Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Unha agardada gramática da lingua galega

Por Rosario Alvarez e Xosé Xove
A Editorial Galaxia prepara, entre as súas novidades, a gramática de Rosario Alvarez e Xosé Xove, ambos e dous profesores na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e investigadores activos do ILG. Canal Estudios Galegos publica, en primicia, o seu limiar íntegro.

- 04:54 29/05/2001
Tags:

A descrición da gramática dunha lingua é unha tarefa permanentemente inacabada, pois aínda nas de tradición lingüística máis ricaz quedan sempre zonas escuras, problemas mal abordados, estilos desatendidos, procesos de cambio en marcha, novas teorías ou modos de encara-la descrición, etc.; e en situacións de minoración, coma a padecida durante séculos polo galego, a descrición gramatical vese adoito limitada por unha achega insuficiente de descricións de conxunto e de traballos parciais.

A edición das primeiras gramáticas galegas acompañou os inicios do Rexurdimento cultural e literario (sempre é de lembra-la de Saco y Arce, de 1868), mais estas non se sustentaban nun tecido de estudios gramaticais precedentes, que non se comezou a urdir ata os anos setenta deste século. O desenvolvemento relativamente recente dos estudios gramaticais tocou varias cordas, todas elas indispensables para a redacción dunha gramática do galego moderno: recollida e descrición da lingua oral, a través dos testemuños de falantes xenuínos; descrición da lingua de autor e da lingua literaria no seu conxunto; coñecemento da lingua tradicional, por medio de estudios diacrónicos. Por calquera destas tres vías, o saber sobre o modo de ser do galego é cada vez maior e máis perfeccionado, mais nunca total.

Por iso concibímo-la redacción da Gramática como un proceso sempre en marcha e sempre inacabado. Esta Gramática que agora chega ás súas mans comezou a xestarse no mesmo momento en que se rematou a Gramática Galega publicada por esta editorial en 1986. E non pretende substituíla, senón ofrecer ó público -non necesariamente o mesmo público- unha gramática fundamental que dea conta do mellor coñecemento do galego adquirido na ducia de anos que pasou desde aquela.

Benefíciase, esta, de que nos mesmos anos se producise a implantación, por primeira vez na historia, de materias de gramática galega nos cursos universitarios da especialidade de Filoloxía Galega, das que fomos encargados os dous autores deste texto. A necesidade académica de ter que impartir a ese nivel programas completos de fonética e fonoloxía, morfoloxía, sintaxe, semántica e lexicoloxía obrigounos á definición dun modelo gramatical, a unha urxente achega de información sobre os ámbitos máis desatendidos e a unha reflexión completa e equilibrada sobre o xeito de comportarse a lingua: a gramática que lles ofrecemos contén o resultado inmediato deste labor. E o proceso continúa, porque, mentres damos cabo a este texto, no seo do Instituto da Lingua Galega estanse xestando outros de alcance e obxectivos distintos, resultado do labor conxunto noso e doutros profesores que na Universidade de Santiago se foron incorporando ó ensino desas materias.

Diríxese a un público capaz de entender un texto que usa con normalidade a terminoloxía e o estilo debidos a un traballo especializado, pero procuramos redactala, na medida do posible, de xeito comprensible para un público máis amplo, que nas propias explicacións ou nos abundantes exemplos, moitas veces comentados, poderá atopar as claves que lle faciliten a comprensión.

Ofrece unha descrición da lingua estándar, sen pretensións de dar conta cabal das variacións internas, pero incorporando as que teñen tradición na lingua escrita e as que sendo de extensión relativamente ampla non están contempladas pola regulación normativa actual. Deixa fóra, polo tanto, as variacións que son marcadamente dialectais, sen peso na tradición escrita e sentidas como agramaticais para o resto do dominio. No tocante ás variacións diafásicas ou diastráticas, ten en conta algunhas das máis frecuentes, advertindo adoito que se trata de variacións deste tipo (p. ex. [coloquial]). Tampouco pretende ser unha gramática prescritiva, se ben na descrición xoga con frecuencia co contraste entre o que é correcto, o que non o é (marcado cun *) ou o que é de corrección dubidosa (marcado cun ?).

A pesar da súa extensión, esta é unha gramática procuradamente sintética, mais non por iso é un compendio dos estudios que se levan publicado ata o momento. Boa parte dos esforzos foron dirixidos a ofrecer unha descrición sintética, pero suficientemente completa, que acollese novas perspectivas e achegas; sen ser rupturista, contén unha visión persoal da gramática, pois non renunciamos a ofrecer en moitas ocasións a nosa interpretación dos feitos. Non hai nela, por iso, espacio para xustificacións teóricas, e isto impón certo comedimento á hora de propoñermos análises ou opcións que non coinciden coas tradicionalmente asumidas; con todo, os exemplos van acompañados con frecuencia de anotacións e explicacións entre parénteses cadradas.

Finalmente, aínda sendo unha gramática que recolle o noso labor, en non poucas ocasións inédito, é obviamente debedora dos traballos realizados por un nutrido grupo de investigadores, fundamentalmente no seo do ILG. O estilo debido a unha gramática destas características, sen notas a rodapé, impide toda remisión ás obras correspondentes, polo que desde aquí queremos deixar constancia desa contribución e desta débeda. Na mesma liña de construcción colectiva e anónima da descrición lingüística da nosa lingua, agradecemos desde xa a colaboración dos usuarios que nos permitan mellorala.

Rosario Alvarez & Xosé Xove
Gramática da lingua galega.
Vigo: Galaxia, 2001.
ISBN Pendente


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: