Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Nacionalismo e modernismo: Joyce en galego

Por Mª Teresa Caneda Cabrera
A traducción parcial do Ulises ilustra o interese do grupo Nós coas actitudes doutros escritores cara ó nacionalismo. Extracto do relatorio recollido nas Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos celebrado en La Habana. Mª Teresa Caneda Cabrera é profesora de Literatura Inglesa na Facultade de Filoloxía e Traducción da Universidade de Vigo.

- 05:21 26/06/2001
Tags:

[...] Joyce afastouse expresamente do tipo de proposta que levaban a cabo os autores do Irish Literary Revival por considerar que estaban a favorecer unha versión dun irlandesismo caricaturizado, populista e provinciano, arraigada despois de todo nos propios estereotipos irlandeses presentes na literatura inglesa do século XIX. Esta postura ten sido frecuentemente interpretada como representativa do carácter marcadamente apolítico da súa actitude artística e do seu rexeitamento do nacionalismo e, pola contra, indicativa do seu compromiso co modernismo artístico europeo. De feito, a meirande parte da crítica joyciana está hoxe a falar dun proceso de institucionalización mediante o que a experimentación formal da súa ficción acabou por asimilarse inxustamente á imaxe do autor como defensor dunha arte internacional e modernista, que supera as supostas limitacións do nacionalismo cultural. A creación desta imaxe perpetuada ata case principios dos anos oitenta, contribuíu xa o seu contemporáneo Ezra Pound:

Un xa se sente canso de tanta imaxinación irlandesa ou celta dálle que dálle [...] Pola contra velahí témolo caso do Sr. Joyce. El é ben concreto. Non é unha institución para a promoción do ruralismo irlandés. Ten aceptado un estándar internacional de prosa e sigueo. (Pound 1967)

No seu caso, Risco construe unha imaxe de Joyce ben diferente xa que o que el pretende é insinuar tacitamente as conexións entre as situacións galega e irlandesa. Deste xeito, Joyce aparece como un modelo para os escritores desta outra terra, como Irlanda tamén celta, "insular" e atlántica. A manipulación desta introducción, un esforzo máis por proxectar unha imaxe de Joyce que case coa ideoloxía dos Nós, vai na liña do que será en último termo a intención da futura traducción: ó pór os fragmentos en galego, Otero Pedrayo consegue amosar as dúas culturas dun xeito paralelo.

O artigo de Risco fai alusión á cuestión do seu rexeitamento perante a postura nacionalista do seus compatriotas irlandeses e o seu afastamento da literatura comprometida coa causa: "Desbotou da súa y-alma a relixón, a lengoa e o patriotismo irlandés. Escribeu en contra do Teatro Nacional". Sen embargo, a conclusión do seu ensaio salienta explicitamente o innegable "irlandesismo" deste "descastado" que:

padece no desterro a obsesión de Irlanda. Que tódal-as súas obras tratan da Irlanda, pasan na Irlanda, e os seus personaxes son irlandeses [...] qu'o seu espírito é fondamente irlandés: irlandés pol-a súa rebeldía, pol-a exaxeración, pol-a paixon, pol-o humorismo, pol-a cobiza do misterio, pol-a rareza, porque non s'imita a ninguén. (Risco 1926: 3)

"Irlandés porque non imita a ningúen". Esta última frase de Risco reflicte a gran inquedanza de toda a xeración cara á procura dunha forma e un discurso estéticos que se afastaran das imitacións para poder proclamar así a súa natureza única e diferencial. A conclusión de Risco resulta ser ademais unha suxestión para interpretar a obra de Joyce e unha proposta para achegarse ó seu particular discurso nacionalista.

Pola súa parte, Seamus Deane mantén que a ficción de Joyce estaba a crear unha realidade que non pode ser atopada en ningures. E dicir:

máis ca identifica-la súa ficción cunha única estructura ou grupo de estructuras, investigou a actividade mesma da producción de estructuras, descubrindo sempre que hai algo de excesivo na linguaxe [...] máis alá de calquera principio de estructuración. (Deane 1982: 181)

Para o crítico irlandés, a novedosa experimentación (a innovación á que se refire Risco) coa que Joyce se achegou a lingua da súa ficción está asociada dun xeito intrínseco cunha proposta radicalmente nova para a producción dun discurso e unha estética nacionalistas. A postura de Deane, vén a representar unha nova tendencia crítica no panorama contemporáneo das chamadas lecturas políticas da obra de Joyce. Refírome ás interpretacións que manteñen que o peculiar estilo de Joyce responde precisamente a súa exploración de novas formas de representación da identidade irlandesa.

Recentemente, outra crítica irlandesa, Emer Nolan, ven de denunciar que o que se esconde trala maioría das interpretacións de Joyce é unha interesada manipulación ideolóxica empeñada en ofrecer unha relación de oposición entre os discurso do modernismo joyciano e do nacionalismo irlandés. Nolan di o seguinte:

[Estas interpretacións] manteñen que a súa exploración no terreo da linguaxe, a identidade e a historia son incompatibles coa respeto pola tradición e a comunidade presentes na ideoloxía nacionalista. O nacionalismo, segundo estes críticos, ó ofrecer unha estreita filosofía racial e un modelo mitificado de historia acaba únicamente por reflectir ó imperialismo fronte o que se opoón. O modernismo, no caso de Joyce [...] introduce un universo de multiplicidade democrática. (Nolan 1995)

Para Nolan, o modernismo de Joyce e o nacionalismo irlandés non só poden senón que deben de entenderse como discursos análogos. Fronte a idea extendida entre a meirande parte da crítica de que o seu modernismo é transnacional e supera a «intolerancia» do esencialismo cultural típica dos nacionalismos, ela mantén que o autor irlandés experimenta coas formas de «narrar a nación». Neste senso, a experimentación vangardista que caracteriza o estilo de Joyce, xeneralmente contemplada como característica modernista por excelencia, é observada por Nolan como expresamente vinculada a súa búsqueda dun discurso artístico alternativo. É dicir, a través da súa ficción o escritor proporciona un modo de representación, necesariamente innovador, para unha conciencia tradicionalmente desposuída desa posibilidade de representación. [...]

Baixo a luz da crítica máis revolucionaria escrita sobre Joyce nesta fin de século, ben se pode considerar que os escritores da xeración Nós se adiantaron ó seu tempo. Mentres que Joyce estaba a ser acusado de pasividade, indiferencia e mesmo antinacionalismo polo seus contemporáneos, os escritores galegos foron capaces de asumi-lo caracter innovador da súa proposta estético-ideolóxica. O referirse ó irlandesismo de Joyce como característica inherente ó seu estilo ─"pol-a súa rebeldía, exaxeración, pol-a paixón, pol-a rareza, porque non s'imita a ninguén"─, Risco invita ós lectores galegos a relacionar directamente a subversión estilística e o modernismo do Ulises co proxecto de creación dun discurso da nación.

Referencias bibliográficas

DEANE, Seamus (1982)
" Joyce and Nationalism ".
En James Joyce: New Perspectives.
Ed. Colin McCabe.
Sussex: The Harvest Press.

NOLAN, Emer (1995)
James Joyce and Nationalism.
London: Routledge.

POUND, Ezra (1967)
Joyce/Pound: The Letters of Ezra Pound to James Joyce, with Pound's essays on Joyce.
Ed. Forrest Read.
London: Faber.

RISCO, Vicente (1926)
"Da Renacencia Céltiga. A Moderna Literatura Irlandesa".
En Nós 67.


Ed. de Dieter Kremer
Actas do VI Congreso Internacional de Estudios Galegos. Un século de estudios galegos / Galicia fóra de Galicia. Universidad de La Habana. Facultad de Artes y Letras. Cátedra de Cultura Gallega. 17 a 21 de abril do 2000.
Sada: Galicien-Zentrum der Universität Trier & O Castro, 2001.
Tomo I. Lingua. Literatura. Traducción.
Tomo II. Estudios Migratorios. Etnografía. Dereito. Ciencias Económicas. Artes. Varios.
ISBN 84-8485-000-5


2/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: