O 99 é o ano de Weimar, a capital europea da cultura. A cidade á que lle deu nome a famosa República, o berce de Goethe, de Bach, de Wagner... e de moita outra xente que, entre outras cousas, foi quen de organizar unha magnífica Capitalidade Cultural. Imos deica aló para aprendermos un pouco...
Weimar é unha cidade europea, polo tanto unha cidade cultural. Nela desenvolvéronse innumerables movementos intelectuais, que deron como froito artistas universais da talla de Johan Sebastian Bach ou Wagner, por falarmos só de música.
Foi case sede da Bauhaus, e un dos seus fillos máis predilectos foi Walter Gropius, un dos punteiros deste movemento. Hoxe a súa universidade chámase Universidade Bauhaus de Weimar.
Ademais, este ano celébrase o 250 aniversario do nacemento de Goethe, sen dúbida un dos "weimarenses" máis ilustres. Para esta cidade é máis importante este evento ca o aniversario da fundación da mesma cidade.
É por iso que se propuxeron ser Capital Europea da Cultura este ano. E conseguírono, claro. Na súa completísima web poñen en liña todo o programa de actos, que inclúe danza, música, teatro, exposicións, filmes, festivais...
Un alarde de seriedade e boa organización que para si quixeran outras cidades da cultura: non hai máis que ver a web de Compostela 2000, que está en construcción...