Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Deporte e política: as estratexias do poder

Por José Luís Salvador
Profesor de Xestión e Instalacións deportivas no INEF-Galicia da Universidade da Coruña
:: Achegamento ó nacemento do deporte e a súa evolución desde o xogo ata a súa manifestación actual como espectáculo, é dicir, a transformación ó longo da historia desde a súa práctica libre deica a mercantilización actual. Resumo do relatorio do mesmo título presentado na XIX Semana Galega de Filosofía.

- 06:32 24/07/2002
Tags:

Do xogo ó deporte: A domesticación dos corpos
Principiamos por constatar que o deporte de hoxe en día, as súas instalacións, regulamentos e simboloxía son de construcción recente na historia da Humanidade. A ninguén se lle oculta que a actual e frenética actividade físico-deportiva é o espacio simbólico con máis valoración social e política do planeta. Distintas escolas ou liñas filosóficas advertiron nesta especie de moda, unha estratexia deliberada para impoñer unha política do corpo.

Primeiro foi o corpo cousa, o escravo; despois, corpo explotado no traballo e nas guerras. Mentres que agora ándase detrás da ilusión do corpo sempre mozo para conseguir o corpo consumista.

Tamén se pode ver coma unha forma de pedagoxía para soster o sistema de producción, reforzando os seus efectos de depredación para enaltecer o Estado e o consumo, coa meta de manter o sistema de mercado. Outras liñas de observación do fenómeno deportivo veno coma unha extensión do xogo, ese eterno estado creativo do home que o sitúa por riba das épocas, das modas, das idades e dos obxectivos terreiro dos políticos. Outros, en fin, emprazan o deporte nunha especie de bula utópica que anuncia o remate das ideoloxías e a integración nunha unidade planetaria e unificadora.

Sen ter planeamentos rectificadores, nin ser un procurador doutras vías, coido que unhas vías non son excluíntes das outras. Antes ben, estimo que todas se completan entre si. Tamén admitiría a suma doutras teorías, tan válidas como calisquera. Postulo que cómpre ter unha visión crítica do deporte, afondando nas súas raíces, que nos conduza a estudiarmos polo miúdo as relacións dialécticas entre o poder e o control dos individuos, neste caso, a través do uso do corpo.

O Estado moderno foise construíndo sobre unha serie de revolucións nas que a burguesía non só asumía o poder e os medios de producción, senón que trocou os conceptos do corpo vivido, poñendo as bases para aniquilar a cultura rural a prol da urbana e, sobre todo, intervir na vida do individuo regulándoo e controlándoo desde a norma e desde o que chaman lei, “que obriga a todos por igual”, anque non parece protexer coa mesma equidade. O Leviathan, soño do poder burgués, corporeízase e aparece máis monstruoso que nunca en e sobre os individuos.


O xogo coma manifestación do individuo

Noutra banda, o xogo, esa manifestación de arrevesada comprensión, é a actividade libre do neno e do adulto. Son abondosas as teorías que relacionan as actividades físicas (nas que podemos incluír a danza), o xogo, o deporte e a cultura, como corrobora a abundante bibliografía ó respecto. Verbo da cuestión do xogo, téñense adoptado diversas actitudes que van desde o puro e simple rexeitamento, por motivos de rigor relixioso, como foi o caso, dentro da cultura occidental, da identificación de todo o festivo e divertido, como é o xogo e o deporte, coa cultura clásica chamada pagá (o Entroido incluíuse entre esas tradicións malditas vidas, supostamente, das lupercais, saturnais ou bacanais romanas, procedencia desmentida polo antropólogo Caro Baroja na súa xa clásica El Carnaval (1983), na que sitúa a xénese desta festa transgresora no refugamento do férreo control da Igrexa durante a Idade Media); deica a súa total aceptación apoiándose en razóns de antropolóxicas, psicolóxicas e, sobre todo, pedagóxicas.

Sóese sinalar a Schiller, nas súas Cartas sobre la educación estética del hombre coma un dos primeiros defensores e estudiosos serios do xogo. Desde aquela, son centos os textos sobre xogos, nos que aboia, de cabeceiro, a súa famosa frase: “Fique ben entendido que o home só xoga en canto é plenamente tal, e só é home completo cando xoga” (SCHILLER, t. VIII, Carta 14; tamén desenvolve esta idea nas cartas 16, 20, 26 e 27, 1862; cit. CAILLOIS, 1958, 7). Dende comezos do século XIX tense estudiado de xeito sistemático o xogo, tal como nos explica moi ben Moltmann: desde o home occidental se viu obrigado a traballar disciplinada e racionalmente nas nacente, duras e cada vez meirandes industrias, estivo abocado a desterrar do seu mundo laboral o lúdico-divertido, por incompatible temporalmente coa explotación sistematizada nas fábricas. A festa, que o traballo rural permitía polos seus tempos de inactividade, ficou arredada e desde ese intre o xogou pasou a ser un problema de teóricos. Poida que as reflexións sobre o xogo nazan “a impulsos da saudade romántica ou utópica da simplicidade dun mundo infantil perdido ou aínda inacadado” (MOLTMANN, 1981, 117).

O Estado actual fundouse sobre a morte do pobo-en-corpo, como se dicía en tempos de Rousseau. Pobo-en-corpo que, durante a Idade Media, non se coñeceu nin se concedeu límites á desorde do seu uso. Lembremos o xogo do soule, o calcio, a crosse, a paume, a pelota..., extravagantes combates, case cruzadas entre pobos veciños, ou entre distintos barrios das escasas e non moi poboadas cidades, lembremos os estoupidos estrondosos do entroido.

Curiosamente, resulta paradoxal que sexa a partir do século XVI, no momento mesmo en que se comeza a publicación de tratados teóricos predicando a necesidade dunha educación corporal, cando o poder da monarquía fai todo o posible para arruinar calquera inversión popular no corpo. O paradoxo só é aparente: en teoría, este discurso sobre o corpo vixiado é o contrapunto dunha violencia gratuíta, sen fe, sen lei, sen orde...

Pero, naturalmente, alén das múltiples ordenanzas e edictos reais, o que rematará definitivamente coas prácticas físicas populares son os cambios fundamentais que intervirán no eido da economía, cara á estabilización entre 1750 e 1850 do sistema capitalista ( con todas as consecuencias coñecidas no plano da desfeita dos modos de vida, tanto desde o punto de vista do espacio, canto do tempo).

Por suposto que, a explotación productiva do corpo, consagrado o culto do proveito, non deixará nin espacio nin tempo á inscrición na memoria dun desfreado abotargamento deportivo. Destas confrontacións entre grupos que son tradicionalmente de status diversos, explotando rancores históricos entre barrios ou comunidades a nivel de partidos de balompé, frontón ou bolos non rexidos por regulamentos escritos, nin códigos normativos que son, promulgados desde arriba.

No contexto da loita de clases de principios do XIX, século no que a violencia se exercía no terreo da producción, fóra de toda mediación legal, instaurouse un proceso singularmente sorprendente: a partir de 1820, no interior dos colexios elitistas ingleses, abalados por crises que a miúdo esixían a intervención da forza pública para controlar os alumnos, reapareceron por provocadora iniciativa dos estudiantes os divertidos e vetados xogos medievais. Dura herdanza que xeraba unha reprobación xeneralizada desde os pais ata os profesores, pasando polos vixiantes e o adusto poder académico.

Pero algúns pedagogos souberon recoller a pelota que os alumnos lanzaran, entre outros Thomas Arnold. Este era un propagandista dunha ximnástica ó Gust-Muth destinada a restablecer a orde nas alegres aulas das clases dirixentes..., pero o abade arrédase das súas teorías ó constatar, pragmaticamente, que se pode tirar “proveito” do entusiasmo que provocan os xogos en contra da autoridade; así naceu a field e a práctica do self-gouvernement, dispositivo pedagóxico que non ha tardar en chegar a ser central na educación da elite burguesa. Ó prezo, naturalmente, dun refinamento meticuloso das prácticas físicas que conforman o alicerce de tal transformación. Aparecerán, pois, unha sistematización do código de enfrontamentos e a instauración dunha garantía que debe ser respectada: o árbitro. Ámbolos dous estabilizaranse progresivamente ó longo dos anos 1830-1860.

Estamos a entender que teimar en non ver a evolución e a transformación capitalista dos xogos medievais podería ser unha estafa intelectual e manipulativa. En realidade, trátase dun tipo de forma de “golpe de estado” epistemolóxico, unha subversión radical da lóxica do enfrontamento entre dúas colectividades antagonistas. O que, malia as múltiples tentativas do poder real para prohibilas, era unha institución local de organización dun xogo desenfreado que se estendía por todo o espacio colectivo ata os tellados das casas e o interior dos establecementos e tendas, vólvese unha incitación á confrontación mediatizada por un dereito establecido desde a cima e que se proxecta sobre un espacio escrupulosamente protexido, definido con grande luxo de detalles. Se a todo isto se lle engade que o que era autenticamente popular se torna celosa e exclusivamente burgués, hase constatar que a transformación non deixa de ser altamente significativa. Velaí o paso desde as esporádicas orxías de violencia lúdica e sen regulamentar á teatralización burguesa do xogo limpo, fair play, e do amateurismo, no intento máis descarado para apoderaranse dos xogos de orixe rural e presentalos como unha mostra dunha pretendida superioridade física e intelectual.

Sen ningunha intención de render contas desta innovación en termos mecánicos, devén edificante observar que a elite burguesa ofrece un modo de educación que se consagra a defender ilustrativamente a legalidade, mediante xuíces, árbitros, escoitas, regulamentos, medidas, etc., para os xogos populares, mais só en proveito dos futuros posuidores do capital; e iso ocorre nun intre da historia no que se están a producir loitas cada vez máis violentas no terreo das conquistas sociais, coa ausencia pura e simple de toda mediación legal.

Paga a pena enunciar unha hipótese: os deportes constitúen un teatro simbólico e lexítimo do enfrontamento, punto por punto, de intereses diametralmente opostos desde o momento no que uns e outros aceptan a efervescencia de que a loita sexa temperada por un código tan imperativo como neutro e garantizador... co que o deporte se constituíu nunha domesticación da loita de clases.

Con todo, pensar que se tratou dunha estratexia maquiavélica, que tivese como obxectivo, dalgún xeito, pechar á clase obreira nun sistema ideolóxico encofrado e constrinxido desde un principio, sería un craso erro.

Pola contra, a práctica do fútbol foi reivindicada durante moito tempo pola burguesía coma unha marca de distinción, e do seu uso estaban excluídas as clases populares. Ata o punto de que os esforzos illados dalgúns filántropos, antigos alumnos das public schools, por cambiaren esta situación, foron severamente xulgados polos compoñentes da súa propia clase social. En realidade, a práctica dos deportes colectivos non se tería desenvolvido deica o grandioso nivel que hoxe coñecemos se a clase obreira, ó tempo que conquistaba o paraíso dos seus dereitos, non tivese reivindicado moi activamente a participación nestes xogos (que, por outra banda eran seus) e, ademais, tivese identificado os seus progresos no deporte coas conquistas efectivas de privilexios de clase, susceptibles de se traducir posteriormente en avantaxes sociais nun terreo cotián.

Ironías do destino. Xogo de metáforas. Atopámonos con que a actividade física, que a clase burguesa entendeu como reservada á educación dos seus fillos para instruílos con tino na dirección das empresa, as ideas, a política e o estado, foi conquistada pola clase obreira, que se apoderou da pluma coa que, anos máis tarde, escribiu os folletos máis antirrevolucionarios contra os seus propios interese como cidadáns integrados nunha clase media.


O homo sacer

Arestora o deporte desapareceu como práctica lúdica e ceibe. É un producto máis do mercado no que o cliente so ten dúas opcións: a de espectador de deporte espectáculo ou a de consumidor do ximnasio de beleza .

Os mozos das clases medias non se poden ver reflectidos nos heroes dos estadios porque están enormemente afastados deles, dos seus logros, dos diñeiros que os circundan. As distancias son abismais e só as podemos acurtar mercando a camiseta ou a roupa do campión que segue tras as marcas, pero de roupas. As competicións intermedias coma os chamados Xogos escolares, Universitarios, desapareceron polo súa falla de rendibilidade económica e, xa que logo, política, conducíndonos ata as derradeiras consecuencias de confusión entre o poder e a vida, a presión directa do poder sobre a mera vida.

O Estado moderno, ó servicio da economía, foi convertendo a cada cidadán no homo sacer que xa recollía o Dereito Romano. Situouno nese umbral que Foucault chamaba biopolítica, é dicir, o momento no que a existencia política pon en xogo a súa existencia como corpo vivo, a súa mera vida biolóxica: as decisións sobre a súa vida e a súa morte son decisións que están tomadas desde a política, non a dos cidadáns, senón a da economía.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: