Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

A traducción e o sistema cultural galego

Por Ana Luna Alonso
Extracto de "A traducción no desenvolvemento do sistema literario en galego. Os cambios de voz de Manolo Rivas", comunicación recollida nas Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos celebrado en La Habana. Ana Luna é profesora de Traducción (francés / galego) na Universidade de Vigo e a súa investigación está orientada cara á influencia das traduccións no sistema literario galego.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

[...] A realidade galega segue a ser peculiar por tratarse dunha comunidade bilingüe, que de ningún xeito pode ser considerado harmónico. Se ben é certo que a posta en marcha da lei de normalización da lingua favoreceu o cambio de sensibilidade cara á nosa lingua e a nosa literatura, o certo é que a normalidade aínda está lonxe de ser un feito real. E no caso de moitos dos textos literarios que se producen, e moitos dos que se traducen, aínda se mantén unha actitude estética militante, que engade un elemento máis de significación e unha nova función normalizadora, que por outra parte, debe ter moi presente o mediador.

Cando se traduce unha obra que procede dun sistema forte como o castelán, o francés ou o inglés cara ó galego, ademais de prestixiar a nosa lingua, estamos outorgándolle un valor engadido, no caso do castelán, precisamente por tratarse da lingua forte coa que temos que convivir no proceso de normalización. Do mesmo xeito, o feito de traducir unha obra galega cara ás outras linguas de prestixio, sexa castelán, alemán ou francés, está demostrando que a nosa lingua ten a suficiente autoridade e posibilidade de mostrar a súa diferencia, aínda que como ocorre con frecuencia, isto só se produce cando a obra acada algún premio.

Este é o caso da traducción cara ó francés de En salvaxe compaña (1994), (En sauvage compagnie, 1997), que aparece presentada co seguinte texto de contraportada: "Manuel Rivas escribe en lingua galega e tradúcese el mesmo ó español. O súa primeira antoloxía de contos (1990) recibiu o Premio da Crítica e en 1996 o Premio Nacional de Literatura".

Todo o que acabamos de expresar provoca unha serie de tensións no propio sistema e na súa evolución, que deben ser estudiados e analizados de xeito moi diferente, a como se actúa con linguas que supostamente posúen a mesma capacidade de expansión. A escolla de qué se traduce e cómo se traduce é pois fundamental para unha teoría da recepción dos textos, así como para unha teoría da traducción no ámbito minoritario. O axente mediador entre culturas, como xa apuntamos máis arriba, ten que ter moi presentes todos estes elementos á hora de elaborar unha traducción. O traductor dunha lingua minoritaria (no sentido directo ou inverso, aínda que este non sexa tan común), debe ser moi consciente de todo o entorno que envolve ó proceso, no que interveñen elementos socioculturais e factores económicos que condicionan enormemente os posibles resultados.

Por outra parte, e no caso do castelán con respecto ó galego, hai que ter en conta ademais, unha cuestión na que coinciden tódolos estudiosos da traductoloxía, o feito de que a proximidade das linguas facilita o trasvase pode dar lugar a erros e vicios na traducción, precisamente provocados pola falta de distanciamento do mediador. O traductor, que neste caso, exerce de axente normalizador, ten que saber medir cándo e cómo distanciarse. A problemática concreta que deriva disto é que o traductor pode tratar de diferenciar as linguas en exceso, recorrendo ó uso de arcaísmos e termos en desuso que a farían incomprensible para os receptores, pode buscar o léxico e a terminoloxía nun pasado, que aparentemente daría como resultado un texto máis "enxebre", pero que en definitiva, dificultaría a comprensión e "traicionaría" a súa función. O uso de calcos léxicos e morfosintácticos, así como o emprego de termos anacrónicos non lle concede ó texto o ton exótico que supostamente o diferencia ou achega ó orixinal, máis ben ten como resultado a reinvención doutro texto.

A traducción literaria foi un eido case sempre reservado ós creadores, por tratarse precisamente de textos que esixían unha sensibilidade especial para a súa reproducción. Sen embargo, son poucos os escritores que se dedican a autotraducirse, precisamente por medo a manipular os seus propios textós. En Galicia, podemos citar a Alfredo Conde, Suso de Toro ou o propio Manolo Rivas, que durante un tempo traduciu ás súas obras ó español, logo foi a profesora Dolores Vilavedra quen pasou a ser a súa voz na ficción para o español e curiosamente, repite como traductor na versión española de “A man dos paíños” publicada recentemente en Alfaguara.

O feito de poder autotraducirse, semella facilitarlle as cousas ó mediador, posto que en principio, é o lector "ideal", o que mellor coñece a obra e a intención do escritor. Neste sentido é un privilexiado que dispón da sensibilidade dun (e do) escritor e posúe o dominio dos (e dos seus) recursos estilísticos, polo tanto, non se lle han escapar elementos de difícil comprensión.

Pero unha vez máis temos que ter en conta aquí, o feito de que estamos a falar dunha lingua minoritaria, que se desenvolve nun entorno condicionado por elementos e fenómenos moi concretos. O escritor que vive en Galicia e escribe en galego, convive cunha lingua maioritaria que exerce unha presión constante sobre a minoritaria, e é transmisora dunha cultura que convive en aparente harmonía coa outra. Así pois, as obras que produce e que traduce, estarán necesariamente máis influenciadas polo que se fai, o que se di, e o que se aprende en castelán, que polo que se fai, o que se di, e o que se aprende noutras linguas. O creador galego que escribe en galego comparte esas dúas culturas, pero decide instalar a súa obra e a súa forma de expresión íntima nunha delas, a minoritaria. Séntese partícipe das dúas, pero toma postura por unha delas, voluntariamente. Isto non impide pois, que se considere un individuo perfectamente bilingüe, e o que é máis importante, coñecedor de dúas culturas. En consecuencia, esta sería a razón que nos permitiría afirmar que nos atopamos diante do traductor ideal.

Sen embargo, ó lado de todas estas supostas vantaxes, atopamos tamén inconvenientes, non só para o caso de autores que pertencen á mesma cultura, senón tamén para os que exercen a función de traductores das súas obras en xeral, e que en moi raras ocasións, recorren a un revisor que os asesore da naturalidade do seu rexistro na lingua de chegada. Moitos creadores acaban caendo no perigo de crear outra obra diferente, sen respectar o texto orixinal, permítense a licencia de poetas, que non lle estaría permitida a un traductor alleo, e en consecuencia, repercute negativamente no resultado final. Ó engadir, omitir e mesmo substituír elementos do discurso sen razón xustificada, temos unha nova versión, unha adaptación do orixinal. Como contrapartida, están tamén as traduccións de autores, que na súa teima de seren «fieis» e o máis literais posibles ó texto de partida ou á suposta “intención” do autor, acaban por ofrecer unha versión excesivamente filolóxica, pobre e anquilosada, do texto de partida. En calquera caso, estamos diante dunha obra que pode perder todo o interese fronte ó orixinal, precisamente porque dela se desprende unha ausencia de flexibilidade e de «frescura». Se a isto lle engadimos, que a traducción de moitas das obras galegas que se traducían a outras linguas, pasaban polo castelán, como lingua intermediaria, teremos como resultado, un texto que xa non ten nada que ver co texto escrito no orixinal na nosa lingua.[...]

Ed. de Dieter Kremer
Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos. Un século de estudios galegos / Galicia fóra de Galicia. Universidad de La Habana. Facultad de Artes y Letras. Cátedra de Cultura Gallega. 17 a 21 de abril do 2000.
Sada: Galicien-Zentrum der Universität Trier & O Castro, 2001.
Tomo I. Lingua. Literatura. Traducción.
Tomo II. Estudios Migratorios. Etnografía. Dereito. Ciencias Económicas. Artes. Varios.
ISBN 84-8485-000-5


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: