Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Monográfico 2 / TRADUCCION

Coordina Kathleen N. March
Catedrática do Departamento de Linguas Modernas, University of Maine
Nunca se ten falado nin escrito dabondo sobre a traducción. Só os menos informados pensarán xa nun proceso feito entre o texto orixinal e un diccionario, porque traducir quer dicer interpretar e quer dicer facer unha interpretación personal xunto cunha interpretación para os posibeis lectores. Tamén quer dicer expresar unha teoría sobre como funcionan as linguas humanas, como representan a realidade, como inflúen nos receptores. ¿Como arrincamos unha lingua do seu contexto sociocultural para facela pasar por outra? ¿Con que precision cómpre traballarmos? Algunhas teorías e teóricos afirman a necesidade de producir un texto o máis achegado posible ao orixinal, deixando así "en paz" ao autor. Outras teorías esixen o producirmos un texto asequíbel aos lectores, deixándoos a estes en paz.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

Traducir é, entón, un risco, sempre; é tamén unha decision ética que tomamos, porque como traductores a nosa versión da realidade textual é a que cruza océanos xeográficos e lingüísticos para caer nas mans e nos corazóns de xentes moitas veces sen información previa sobre a obra ou o autor. E, ¿a quen traducimos e a quen non?

Non é preciso nen posible representar todos os aspectos da traducción en relación coa lingua galega. Hai algúns que traducen, ou din traducir, do portugués ao galego, outros do galego ao castelán, e outros do galego ao galego. Todos estes procesos teñen unha carga ideolóxica. Por outra banda, hai algúns que insisten que é importante traducir as obras clásicas á lingua de Galicia. Outros afirman que o máis importante é termos literatura infantil en galego para que haxa lectores –e futuros escritores– dende o comezo.

Cecais o máis importante neste intre é mantermos o debate aberto e vivo. Que os traductores declararen os seus principios e procesos de traballo é outro xeito de entendermos todos por qué, a quén e cómo se traduce, sexa a lingua galega o ponto de partida ou o ponto de chegada.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: