Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Un ano máis, as cegoñas ocupan os niños de Lleida

Por Silverio Cerradelo
Neste mes de marzo, as cegoñas brancas están a ocupar novamente os niños de Lleida. Son moitos os estudios e os esforzos que se están a facer para potenciar esta poboación de cegoñas e para que haxa unha boa convivencia entre os cidadáns e as aves. O concello de Lleida maniféstase especialmente interesado nestas actuacións, como xa demostrou coa sinatura da Carta de Aalborg para o desenvolvemento sostible das cidades.

- 09:31 15/03/2001
Tags:

Desde o pasado mes de xaneiro, as cegoñas brancas empezaron a ocupar os niños de Lleida. Aínda neste mes de marzo, as parellas máis novas están a ver se atopan un niño nalgún dos edificios ou dos monumentos da cidade. E as parellas máis temperás están xa arestora a copular e a pór ovos.

Non en van, a cidade de Lleida acolle a maior poboación de cegoña de Cataluña, 32 parellas (foi o número de niños ocupados no ano 2000), e a súa Catedral, en concreto, acolle a maior concentración: 17 niños nun mesmo edificio. En Cataluña, a poboación total de cegoñas é de 144 parellas, das cales 41 aniñan nas marismas do Empordà (Xirona) e 103 nas Terres de Ponent (as 32 de Lleida capital e outras 71 nas chairas e vilas próximas á cidade).

Mais non sempre houbo tan grande poboación destas aves nas terras catalanas. No ano 1978, a cegoña branca estaba case extinguida en Cataluña e o número total era só de 5 parellas, ningunha delas na cidade de Lleida. Foi a partir dese ano cando o Centro de Recuperación de Fauna de Vallcalent, do Departament de Medi Ambient da Generalitat, encomezou a tarefa de conservación e recuperación da poboación de cegoña en Cataluña. Construíron e fixaron niños onde foran observados intentos de nidificación, retiraron os poliños máis pequenos e algúns ovos dos niños para crialos en catividade e logo despois devolvelos á liberdade, e hospitalizaron e recuperaron no seu Centro unha grea destas aves achadas doentes ou malferidas. Ademais, no ano 1987 comezou o proxecto de reintroducción da cegoña branca no Parque Natural das Marismas do Empordà. Pouco a pouco, a poboación de cegoña en Catauña foi aumentando, e no ano 1990 xa volveu aniñar na cidade.

Desde o primeiro momento, o concello de Lleida apoiou estas iniciativas para a recuperación das cegoñas. O seu decidido interese por acadar unha práctica ambiental axeitada púxoo de manifesto ao asinar en 1994 a Carta de Aalborg, ou carta das cidades europeas para a sostenibilidade. Coa súa sinatura, as cidades e vilas europeas comprométense a participar nas iniciativas locais da Axenda 21 (guía europea que apunta unha serie de actuacións medioambientais) e a levar a cabo proxectos encamiñados a un desenvolvemento sostible da súa localidade. O concello ilerdense autorizou e colaborou na colocación de plataformas para o emprazamento de novos niños de cegoña na cidade, a limpeza de restos de paos e excrementos que caen dos niños das aves e o labor de educación ambiental sobre a cegoña branca que realizan os voluntarios da asociación TRENCA (Asociación de Amigos do Centro de Recuperación de Fauna de Vallcalent).

A pesar do seu futuro esperanzador, hai unha morea de perigos que seguen a ameazar a poboación actual de cegoñas. O máis salientable é as liñas de media tensión, coas que topan estas aves planadoras, electrocutándose e caíndo de alá embaixo, morrendo na maioría dos casos.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: