Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

O funcionamento das antoloxías intersistémicas

Por María do Cebreiro Rábade Villar
Sobre a cuestionable inocencia destas antoloxías literarias e a súa incidencia na construcción da identidade. María do Cebreiro Rábade Villar é membro da área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela. Prepara a súa tese baixo o título A análise do fenómeno antolóxico nun marco teórico sistémico: as literaturas peninsulares.

- 07:16 26/06/2001
Tags:

Un dos tópicos máis estendidos entre os reseñadores, os críticos, os teóricos, os antólogos, os poetas e demais aspirantes a gañar algún que outro escano na República das Letras é a consideración da modalidade escolma poética como un mal menor. Prescindindo por un momento das valoracións, case sempre fundamentadas nos termos dunha moi discutible arbitrariedade do gusto ou dun non menos discutible tribunal do tempo, o certo é que a incidencia das antoloxías no (hiper)mercado literario fainas, cando menos, merecentes da nosa curiosidade.

En moitos casos, o exercicio do espírito crítico, práctica hixiénica non sempre secundada, a pesar do ruído, coa suficiente persistencia, pode e debe espertar as nosas detectivescas sospeitas, dirixíndoas, esta vez si, cara a denuncia do carácter ideoloxicamente condicionado de tódalas mostras antolóxicas. E isto non tanto polo xogo de inclusións e de exclusións autoriais, que afecta ó ben pouco interesante dominio da feira das vaidades individuais (capital mediante), senón máis ben pola relación que as escolmas poéticas contraen con factores de orde colectiva, tales como a constitución dun imaxinario social. Aínda que ó antólogo en cuestión lle guste concibirse como suxeito transcendental kantiano (quen isto escribe xa asinou unha escolma, e sabe de qué fala e tamén o que cala), os problemas que afectan á producción e á recepción das antoloxías non poden dirimirse nin analizarse en termos subxectivos.

A presente reflexión afecta a un tipo de antoloxía que, polas súas complexas estratexias de selección, adoita ser máis inmune ás suspicacias que deberían espertar tódalas escolmas. Pensamos que a inmunidade destas mostras, que aquí tipificamos como intersistémicas, se asenta no feito de que, mesmo sendo producidas para a súa difusión no mercado literario galego (¿xa hipermercado ou aínda non?), implican no seu funcionamento a autores e a textos poéticos procedentes doutros sistemas, ó tempo que adoitan conferirlle ó polisémico concepto de "sistema" unha acepción estrictamente nacionalitaria. En efecto, podería parecer que a distancia cultural e xeográfica que xebra o sistema de partida doutros sistemas literarios como o vasco, o irlandés ou o islandés (por aducir o obxecto de dúas antoloxías intersistémicas recentes) converte as instancias de producción propias en mans inocentes. Ou negras.

Con todo, xa Einstein mostrou, botando a lingua a pacer con moita gracia, que isto das distancias é bastante relativo. Nunha antoloxía intersistémica, os antólogos que a conciben son, como en tódalas escolmas, partes e xuíces, e non habitantes dunha suposta exterioridade neutra. Mentres que nas antoloxías unisistémicas a creación e a recreación da identidade colectiva é un fenómeno moi visible, ata o punto de ser frecuentemente textualizado nos seus limiares, nas antoloxías intersistémicas debe ser deducido polos seus avisados lectores. Cumpriría preguntarse, a este respecto, qué criterios guían a selección de determinados sistemas (e non doutros) como obxectos dunha determinada antoloxía. Do mesmo xeito, sería interesante reparar nos mecanismos simbólicos que vertebran estas mostras. Cremos que a conciencia de subalternidade con respecto ós hipotéticos centros literarios, característica que as instancias de producción do sistema de partida lle atribúen tamén ó sistema que constitúe a materia da escolma, é un dos principais estímulos que rexen a producción de antoloxías intersistémicas nas literaturas periféricas.

Por outra banda, é posible trazar unha distinción entre dous tipos de antoloxías intersistémicas. Nun deles, quizais o pólo menos marcado da oposición, a antoloxía actúa como ponte entre dous sistemas literarios máis ou menos arredados entre si. Estas escolmas poderían denominarse diasistémicas, termo que incide no carácter fronteirizo asumido polas instancias antolóxicas. No outro tipo, os antólogos postulan a existencia dun intersistema literario, e aínda que incorporan tamén o dispositivo da traducción no corpo da escolma, a énfase non recae tanto na especificidade individual das literaturas antologadas como nas relacións (históricas) de proximidade que contraen. A posible existencia dun intersistema literario peninsular (ou hispánico, ou ibérico; significativamente, tódalas denominacións son problemáticas) é un dos debates que as antoloxías intersistémicas abren no seu funcionamento. Noutra orde, non pode ser casual o feito de que a emerxencia de antoloxías intersistémicas en Galicia teña lugar nun momento de relativa normalidade cultural, situación que permite o postulado dun concepto de identidade máis plural.

En conclusión, alén da probidade ou falsidade dos antólogos, do éxito ou fracaso dos seus vaticinios, do impacto das mostras en termos comerciais ou mesmo da súa acollida crítica, as antoloxías, e moi particularmente as antoloxías intersistémicas, constitúen un fascinante obxecto de reflexión para tódalas persoas interesadas no estudio das fontes de construcción e difusión da identidade galega.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: