galegos temos:

Fabián Barros Cela. Nado en 1913 en Vigo. Membro da CNT. Cinco anos na cadea despois da guerra. No castelo de Montjuïch foi testemuña do asasinato de Compayns.

José Domínguez Benavides. Nado en Ponteareas. Cónsul da República española na Franza.

Contratado en 1941 para dirixir un xornal na Venezuela (Crítica). Casa coa poeta Ida Gramcko e marcha, sendo ela encargada de negocios, cara Moscova en 1949. Volve cando é derrocado Rómulo Gallegos e loita na clandestinidade contra a ditadura.

Fernando Cuenca. Vigo 1918. Capitán republicano. Presenciou as negociacións de rendición notificandoas ás forzas na estrada de Estremadura. Agachado en Madrid fuxe a México e en 1947 chega a Venezuela.

Juan Cuenca Estevas. Ourense 1914. Milita nas Juventudes Socialistas. Realiza traballos de intelixencia. Condenado a morte. Fuxe e chega a Venezuela en 1952. Abre a libraria “Europa”.

Maria Teresa Cuenca de Tejero. Vigo 1913. Secretária de Indalecio Prieto e do ministro do Ar Hidalgo de Cisneros. Reclamada radialmente polo réxime de Franco fuxe a Franza en 1940 e posteriormente chega a Venezuela. A desaparición por parte da policia do seu fillo fixo dela unha figura pública. Traballaba no IVSS coma secretária e moraba na urbanización Los Caobos.

O su fillo, Alejandro Tejero Cuenca, nado en 1940, chega a Venezuela en 1957. Militante da Juventud Comunista, en 1967 é detido nunha rúa céntrica polo Servizo de Intelixéncia das Forzas Armadas. É desaparecido e presumibelmente morto por mor das torturas.

Ángel Feijoo. Nado en Tamalexos, Ourense, 1914.

Fuxe o 10 de agosto de 1936. Detido en Portugal volve fuxir e permenece agachado 13 meses. Con identidade falsa chega a Venezuela. Perteneció a Acción Republicana Democrática Española e foi presidente da Irmandade Galega.

Mario Granell, pintor. Erroneamente se di del nos manuais sobre o exilio que foi profesor de literatura en Nova Iorque. Nunca estivo nos Estados Unidos. Fuxido a Franza nun barco de pesca dende A Coruña, viviu os derradeiros anos da súa vida en Vigo.

Joaquín Insua. A Coruña, 1920. Combate até o final da guerra. Colabora coa resisténcia e fuxe en febreiro de 1942 cara México e en decembro do mesmo ano cara Venezuela.

Leoncio Jaso-Roldán, Vigo, 1903. Chega en 1939, médico da sección de cardioloxia. Traballa con José Sánchez-Covisa.

José Pardo Gayoso, A Coruña, 1902, médico pediatra. Contratado en 1939. Subdirector de Hixiene Materno-Infantil da Dirección de Sanidade da II República.

Isolino López García, nado o 6 de xaneiro de 1886. Masón, chega a Venezuela dende Cuba, foi bibliotecário da Biblioteca da Irmandade Galega de Venezuela.

Alberto de Paz y Mateos. Fuxe a Franza en 1939. Campo de concentración de Argelès sur Mer. Trata en Madrid a Alberti, Bergamín, Buñuel, Dalí...República Dominicana até 1945 cando chega a Venezuela. Pai do teatro venezuelano.

Alberto Puente García. A Coruña 1918. Militante comunista. Tenente de metralladores na Fronte de Teruel. Internado nun campo de concentración. Detido en A Coruña e ferido de bala cando tentaba escapar en 1941. Condenado a morte, a súa pena é comutada por 30 anos. Sae baixo vixiláncia e fuxe cara Franza. Dirixente do Comité Central do Partido Comunista de España en París. Organiza aos obreiros españois en Bélxica, Países Baixos, Alemaña e Suiza. Marcha a Venezuela en 1968 coma apátrida.

Alberto Fernández Mezquita. Sindicalista, militante do POUM. Tenta fuxir coa súa noiva, a pintora Maruja Mallo e son detidos na fronteira portuguesa. Detido e torturado este xornalista fuxe a Venezuela na década dos 40 grazas a súa amizade con Rómulo Gallegos. En 1948, no golpe de Estado a Gallegos e o primeiro detido no pazo presidencial de Miraflores polos militares debido a súa condición de perigosidade por ser exiliado republicano. Marcha cara o exilio en Cuba onde coñece a Simón Alberto Consalvi, que máis tarde seria ministro de relacións exteriores da Venezuela. Volve a Venezuela en 1958 unha vez restabelecida a democrácia. Desenvolvese na embaixada venezuelana en Belgrado entre os anos 1962-1965 co embaixador e amigo seu Simón Alberto Consalvi. Mezquita é curmán do xornalista Augusto Assía co que manterá relación epistolar.

José Mosqueira Manso: capitán republicano da mariña mercante. Fuxe en 1937 cara Dominicana e chega a Venezuela en 1941. Aparece na novela de Cela “La Catira”.

Manuel Gallego González “Manolo Gallego”. Nado en Incio, Lugo, foi comisário da defénsa antiaérea no Ebro e Catalunya. Ascendido a comisário de Brigada por méritos de guerra. Internado nun campo de concentración francés foi o secretário xeral do Partido Comunista de España na Venezuela até a súa morte. O seu sobriño, co mesmo nome, permaneceu dous anos exiliado no Uruguai debido a un atentado á Fosforera (fábrica de mistos( do que foi culpado (sen probas) Manolo Gallego, recaíndo toda a responsabilidad no seu sobriño que tivo que asilarse na República Oriental do Uruguai.

Manuel Rodríguez Pérez, guerrillerio durante a posguerra. Nado en Cabanas chega a Venezuela dende Franza en 1946.

Pepe Velo, nado o 21 de abril de 1916 en Celanova o seu pai fora o alcalde Lino Velo Castiñeiras. Fuxe a meiados da década dos 40 a Portugal, e de Lisboa viaxa a Nova Iorque e dista cidade vai a Venezuela. Presidente do Lar e representante dos galegos no I Congreso da Emigración Galega, Bos Aires 1956. Director e fundador do DRIL (Directorio Revolucionário Ibérico de Liberación) realiza con Sotomayor e os fillos de ambos, Victor e Federico, o primeiro secuestro dun barco con fins políticos: O Santa Maria. Morre en São Paulo.

José Fernando Fernández Vázquez, Comandante Soutomayor, nado na Pobra do Caramiñal en 1904. Escritor, militar, loitou no maquis durante a invasión alemá a Franza. A gregado naval na embaixada republicana en París. Chega a Venezuela en 1948. Secuestra o Santa Maria. Viaxa por Cambodia, China e Laos.

Federico Fernández Ackermann, fillo do “Comandante Sotomayor”. Participou co pai no secuestro do Santa Maria. Anos despois secuestrou o mercante “Anzoategui”. Participou na guerrilla. Estivo en Checoslovaquia e en Cuba. Detido na escola de guerrillas de San Antonio de los Altos (Venezuela) cumpriu varios anos de cadea. Aprende fotografia e é prémio nacional de fotografia na Venezuela.

Julio Formoso. Xornalista. Membro do DRIL. Mantiña unha gran amizade con Alberto Fernández Mezquita. Xulio Formoso. Fillo do anterior. Cantautor, pintor. Musicalizou os poemas de Farruco Sesto Novás e Celso Emilio Ferreiro en Caracas. Fundador do grupo teatral “Rajatabla”.

Silvio Santiago García. Fuxido da Galiza. Escribiu tres libros na Venezuela. Fundou a Casa Galicia, o Lar Gallego e o Centro Gallego. Trouxo a Venezuela a Blanco Amor, Otero Pedrayo e a Cela.

Manuel Vilariño Santomé: vilagarcián. Detido el e os seus irmáns que eran socialistas. O seu irmán era o presidente da confradia de pescadores. É detido no 36 e posto en liberdade en 1940. Dous dos seus irmáns son fusilados na cadea e el é extrañadao ás illas Canárias. No barco a vela “Express” cruza o Atlántico en 80 dias e é internado no campo de concentración de Guasina na Venezuela.

Fontes orais : Manuel Ponte Regueira “Duende”. Alberto Puente García Simón Alberto Consalvi Rafael Uzcátegui Federico Fernández Ackermann Lois Pérez Leira Xulio Formoso Eliseo Montes Benxamín Dapena Manuel Álvarez Quiroga Eduardo Meilán Xesús López Gonzalo Gómez Caridad Ileana Recagno Maripaz Matxain Familiares de José Mosqueira Manso (Corme) Oliva Fernández, filla de Mario Granell Farruco Sesto Novás Xosé Sesto López Manuel Sesto López Vasco Szinetar Xosé Estevez Óscar Noya Dulce María de Gallego, viúva de Manuel Gallego. Jovita Velo (viúva de Pepe Velo) Lino Velo Douglas Bravo Ángel Serra

Fontes Documentais:

Arquivo da Irmandade Galega de Venezuela Arquivo da Casa de España Arquivo do Caracas Eusko Etxea Arquivo do Centre Català de Caracas Arquivo de Manuel Álvarez Quiroga Arquivo de Simón Alberto Consalvi Arquivo do ministério venezuelano de Relacións Exteriores Arquivo de Últimas Noticias Arquivo de El Nacional Arquivo de El Universal Biblioteca Nacional de Venezuela Biblioteca de la Univerdidad Central de Venezuela

Fontes hemerográficas

Xornais:

El Nacional El Universal Últimas Noticias Crítica Magazine Español

Revistas:

Momento Élite Bohemia Contacto Xurxo Martínez Crespo



Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: